A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. A afiliación do SLG viaxa a Francia para coñecer a avicultura extensiva

A afiliación do SLG viaxa a Francia para coñecer a avicultura extensiva

30 de Abril do 2007

Campamento de avicultura en Francia

Tras realizar, durante o primeiro trimestre do ano, un curso sobre avicultura extensiva, o Sindicato Labrego da comarca do Deza e Tabeirós organizou unha viaxe formativa a Francia para coñecer un xeito alternativo de producir aves ao modelo intensivo imperante. As explotacións visitadas demostraron que se poden ter grandes producións respectando o medio am-biente, alimentando de xeito natural ás aves e creando sólidas estruturas económicas e sociais no medio rural. Velaí a crónica desta xente viaxeira do Sindicato Labrego Galego.

A primeira parada da viaxe foi o 2 de abril e serviu para visitar varias explotacións do Pais Vasco-Francés. A xuízo da persoas que viaxaron, destacou o caso do avicultor Christian Aguerre. A súa explotación forma parte dun grupo de interese económico xunto a outras oito granxas multifuncionais e de carácter familiar que fan venda directa. Teñen 200 clientes aos que lles reparten semanalmente hortalizas; e carne de vacún, de porcino, e de polo. A explotación de Aguerre ten 12 hectáreas, das que catro están destinadas á produción de polos en extensivo e de ovos con galiñas en réxime de posta en liberdade; unha hectárea está destinada á produción de pementa picante da denominación de orixe "Piment d'Espelette"; e as seis hectáreas restantes eran de monte e utilízaas para criar cochos en extensivo da raza porc basque.

A afiliación do Sindicato Labrego que participou na viaxe, manifestou moito interese nesta maneira de producir, no manexo e, sobre todo, no xeito de comercializar os produtos. En canto ao modelo de certificación, é privado e agrupa a 180 explotacións do País Vasco-Francés de maneira cooperativa baixo o nome de Idoki.

Nesa mesma xornada, tamén se visitaron explotacións de ovino para leite e se fixeron contactos con produtores e produtoras de cereixas.

Claves da economía local: redución de custes e pouco endebedamento

A segunda xornada, a do 3 de abril, comezou cunha visita a outra explotación, neste caso a de Thierry Berbille, na vila de Leluque, nas Landas. A explotación de Thierry tiña 150 hectáreas dedicadas á produción de millo para alimentar a unha cabana de 10.000 polos criados en extensivo en montes alugados á veciñanza. Esta explotación ten catro ATPs e forma parte da cooperativa Maïsadour, na que participan 450 avicultores en extensivo. Ademais, esta coo-perativa dedícase tamén á produción de millo, porcino e vacún.

Asemade, Maïsadour ten o 40% das accións da empresa que se dedica á matanza e comercialización dos polos, Les fermiers landais (Os granxeiros das Landas). No transcurso da visita, Thierry Berbille amosoulle á xente do Deza e Tabeirós as instalacións da súa explotación, moi sinxelas e coa maquinaria moi coidada para evitar o endebedamento da explotación; por exemplo, a colleitadora que utilizaba tiña máis de trinta anos. Logo de ver as instalacións nas que se procesaba o millo -con silos propios, muíños e transporte para levarllo ás aves-, o alumnado do curso subiu ata o monte, onde tiñan catro granxas en catro grupos de naves, e puideron ver dúas delas: a dos poliños e a dos polos antes de ser sacrificados. Thierry comentou que, no inverno, teñen pechados aos pitos até as seis semanas antes de irse para o monte, e no verán catro semanas. A base de alimentación é forraxe producida na propia explotación; a parte, danlles tamén proteína que adquiren mercando soia na cooperativa Maïsadour; un apuntamento importante é que non permiten que os cereais sexan transxénicos.

A visita do monte foi, quizais, o que máis chamou a atención. Á xente sorprendeulle gratamente que os polos estivesen ceibos, sen ningún tipo de peche, pois nunca se afastan do seu poleiro máis de 300 metros. A baixísima porcentaxe de mortalidade que teñen por aves de rapina e por animais de dúas e catro patas, e a simplicidade e a economía das instalacións foi outro dos aspectos máis destacados.

En Francia, adoitan a reciclar e aproveitar todo. Unha das claves da economía das explotacións está, en primeiro lugar, en reducir custes e, sobre todo, en minimizar o que se gasta en amortización como garantía de futuro.

Outra explotación visitada foi a de Marie Odile Tarzia, no concello de Campagne. Marie tiña máis de 90 hectáreas nas que sementaba millo para alimentar aos seus polos. A súa granxa leva funcionando dende 1996, ano no que fixo a transición de intensivo a extensivo sen deter a produción. A maior parte do seu material, como os silos, é de segunda man. Os tractores ténos en común con outras labregas e labregos. Nesta explotación, amais de Marie, traballan seu home e seu irmán. Parte dos terreos nos que teñen os polos son da súa propiedade, pero outros están alugados. As cabanas dos polos foron mercadas hai dez anos, eran pregábeis e desprázabanse con tractor.