A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. O SLG anima a denunciar os casos de efectos secundarios da vacina da lingua azul e informa da creación dunha plataforma estatal de gandeiras/os afectadas/os

O SLG anima a denunciar os casos de efectos secundarios da vacina da lingua azul e informa da creación dunha plataforma estatal de gandeiras/os afectadas/os

10 de Xuño do 2010

Vilalba, Freire e Cabarcos

Na mañá de hoxe Isabel Vilalba -gandeira da zona da Mariña- e Adolfo Cabarcos -gandeiro da zona da Terra Chá-, acompañados pola Secretaria Xeral do SLG, Carme Freire, denunciaron a existencia reiterada de efectos secundarios negativos logo da aplicación da vacina da lingua azul (LA) no gando.

linguaazul

Isabel Vilalba,  Carme Freire e Adolfo Cabarcos.

 

Estes efectos logo da vacinación implican a morte dos animais, o nacemento en condición de debilidade dos animais paridos por femias vacinadas, tamén dificultades para parir e morte logo de facelo, coxeiras, mamites raras, caídas da produción, infertilidade nos sementais, etc.

 

É interese principal das gandeiras e gandeiros ter a certeza de que a cabana gandeira está en perfectas condicións de saúde, polo que ten que quedar ben claro que é o sector produtor o que con máis insistencia demandamos controles que nos supoñan a garantía de que a cadea alimentaria non se vai ver afectada negativamente en ningún momento.

 

Agora ben, precisamente pola responsabilidade que nos atinxe en canto aos tratamentos que se aplican ao noso gando, e que logo será a alimentación da cidadanía, as produtoras e produtores do SLG vimos denunciando xa dende o ano pasado que a substancia inoculada ao gando está a ser nociva para os animais..

 

Segundo os datos feitos públicos pola Organización Mundial de Sanidade Animal,  a enfermidade da lingua azul ten unha incidencia do 10% no gando, en tanto que a afección negativa da vacina é extensíbel ao 25% do gando vacinado, segundo os datos publicados polo Ministerio de Medio Rural nun estudio con explotacións afectadas pola vacina.

 

Os gandeiros e gandeiras do Sindicato Labrego Galego, a través das voceiras da rolda de prensa de hoxe, denunciaron tamén as dificultades e presións existentes por parte da Administración cando algunha persoa quere denunciar a morte ou enfermidade dos animais logo da vacina.

 

En primeiro termo, só se contempla como efectos secundarios da vacina aqueles que se producen 7 días despois da subministración do compoñente. Ben, dende o noso punto de vista este prazo carece de lóxica que o sustente, posto que levamos máis dun ano comprobando que os efectos negativos mesmo se transmiten ás crías de femias preñadas que son obxecto da vacinación.

 

Polo tanto, este prazo distorsiona a recollida real de datos.

 linguaazul

 

En segundo termo, como sinalaron Isabel Vilalba e Adolfo Cabarcos, o habitual é que cando os gandeiros e gandeiras acoden ás oficinas veterinarias oficiais, primeiramente téntanos disuadir da vinculación das mortes e/ou enfermidades coa dose da vacina -co argumentos un tanto peregrinos, como o que acabamos de citar do prazo-, seguidamente, e se persisten na súa intención de denunciar, son presionados con que, de denunciar os efectos ou as mortes e enfermidades nestes termos, a Administración tería que inmobilizar a explotación, paralizando toda a saída e entrada de animais, co custe económico que iso supón, dificilmente asumíbel por ninguén, habida conta da delicada situación do sector produtor de alimentos.

 

O Sindicato Labrego Galego valoramos como moi preocupante o seguidismo que dende as institucións, nomeadamente as dedicadas ao control da sanidade animal, están a realizar dos intereses económicos da industria farmacéutica, comportamento que, por outra parte, ben podemos enmarcar nun incremento xeral de apoio a este lobby, sendo claros exemplos a nivel sanidade humana, a recente a introdución da vacina da Gripe A ou do Papiloma.

 

 

Plataforma de afectadas e afectados pola vacina da LA

 

O pasado 20 de maio, representantes do SLG reuníronse en Madrid con outras organizacións e grupos de gandeiros/as afectados das diferentes partes do estado. Cansos e cansas de constatar as incidencias nomeadas e que se nos responda sempre coa máxima de que a vacina non ten nada que ver -dende o inicio da campaña no 2008 xa houbo denuncias-, nesta reunión a nivel estatal constituíuse unha plataforma de afectadas e afectados pola vacina da LA.

 

Por último, cómpre sinalar que calquera persoa que sufrira este problema na súa explotación pode, e mesmo “debe”, achegarse aos nosos locais, onde lle prestaremos apoio e tomaremos os datos das consecuencias vinculadas á vacina, para deste xeito elaborarmos un documento onde reflectir o grao real da incidencia negativa derivada da aplicación da mesma.

 

[29 de Xullo do 2009] Que está a pasar coa vacina da lingua azul?, http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=29&i=314