Esta semana coñecemos a nova de que a empresa mineira Erimsa recibiu en Bruxelas un Premio de Desenvolvemento Sostible entregado pola Asociación Europea de Áridos (UEPG) polas “súas boas prácticas medioambientais na comarca de Ordes”. En outubro do ano pasado, recollía un galardón semellante de mans do mesmísimo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no marco do V Congreso Estatal de Áridos, que se celebrou en Compostela.
Do 25 ao 30 de novembro de 2019, La Vía Campesina e, na Galiza, o Sindicato Labrego Galego, chama á Xornada mundial de loita pola eliminación da violencia contra as mulleres. Como cada ano, facemos esta convocatoria para seguir loitando por sociedades conscientes e ceibes, sen explotación dos seres humanos e da natureza. Asemade, denunciamos o sistema capitalista, heteropatriarcal, racista e colonizador, que explota, oprime e atenta contra a vida das mulleres e da humanidade.
O Sindicato Labrego Galego está a recibir numerosas queixas de afiliados e afiliadas por mor das deficiencias do servizo de rehabilitación que ofrece o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), especialmente por parte de persoas que viven na montaña lucense.
O Sindicato Labrego Galego volve colaborar na organización do Foro Labrego de Agrecoloxía, un evento que chega á súa cuarta edición en 2019 e que, desta vez, escolleu o Convento Franciscano de Herbón (Padrón) para desenvolver o seu programa os días 16 e 17 de novembro. Nesta ocasión, tal e como adianta o xogo de palabras que dá título ao Foro -”Soberanía climática, emerxencia alimentaria”-, as diversas palestras e obradoiros virarán ao redor dunha cuestión candente como a crise por emerxencia climática.Como en edicións pasadas, o Foro está organizado pola Asociación Herbamoura e ten o financiamento da Deputación da Coruña.
A Asociación de Produtores de Carne de Montaña (Aprocam), coa colaboración do Sindicato Labrego Galego, desenvolveu un curso sobre comercialización de produtos cárnicos en Chantada ao longo do mes de outubro. Unha das partes máis interesantes destas aulas foi a saída de campo que se fixo a Cervantes, para coñecer de primeira man a experiencia da Cooperativa A Carqueixa, que dende hai medio ano puxo en marcha un anovador sistema de venda online que lles permite chegar co seu produto a calquera punto da Península Ibérica.
Xa estamos repartindo o Fouce328 polas parroquias de Galiza. Neste número traemos denuncias potentes, como a desastrosa xestión da Consellaría de Medio Rural que deixou sen executar ao redor de 130 millóns de euros na “lexislatura do rural” ou o proceso xudicial que se está a xestar en todo o Estado contra o cártel de industrias lácteas que foron multadas por pactar prezos. Ademais, damos conta en informacións e reportaxes da actividade da Cooperativa A Carqueixa, das palestras do Festival Son Labreg@, da intensa actividade formativa do SLG, da vendima das Xornadas Intervegas ou da manifestación da plataforma “Por un monte galego con futuro”, entre outras. Xa podedes descargar o voso exemplar na icona que atoparedes no remate desta páxina.
O Sindicato Labrego Galego puxo en marcha, o 7 de novembro, un intenso calendario de asembleas informativas en todas as comarcas leiteiras de Galiza para informar sobre a posibilidade de reclamar xudicialmente contra o cártel de industrias lácteas sancionadas pola Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.
O Sindicato Labrego Galego denuncia a intención de Medio Rural de rematar coas axudas agroambientais, das que se están a beneficiar ao redor de 4.000 granxas na Galiza, principalmente en Lugo e na montaña de Ourense. Sorprende isto cando o Informe de Contas do ano 2018 da Xunta, publicado esta semana, revela que Medio Rural deixou sen executar 116 millóns de euros ese ano, ou Agader 10 millóns (a metade do seu orzamento). Podes descargar o extracto do informe premendo na icona que atoparás ao remate desta nova.
Tal e como estaba previsto, a plataforma Por un monte galego con futuro, da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, organizou unha multitudinaria manifestación en Compostela o domingo 20 de outubro. Porque non queremos seguir sendo o almacén de celulosa para Ence, porque non queremos seguir enchedo as páxinas dos xornais coa Galiza arrasada por incendios, porque cremos e sabemos que os nosos montes poden ser unha fonte inesgotable e sostible de emprego e riqueza, porque o desafío de arrefriar o planeta para enfrontar o cambio climático así nolo esixe. Se queres coñecer as nosas demandas, consulta AQUÍ.
A Comisión contra as Minas da Terra Chá e os alcaldes de Abadín, A Pastoriza, Castro de Rei e Cospeito, en representación dos concellos da Terra Chá afectados polas concesións mineiras á empresa Erimsa, ofrecemos, o 18 de outubro, unha rolda de prensa para expresar a preocupación polo inicio de actividades extractivas de Erimsa na bisbarra. De seguido, compartimos o comunicado que emitiron.
Este Fouce imprimiuse en vésperas do 27 de setembro, data dunha mobilización global en todo o planeta para esixir dos gobernos o recoñecemento de que nos atopamos diante dunha crise de emerxencia climática e o compromiso con políticas que minimicen a emisión de gases con efecto invernadoiro á atmosfera. Trátase de evitar que a temperatura global siga subindo como até agora e de non chegar a un punto de non retorno no que a catástrofe sería irreversible.
No Fouce 326 xa informabamos da negociación dun tratado de libre comercio entre a Unión Europea e Mercosur (Arxentina, Brasil, Uruguai, Paraguai e Venezuela). Xa daquela advertiamos que este acordo comercial resultará catastrófico para Galiza, especialmente para o medio rural, se realmente se acaba asinando. Sectores estratéxicos para a nosa economía agraria como o da carne de vacún resultarían arrasados.
A Comisión contra as Minas da Terra Chá, integrada por máis dunha vintena de colectivos, mantivo, o 7 de outubro, unha xuntanza tras constatar o inicio de actividades por parte da empresa Erimsa. Dende a Comisión contra as Minas na Terra Chá non temos constancia de que esta mineira de capital noruegués e chinés teña título ou habilitación xurídica suficientes como para iniciar a súa actividade en ningunha das concesións aprobadas para extraer seixo en 2006 e que afectan 5.700 hectáreas nos concellos de Castro de Rei, Cospeito, A Pastoriza, Abadín, Vilalba e Riotorto.
A Coordinadora das Persoas Maiores do Sindicato Labrego Galego apoia a marcha e manifestación convocada na Galiza polo Movemento en Defensa das Pensións (Modepen), que será en Madrid o vindeiro 16 de outubro.
O pasado 29 de xullo, a Dirección do Leite do Sindicato Labrego Galego tivo dúas persoas invitadas de excepción: a actual presidenta da Interprofesional Láctea (Inlac), Charo Arredondo; e o técnico do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Juan Castro. No Fouce 327 tratamos a fondo os debates e cuestións que tratamos aquel día con ambos, texto que compartimos agora contigo.
Cun pouquiño de atraso e algo magro en páxinas debido ás recentes vacacións estivais, vén de saír o #Fouce327 á rúa. Nel atoparás unha reportaxe sobre o que deu de si o encontro entre o Sindicato Labrego Galego e a presidenta da Inlac, Charo Arredondo, con entrevista incluída.
Na Galiza, o 18 de setembro presentábase oficialmente a que vai ser a primeira folga global para demandar un cambio nas políticas de cara a frear o cambio climático o 27 de setembro. E fíxose dende o Movemento Galego polo Clima, unha plataforma que agrupa máis de 50 organizacións da nosa terra entre as que se atopa o Sindicato Labrego Galego.
“Por un monte galego con futuro” anunciou, esta semana, a convocatoria dunha manifestación nacional para o día 20 de outubro, con saída ás 12:00 horas da Alameda compostelá. A plataforma fai o chamamento á mobilización coincidindo coa convocatoria, a nivel mundial, de todo tipo de accións contra o cambio climático.
A Plataforma “Por un monte galego con futuro” compareceu hoxe, 19 de setembro, nunha rolda de prensa en Compostela, para denunciar, tras o verán, o incumprimento total de boa parte das medidas contempladas no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galiza (Pladiga) e das desastrosas políticas forestais que se están a levar a cabo dende a Xunta. As persoas encargadas de representar a vintena de colectivos que forman parte de “Por un monte galego con futuro” foron (aparecen de esquerda a dereita nas fotografías): Manuel da Cal (Fruga), Susana Méndez (CIG), Xosé Santos (Amigos da Terra), Belén Rodríguez (Adega), Xosé Alfredo Pereira (Organización Galega de Comunidades de Montes) e Diego Sánchez Agra (Sindicato Labrego Galego).
Sonia Vidal Lamas (Sindicato Labrego Galego) e Pilar Ferreiro Villar (Concello de Castroverde) presentaron en Lugo, o 18 de setembro, a terceira edición do Festival Son Labreg@, que nesta ocasión se celebrará na parroquia castroverdense de Montecubeiro, coa colaboración do Centro Social d'A Chave das Noces. Este festival é un evento itinerante e que xa se ten celebrado noutros escenarios rurais como Lousada (Sarria) ou Garabelos (Chantada).
O pasado 30 de agosto saíu publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) a concesión de explotación derivada do permiso de investigación de recursos mineiros Xanceda 7138 nos concellos de Frades e Mesía, por un período de trinta anos, proxecto promovido pola multinacional mineira de capital chinés e noruegués Erimsa.