A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego elixe a unha labrega de Sandiás como responsábel do sector da pataca

O Sindicato Labrego elixe a unha labrega de Sandiás como responsábel do sector da pataca

30 de Marzo do 2007

Mesa sobre a pataca

Manola Cerredelo dirixirá a dirección do sector na organización agraria durante os vindeiros catro anos.

O 31 de marzo tocoulle a quenda congresual ao sector da pataca. Desta vez, a afiliación das diversas comarcas pataqueiras de Galiza reuniuse na casa de cultura de Xinzo de Limia. Tralos debates da mañá, elixiuse á Dirección da Pataca do Sindicato Labrego, escolléndose como responsábel do sector a unha labrega de Sandiás: Manola Cerredelo Suárez. Se hai un sector agrario onde o incremento dos custes de produción e a caída de prezos chegan a ser insolentes, ese é o da pataca, polo que traballo non lles ha faltar aos oito membros da nova directiva.

O Congreso da Pataca comezou ás 11:00 horas cunha intervención inaugural da responsábel do Sindicato Labrego na bisbarra limiá, Rosario Domínguez, que destacou a importancia do evento para o futuro do sector, pois nel íanse “definir cales van ser as liñas sindicais nas que imos traballar durante os vindeiros catro anos”. Domínguez tivo un especial recordo da loita desenvolvida por este sector, como “os peches que fixemos nesta mesma casa de cultura; as manifestacións en Ourense, Portugal e Madrid; ou as tractoradas, como a que fixemos a Santiago, que foi unha das nosas maiores mobilizacións. A pesares de todos estes problemas que se viviron, resistimos e acadamos logros”. Rosario Domínguez invitou á afiliación a participar activamente nos debates do congreso "para seguir mantendo un sector da pataca forte e vivo".

E así foi. Os debates tiveron bastante animación, sobre todo en cuestións puntuais como a discusión de se o sector da pataca debía integrarse no de hortofruticultura e flor –tema que ficou pendente de resolver no futuro-, ou a necesidade de probar con novos cultivos alternativos aos da pataca para non estar as explotacións tan indefensas ante as crises periódicas que se suceden cada certos anos.

 Anxo Pérez

Un quintal de propotas cos intermediarios e os almacenistas no punto de mira

Durante o congreso, someteuse a debate un relatorio no que se analizou a fondo o sector pataqueiro en Galiza e no Estado, e no que se esmiuzaron todas as problemáticas que afectan de cheo aos produtores e produtoras. Un dos principais problemas é que boa parte das patacas que consumimos veñen de fóra, de países como Francia, durante todo o ano (o país galo pasou de fornecer o 43% da pataca importada por España en 1994, a vender o 70%, en grande parte debido á venda de tubérculo nas grandes superficies de capital francés implantadas no noso territorio: Carrefour, Alcampo, Champion, Dia, etcétera); ou de Exipto, Israel e Marrocos con tubérculos temperáns. Así, a nosa balanza comercial no caso da pataca está totalmente desequilibrada a favor das importacións.

Ademais, tamén existe unha dependencia absoluta das importacións na pataca para semente (fundamentalmente, de Francia e Holanda), o que está a xerar, por riba, serios problemas sanitarios por utilizarmos castes non adaptadas á nosa climatoloxía e terras; e a regresión das razas autóctonas de calidade. Isto débese no control case monopolístico que exercen os almacenistas, que condicionan a compra da produción á venda previa de semente.

Aínda que o consumo de pataca descendeu, progresivamente, nos últimos anos (en 2004 consumíronse 39’2 quilos de pataca per cápita, un 12’25% menos que en 1998), os cartos gastados por consumidores e consumidoras aumentaron nun 25%; é dicir, cada vez gástase máis en mercar patacas, aínda que se consuman menos, sen que repercuta o aumento de beneficios en quen produce. Así, o relatorio denuncia as marxes abusivas dos intermediarios, mentres que, en moitas ocasións, o valor pagado en orixe non dá nin para cubrir os custes de produción.

As propostas que contemplou o relatorio do Sindicato Labrego para solucionar os problemas do sector de pataca foron moitas: establecemento de contratos homologados plurianuais entre produtores, produtoras e almacenistas que garantan prezos e salarios dignos; investigación e control das marxes abusivas na distribución; combater as tentativas de integración da industria (obriga de que os produtores e produtoras lle merquen a semente e os insumos aos propios almacenistas que despois lle van recoller a produción final); potenciar a venda no pequeno comercio, na restauración, e de maneira directa a consumidores e consumidoras; traballar para que se facilite o acceso das patacas e outros produtos agrícolas galegos nas grandes superficies comerciais; promover a pataca de calidade; orientar as políticas ao abastecemento do mercado galego con pataca producida no país; recuperación das razas autóctonas; produción de semente de calidade no propio país; mellora de infraestruturas para diminuír os custes de produción; diversificación de cultivos; persecución das venda fraudulenta de patacas foráneas coma se fosen galegas; estabilizar a interlocución entre os axentes do sector; etcétera.

Mesa de dirección da pataca

Finalmente, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, claurusou o congreso, e asegurou que a nova directiva da pataca ía ter catro anos de intenso traballo. Senra animou a todas as persoas que integran este novo órgano do Sindicato Labrego, pois lles queda “unha tarefa grande por diante”. Neste senso, a secretaria xeral do Sindicato Labrego preveunas de que ían ter que enfrontarse a importantes cuestións, como a consolidación do diálogo entre os axentes que operan no sector a través da Mesa da Pataca. Senra dixo que había que orientar os esforzos sindicais de cara a que este foro de interlocución remate por converterse nunha interprofesional da pataca onde se poida negociar todo aquilo que teña que ver coa compravenda: contratos, prezos que cubran os custes e o traballo nas explotacións, etcétera.

"Outro dos temas a abordar pola nova Dirección da Pataca xurdiu no transcurso do propio congreso", lembrou Senra, "e será o de iniciar un proceso de reflexión e debate de cara a tomar a decisión de se este sector se integra dentro do hortícola. Trátase dunha decisión que vai alén do propio sector da pataca, e que se deberá abordar tamén dende outros órganos do Sindicato Labrego".

Lidia Senra tamén falou de que, na axenda de traballo da directiva elixida, entraban tamén "todo o que ten que ver coa nova elección do novo Consello Regulador da Pataca, unha tarefa a desenvolver nos vindeiros meses; e a produción de pataca de semente en Galiza, que é unha reivindicación histórica do Sindicato Labrego". Respecto disto último, Senra afirmou que "debemos salvagardar o dereito dos labregos e das labregas a producir e a reproducir esa pataca para semente e a superar todas as dificultades que se nos pretenden impoñer dende as lexislacións actuais en cuestión de sementes".

Xa fóra das nosas fronteiras, Lidia Senra tivo un recordo especial das manifestacións do sector da pataca que se fixeron na fronteira galaico-lusa, no ano 2000, xunto aos compañeiros e compañeiras da Confederação Nacional de Agricultura de Portugal (CNA), para reivindicar a constitución dunha organización común de mercado na Unión Europea. "Nese marco vaise seguir traballando", informo Senra, "aínda que somos conscientes de que ímolo ter bastante complicado, pois a tendencia de Bruxelas é a de desmantelar as políticas comúns que xa existen noutros sectores agropecuarios. Por iso, teremos que debater e actuar con forza para tirar para adiante e acadar esa organización común da pataca na que se inclúan as nosas propostas, que xa se fixeran públicas hai sete anos, naquela manifestación".