A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Lidia Senra defende en Bruxelas un prezo mínimo para o leite en Europa inmune ás flutuacións do mercado

Lidia Senra defende en Bruxelas un prezo mínimo para o leite en Europa inmune ás flutuacións do mercado

30 de Xuño do 2007

Lidia Senra

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, participou no Comité Consultivo do Leite da UE en representación da organización agraria que dirixe e da Coordinadora Labrega Europea (CPE). A xuntanza deste órgano celebrouse o 4 de xullo e, segundo os informes presentados pola Comisión Europea, a conxuntura de mercado segue a ser boa, polo que se pode augurar que o prezo do leite van seguir á alza.

Por outra banda, a Comisión Europea segue mantendo que o sistema de cotas debe desaparecer no 2015. Nembargante, aínda non dixo como vai ser esa eliminación nin como se vai facer; tan só adiantou que tentarán facelo dun xeito "suave". Basicamente, neste tema, a Comisión Europea segue sen presentar ningunha proposta concreta.

Pola súa parte, Lidia Senra, en nome do SLG e da CPE, defendeu a necesidade de establecer un prezo mínimo para o leite en Europa que cubra os custes de produción e salarios dignos para a xente que traballa no sector, e que estea blindado diante das flutuacións do mercado para garantir a renda das explotacións. En canto á eliminación do sistema de cotas, Senra amosou o rexeitamento da CPE e do SLG á liberalización do sector leiteiro, e avogou polo establecemento de sistemas de control da produción.