A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo rexeita a proposta sobre comercialización de sementes

A Comisión de Agricultura do Parlamento Europeo rexeita a proposta sobre comercialización de sementes

14 de Febreiro do 2014

Rede Galega de Sementes

O pasado 11 de febreiro, a Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural (Comagri) do Parlamento Europeo rexeitou proposta de regulamento para a produción e comercialización dos materiais de reprodución vexetal. Este rexeitamento súmase ao feito pola Comisión de Medio Ambiente, Saúde Pública e Seguridade Alimentaria.

Tras esta dobre negativa, a proposta será examinada polo Parlamento Europeo o vindeiro 12 de marzo. Se este segue a recomendación da Comagri, o presidente do Parlamento pedirá á Comisión Europea que a retire e presente un novo texto.

A proposta foi seguida por moitas organizacións que expresaron a súa oposición a esta proposta de normativa porque non protexía o dereito dos labregos e das labregas a cultivar, vender e intercambiar as súas propias sementes. 

Cómpre lembrar que a proposta da Comisión Europea forma parte dun paquete de medidas proposta para reforzar a aplicación das normas de saúde e seguridade no conxunto da cadea agroalimentaria. Mais por debaixo desta suposta intención, agáchase a privatización do control público das sementes e a imposición de barreiras para a produción artesanal e a pequena escala, tal e como temos denunciado a Coordinadora Europea da Vía Campesina, o Sindicato Labrego Galego ou a Rede Galega de Sementes.

A nivel estatal, Red de Semillas e a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) enviaron esta mesma semana ao Ministerio de Agricultura un documento de traballo e opinión relativo ás variedades locais e sementes ceibes no que se demanda:

  1. O respecto do dereito dos labregos e das labregas a utilizar, intercambiar e vender as súas propias sementes. Este dereito debe quedar fóra do ámbito de aplicación desta lexislación. Os labregos e labregas que fan venda directa de sementes como complemento da súa actividade deben estar exentos e exentas das mesmas esixencias que o resto de operadores.

  2. As microempresas artesanais que producen e comercializan sementes de variedades locais necesitan regras adaptadas á súa actividade, completamente diferente á que realizan as grandes empresas de sementes de producións deslocalizadas e distribución quilométrica.

  3. Son necesarias regras adaptadas para o rexistro das variedades destinadas a agricultura ecolóxica e agrucultura de baixos insumos.

  4. Os labregos e labregas e os consumidores e consumidora deben ter a posibilidade de elixir os alimentos que consumen e as plantas que cultivan. Demandamos transparencia nos métodos de selección utilizados para xerar as variedades e a propiedade intelectual que xestiona o seu uso. Esta información debe constar obrigatoriamente na etiquetaxe.

Manifestación Bruxelas polas sementes