A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Dous millóns de persoas asolagan Madrid en demanda de pan, traballo e teito coas Marchas da Dignidade

Dous millóns de persoas asolagan Madrid en demanda de pan, traballo e teito coas Marchas da Dignidade

24 de Marzo do 2014

Revolución

En autobuses, trens ou coches particulares, sen esquecermos a comunidade galega afincada en Madrid, Galiza respondeu con creces ás Marchas da Dignidade do 22 de marzo. A capital do Estado viuse asolagada por unha marea humana vida dende todos os puntos da xeografía do Estado que roldou os 2 millóns de persoas.

Dado que esta manifestación non estaba apoiada polos partidos políticos nin polos sindicatos maioritarios, o meirande dos medios de comunicación tentaron agachar a nova ou falseala minguando todo o posible a estimación de asistencia. Eses mesmos medios informaron que a visita do Papa, en agosto de 2011, congregou na praza de Cibeles e arredores un millón e medio de persoas; pero desta vez, coas Marchas da Dignidade confluíndo na mesma zona e moito máis concorridas, algún xornal como El País tivo o cinismo de reducir a asistencia a un vago “decenas de miles” e só publicar a fantasiosa cifra de 35.000 persoas achegada pola Delegación do Goberno. As 4.000 asistentes segundo Telemadrid xa non ten nome.
Tanto tivo. As Marchas da Dignidade serán lembradas como unha das manifestacións máis multitudinarias na historia do Estado, e poderán presumir de non ter sido mediatizadas por ningún partido político ou organización. Todos e todas quen alí estivemos, sabemos que quen saíu á rúa foi un pobo farto de tanto desgoberno, austericidio e inxustiza xeneralizadas para reclamar “pan, traballo e teito”.  

Se desexas ver imaxes das Marchas da Dignidade, podes acceder a unha galería aquí. De seguido, compartimos con vós o manifesto das Marchas da Dignidade:

"No 2014 atopámonos ante unha situación extremadamente difícil, unha situación límite, de emerxencia social, que nos convoca a dar unha resposta colectiva e masiva da clase traballadora á cidadanía e aos pobos.
Millóns de traballadores e traballadoras atópanse sen emprego. Ter unhas mans para traballar, ter unha carreira rematada, dispor da túa capacidade tanto manual como intelectual e non atopar un traballo digno é humillante. Estase a desperdiciar o talento colectivo dunha sociedade, hipotecando indefinidamente o seu futuro. Os traballadores e traballadoras non se merecen este atropelo á nosa dignidade colectiva.

Centos de miles de familias perderon a súa casa. Non hai nada máis inhumano que desaloxar unha familia do seu fogar só para alimentar a voracidade insaciábel duns banqueiros sen escrúpulos. Banqueiros aos que os estados servos da Troika (Fondo Monetario Internacional, Banco Central Europeo e Comisión Europea) alimentan a custa de empobrecer aínda máis a clase traballadora e as persoas máis indefensas.
Mentres, a patronal, aproveitando o drama do paro masivo, aperta as caravillas coa rebaixa dos salarios e das condicións de traballo ás persoas que aínda teñen un emprego. Traballadores e traballadoras que, ante a difícil situación, non poden nin sequera cuestionar o seu papel de meros explotados/as polo capital. O sistema intenta obrigarnos a amosarlles agradecemento aos empresarios, convertidos polo sistema en benfeitores da sociedade. É hora de repartir o traballo e a riqueza, e que as persoas traballadoras poidan sentirse donas do seu futuro.
A nosa mocidade non ten posibilidade de forxar un proxecto de vida digno coas actuais políticas e vese abocada a buscar a vida no estranxeiro como antes fixeron os nosos pais e avós.
Dicimos non a un sistema patriarcal que nos arrastra a épocas do pasado, roubándonos o dereito a decidir sobre os nosos corpos, negándonos a capacidade para decidir sobre se queremos ou non ser nais, provocando a volta aos fogares para dedicarnos á crianza.
Estamos sufrindo as políticas executadas polo goberno do PP ao ditado da Troika, consistentes no roubo de dereitos e o empobrecemento xeneralizado da maioría social. Estas políticas, que se fundamentan no pago dunha débeda ilexítima que non contraeron os cidadáns e cidadás, son produto da especulación bancaria e os excesos dos distintos gobernos.
Privatizan o rendíbel mentres nos recortan o orzamento en saúde, ensino, dependencia, transportes públicos, auga, enerxía, comunicacións, servizos sociais, etc., o que redunda negativamente nos nosos dereitos cidadáns. Rinse dos nosos maiores, que sofren unha enorme perda do seu poder adquisitivo, ao tempo que ven como os seus aforros de toda a vida están secuestrados pola estafa bancaria das preferentes e outros produtos financeiros delituosos.
O goberno do PSOE, co apoio do PP, modificou o artigo 135 da Constitución para lle dar prioridade ao pago da débeda fronte aos dereitos e necesidades das persoas. Xustificárono dicindo que viviramos por riba das nosas posibilidades e que había que ser austeros e, xa que logo, era imperativo recortar o déficit. No entanto, non houbo ningún recorte á hora de inxectar decenas de miles de millóns de euros para salvar os bancos e os especuladores.
Están aproveitando a crise para recortar dereitos. Estas políticas de recortes están a causar sufrimento, pobreza, fame e incluso mortes, e todo para que a banca e os poderes económicos sigan tendo grandes beneficios a expensas das nosas vidas.
Porque nos roubaron a liberdade.  Ao capitalismo sóbranlle as liberdades e os dereitos da maioría social. É un sistema que procura exclusivamente o beneficio privado duns poucos e que nos leva inexorabelmente a unha catástrofe medioambiental e social de alcance incalculábel.
Para a maioría social esta crise-estafa está a significar un xigantesco drama humano. Porén, para unha insignificante minoría supón un gran negocio. E cando se protesta, sempre obtemos a mesma resposta: a represión e criminalización do sindicalismo de clase e dos movementos sociais. É un sistema que precisa a represión para se manter e que debe ser superado coa loita na rúa.
A descomposición do réxime xurdido da Constitución do 78 faise evidente debido aos mesmos elementos presentes no seu nacemento, réxime que tivo lugar en contra do pobo, está rillado pola corrupción e non ten ningunha lexitimidade. Os dereitos e liberdades fóronnos roubados para favorecer os intereses dunha minoría e asegurar os seus beneficios, os mesmos que nos levaron a este estado de excepción social, a base de desmantelar a educación e a sanidade públicas, de reducir drasticamente as pensións dos nosos maiores, de se apoderar das nosas vivendas e de pechar empresas, e despedir milleiros de traballadoras e traballadores.
Os distintos gobernos sitúanse fóra da legalidade, converten en negocio os dereitos que tanto custou conquistar e sustentan a corrupción, un feito xeneralizado mais non independente do sistema económico, que forma parte da estrutura mesma desta sociedade e é indispensábel para o seu desenvolvemento. Tanto os corruptores como os que se deixan corromper forman parte deste sistema inxusto de produción e distribución da riqueza.
Chamamos os pobos a que exerzan a súa soberanía, alzando a súa voz de abaixo arriba, democraticamente, para construír un proceso constituínte que garanta realmente as liberdades democráticas, o dereito a decidir e os dereitos fundamentais das persoas.
Dende a MARCHA DA DIGNIDADE 22M, consideramos que é importante artellar unha mobilización unitaria, masiva e contundente contra as políticas que atentan contra os dereitos humanos e a xustiza social.
Unha mobilización contra o pago da débeda, polo emprego digno, pola renda básica, polos dereitos sociais, polas liberdades democráticas, contra os recortes, a represión e a corrupción, por unha sociedade de homes e mulleres libres, unha mobilización contra un sistema, un réxime e uns gobernos que nos agriden e non nos representan.
Esiximos, xa que logo, que se vaian. Que se vaia o Goberno do PP e, tamén, todos os gobernos que recortan dereitos sociais básicos, todos os gobernos que colaboran coas políticas da Troika.
Por iso, facemos un chamamento a encher de dignidade e rebeldía a capital do Estado español, Madrid, o 22 de marzo. Ese día chegaremos columnas de todas as latitudes da Península a Madrid e convocamos aos madrileños e madrileñas a saíren á rúa e incorporarse a esa gran mobilización da maioría social.
PAN, TRABALLO E TEITO
Á RÚA, QUE XA É HORA”

Vista aérea das Marchas da Dignidade