A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Manifestación do SLG en Oroso para denunciar as prácticas mafiosas de Lácteos Tambre e os empresarios Sangiao

Manifestación do SLG en Oroso para denunciar as prácticas mafiosas de Lácteos Tambre e os empresarios Sangiao

12 de Abril do 2014

Sangiao Ríos

Unha comitiva do Sindicato Labrego Galego acudirá o vindeiro luns, 14 de abril, ás 12:00 horas, até o Concello de Oroso para rexistrar un escrito dirixido ao pleno coa intención de recabar o seu apoio ás explotacións afectadas polos impagos de Lácteos Tambre e cuxas débedas se remontan a comezos de 2011.

Deste xeito, o SLG pretende esgotar a vía política despois de que a empresa, tras ser condenada pola xustiza a pagar as súas débedas e a serlle embargados tódolos seus bens, se declarase sen fondos para eludir as sentenzas; despois de que a Conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, lle dese as costas aos gandeiros e gandeiras tras ser interpelada ao respecto polo BNG, no Parlamento de Galicia, o 9 de maio de 2012; e despois de que o Ministerio de Agricultura lle concedese máis licenzas de primeiros compradores á familia propietaria para seguir operando impunemente no mercado do leite con outras empresas como Lácteos Merza e Logística Alimentaria.

Tras rexistrar o escrito no concello, o SLG realizará unha concentración de protesta para denunciar a actitude mafiosa da familia Sangiao, cuxos membros dirixían Lácteos Tambre antes de desmantelala e dirixen agora Lácteos Merza e Logistica Alimentaria. A pinga que colmou o vaso foron as graves ameazas e a agresión que Xosé Manuel Calvo, gandeiro de Oroso e membro da Executiva do SLG, sufriu a mans de Brais Sangiao Ríos, fillo do patriarca da familia -Ramón Sangiao Gómez-, o pasado 4 de abril. Este feito foi denunciado diante da Garda Civil e está agora en mans da equipa xurídica do Sindicato Labrego Galego. Deste xeito, a violencia física vén sumarse ao amplo historial dos Sangiao, que estiveron implicados na venda de leite negro fóra de cota, na transformación de gasóleo agrícola en gasóleo A, ou nestes impagos pertinaces a ducias de explotacións gandeiras que lles fornecían de leite.

Trala concentración de denuncia, as persoas participantes realizarán unha marcha camiñando até a sede de Lácteos Tambre/Lácteos Merza, en Penateixa (a 1 km do concello).

Gandeiros Lácteos Tambre

Sangiao Rios

Dúas imaxes da concentración de protesta de gandeiros e gandeiras afectadas polos impagos de Läcteos Tambre na súa sede de Penateixa (Oroso) realizada o 5 de agosto de 2011. Na primeira, negociacións dos gandeiros e gandeiras cos empresarios Ramón e Brais Sangiao Ríos, dos que se pode ver un plano de detalle na imaxe de abaixo.