A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG manifestase en Oroso contra os impagos de Lácteos Tambre e as prácticas mafiosas do Clan dos Sangiao

O SLG manifestase en Oroso contra os impagos de Lácteos Tambre e as prácticas mafiosas do Clan dos Sangiao

15 de Abril do 2014

Isabel Vilalba

O Sindicato Labrego Galego levou a cabo unha manifestación hoxe, 14 de abril, en Oroso para denunciar a teimuda actitude dos empresarios Sangiao -Ramón Sangiao Gómez (pai e patriarca do clan) xunto a Ramón e Brais Sangiao Ríos (fillos)- que, á fronte da desmantelada Lácteos Tambre, teñen pendentes de pagar varias entregas de leite a numerosas explotacións gandeiras dende inicios de 2011. A pesares das sentenzas xudiciais en contra, das ordes de pagamento e dos embargos, o Clan dos Sangiao está a eludir a acción da xustiza grazas a unha rede empresarial creada para esta fin e que lles permite seguir operando impunemente no mercado do leite a través de firmas como Lácteos Merza SL (tal e como se denomina agora a factoría que teñen en Penateixa-Oroso) ou Logística Alimentaria.

A manifestación de hoxe comezou cunha concentración diante da casa consistorial de Oroso e coa entrega dun escrito (achégase xunto con este comunicado) solicitando do pleno municipal o seu apoio ás explotacións afectadas polos impagos e denunciando posibles vertidos contaminantes ilegais das instalacións do Clan dos Sangiao en Penateixa ao río Tambre. A todas estas denuncias, hai que engadir a presentada diante da Garda Civil, o pasado 4 de abril, trala agresión e ameazas de Brais Sangiao Ríos a Xosé Manuel Calvo Rei, gandeiro de Cardama (Oroso) e membro da Executiva do SLG que está a defender ás explotacións estafadas. Na súa intervención, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, dirixiuse ás administracións públicas “porque semella que hai empresarios que teñen total impunidade para converter Galiza no país da fraude e da estafa. A historia do Clan dos Sangiao vén de vello: xa estiveron implicados na fraude do gasóleo e do leite negro, tiveron denuncias veciñais polos verquidos ao río Tambre, manteñen durante anos impagos ás explotacións gandeiras... Con todo este historial, entendemos que as administracións deben estar da nosa parte, da parte da xente que traballa cada día para vivir dignamente, e non da parte dos defraudadores”. Isabel Vilalba tamén esixiu “que deixen de apoiar este tipo de empresas: ou pagan o que mercan, ou senón que lles retiren a licenza de primeiros compradores. Nós precisamos empresas que nos paguen polo noso traballo e que nos permitan vivir dignamente del”.

Posteriormente, tódalas persoas asistentes á concentración marcharon andando cara á sede da actual Lácteos Merza SL, que é a firma coa que opera o Clan dos Sangiao nas instalacións onde antes tiña o seu domicilio Lácteos Tambre, en Penateixa, á saída de Sigüeiro. Alí, atopáronse coa planta de Lácteos Merza pechada a cal e canto, cos logotipos da empresa ocultos, sen os camións cisterna rotulados de Riossangiao.com, sen actividade aparente e cos coches de alta gama (Jaguar, BMW, Audi, etc...) dos donos fóra da vista.

A pesares de non dar a cara, Isabel Vilalba tivo unhas palabras para os Sangiao diante da sede de Lácteos Merza/Tambre: “Queremos dicirlle a estes empresarios que este tipo de prácticas non llelas imos consentir, que só imos calar cando paguen as súas débedas. Sexa con Lácteos Tambre, Lácteos Merza ou Logística Alimentaria, a estratexia do Clan dos Sangiao para eludir a acción da xustiza non lles vai servir de nada. Imos insistir e imos vernos máis veces. A seguinte ocasión na que falaremos será na fiscalía, poñendo sobre a mesa toda a rede de firmas e marcas comerciais que utilizan para non pagarlle á xente o que lles deben. E tamén seguiremos denunciando as súas prácticas diante da cidadanía, especialmente diante da veciñanza de Oroso e das explotacións gandeiras de Galiza, para que saiban que estes empresarios levan un tren de vida por todo o alto a costa do traballo e do esforzo dos gandeiros e das gandeiras. Non vimos pedir esmola; vimos esixir que nos paguen o noso traballo, vimos pedir o que é noso, o que esta xente nos está roubando. Os Sangiao deben saber que, tarde ou cedo, van pagar, e que contra máis tarden, máis caro lles vai saír”.

Rótulo oculto de Lácteos MerzaMarcha a Lácteos Tambre-Merza

Dúas instantáneas da manifestación: arriba, rótulo oculto por un coche nas instalacións actuais de Lácteos Merza, en Penateixa, onde antes operaba Lácteos Tambre; abaixo, marcha de protesta contra o Clan dos Sangiao coa súa factoría ao fondo. Podes ver máis imaxes dos actos de protesta premendo no seguinte enlace