A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Isabel Vilalba pide melloras no Observatorio do Mercado Europeo do Leite para evitar crises e desaxustes estruturais

Isabel Vilalba pide melloras no Observatorio do Mercado Europeo do Leite para evitar crises e desaxustes estruturais

17 de Abril do 2014

Dacian Ciolos

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou, o 16 de abril, no encontro de presentación do Observatorio do Mercado Europeo do Leite que organizou a Comisión Europea en Bruxelas.

  Nesta primeira xuntanza, o Comisario de Agricultura, Dacian Ciolos, presentou ás organizacións europeas que formarán parte do Consello do Observatorio o que el considera unha ferramenta para seguir a evolución do mercado do leite a nivel de prezos, marxes de beneficio, volume de produción e demanda interna e externa. Ciolos explicou que este traballo de seguimento do sector é unha ferramenta importante para anticipar crises e articular instrumentos de intervención por parte da Comisión Europea ou a Dirección Xeral de Agricultura para facerlles fronte.

Sen embargo, a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, na súa intervención, subliñou a necesidade de incluír outros parámetros de análise no Observatorio como a evolución dos custes de produción, que ten tanta importancia como coñecer a evolución dos prezos. Ademais, Vilalba tamén considerou incompleta a análise dos volumes de produción do Observatorio se non inclúe datos referentes á estrutura deses volumes, como a procedencia xeográfica e o número e dimensión das explotacións que producen ese leite. De non facerse isto, poderíase dar o caso de que na Unión Europea se mantivese, a nivel global, un volume regular de produción, ao mesmo tempo que pechasen miles de explotacións e desaparecese a produción leiteira de rexións enteiras por mor de concentrarse ese volume nun número reducido de granxas industriais con miles de cabezas de gando.

A secretaria xeral do SLG tamén chamou a atención sobre a necesidade de mellorar os instrumentos de intervención no mercado da Comisión Europea e da Dirección Xeral de Agricultura para facer fronte a crises: “A nosa preocupación básica”, explicou Isabel Vilalba “é que precisamos ferramentas áxiles para anticiparnos a situacións de prezos baixos ou volátiles que poidan provocar a ruína das explotacións. De feito, os instrumentos de intervención que utiliza a Comisión Europea ou a Dirección Xeral de Agricultura fronte a situacións problemáticas -almacenamento privado, intervención de mercado con compras públicas de excedentes de leite, queixo, manteiga,etc.- non deron evitado grandes crises como a de 2009, que foi dramática para o sector en toda a Unión Europea. Para nós estas ferramentas son deficientes, pois os prezos de intervención adoitan ser moi baixos e non compensan os custes de produción na profesión”.

En resume, tanto dende o Sindicato Labrego Galego como dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina, cremos que o Observatorio debe incluír novos parámetros de análise para obter unha imaxe máis real do mercado leiteiro e anticipar mellor as situacións de crise e, en caso de que se dean estas, ter ferramentas de intervención máis efectivas que regulen o mercado en troques de poñer cartos públicos para mercar a baixo prezo excedentes de produción, como se fixo até o de agora sen dar evitado a ruína de miles de explotacións.

Dacian Ciolos Isabel Vilalba