A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Lácteos Tambre salda as súas débedas coas explotacións que a denunciaron tralas protestas do Sindicato Labrego

Lácteos Tambre salda as súas débedas coas explotacións que a denunciaron tralas protestas do Sindicato Labrego

16 de Maio do 2014

Protestas contra Lácteos Tambre

Despois de tres anos de protestas, denuncias, embargos e condenas firmes por parte da xustiza, Lácteos Tambre pagou as débedas que mantiña con 7 explotacións que, asesoradas polo equipo xurídico do Sindicato Labrego Galego, denunciaron esta empresa afincada en Oroso e xestionada pola familia Sangiao por negarse a pagar varias entregas de leite correspondentes ao primeiro trimestre de 2011. Sen dúbida, as últimas mobilizacións levadas a cabo en Sigüeiro (Oroso), o pasado 14 de abril, forzaron á familia Sangiao a acatar as resolucións xudiciais que a obrigan a pagar e que estivo eludindo con estrataxemas como desmantelar a empresa para evitar o embargo, operando no mercado impunemente con Lácteos Merza e, na actualidade, con Logística Alimentaria.

Para o Sindicato Labrego Galego trátase dunha boa nova que non se tería producido sen a valentía e perseveranza destas 7 explotacións que se atreveron a denunciar uns impagos sufridos por moitas máis granxas espalladas por toda a xeografía galega que preferiron manterse caladas. Grazas a estas 7 explotacións das comarcas de Fisterra, Ordes e Arzúa, o Clan do Sangiao ficou desenmascarado diante da sociedade e as súas prácticas empresariais mafiosas denunciadas publicamente.

Todo o vivido durante estes tres anos de loita, debe facernos reflexionar sobre o feito de que unha empresa, con condenas xudiciais firmes por estafar a varias explotacións lácteas, puidese seguir operando no mercado impunemente durante todo este tempo e mesmo obtendo do Ministerio de Agricultura novas licenzas de primeiro comprador que foron utilizadas para desmantelar Lácteos Tambre, comerciar con outras firmas e eludir así a acción da xustiza. Dende o Sindicato Labrego Galego queremos facer un chamamento aos poderes públicos para que episodios coma este non se volvan repetir, xa que sentan un perigoso precedente que pode animar a outros empresarios sen escrúpulos a estafar e extorsionar explotacións gandeiras. Algo tan simple como non conceder licenzas de primeiros compradores a empresas que estean inmersas en procedementos xudiciais por impagos ou que leven a cabo prácticas comerciais como as perpetradas por Lácteos Tambre, sería suficiente para que empresarios como os Sangiao o pensasen dúas veces antes adquirir varias cisternas de leite para despois non pagalas.

Fican atrás varias manifestacións, tentativas de negociación, xuntanzas ao máis alto nivel na Consellaría de Medio Rural e no Parlamento, batallas xudiciais no xulgado de Ordes, lamentables episodios de ameazas e agresións, etc. Aínda que o Clan dos Sangiao ten pendente abonar as costas e os xuros do proceso xudicial provocado pola súa teima en non pagar, dende o Sindicato Labrego Galego congratulámonos de que as explotacións afectadas cobrasen, por fin, as entregas de leite que venderon hai máis de 3 anos e que sigan apostando por manter a súa actividade profesional no medio rural a pesares deste tipo de prácticas empresariais e do esquecemento e desaires da administración.

Galería Lácteos Tambre
Diversos momentos da campaña contra Lácteos Tambre. De arriba a abaixo e de esquerda a dereita: Concentración de protesta de afectados e afectadas diante da Xunta; reunión coa conselleira de Medio Rural para denunciar as prácticas abusivas do Clan dos Sangiao, e protestas e marcha na factoría de Lácteos Tambre/Lácteos Merza/Logística Alimentaria en Penateixa (Oroso)