A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Campaña da Vía Campesina durante o Consello de Dereitos Humanos da ONU pola Declaración dos Dereitos Labregos

Campaña da Vía Campesina durante o Consello de Dereitos Humanos da ONU pola Declaración dos Dereitos Labregos

19 de Xuño do 2014

Diante da ONU

Do 11 ao 13 de xuño, unha delegación da Vía Campesina estivo presente na 26 sesión do Consello de Dereitos Humanos en Xenebra para continuar co traballo de lobby de cara á redacción dunha Declaración Internacional dos Dereitos Labregos.

A Vía Campesina, movemento internacional composto por máis de 160 organizacións agrarias de 70 países, entre as que se atopa o Sindicato Labrego Galego, traballa nesta cuestión dende hai unha década. Nese tempo, a Vía Campesina tentou identificar as discriminacións que sufren as persoas que traballan nas zonas rurais: labregos e labregas, xornaleiros e xornaleiras, nómades, pescadores e pescadoras, pobos indíxenas, persoas sen terra, etc. A partir de aí, a Vía Campesina, coa colaboración de organizacións como FIAN Internacional (Food First Information & Action Network) ou CETIM (Centro Europa-Terceiro Mundo), redactou un texto que agrupaba os dereitos dos que deberían gozar estes colectivos.

Tras moitos estudos levados a cabo polo Comité Asesor do Consello de Dereitos Humanos da ONU, este aprobou un estudo final en marzo de 2012 e votou, en setembro do mesmo ano, por unha resolución que ten por obxectivo a posta en marcha dun grupo de traballo intergobernamental encargado de redactar unha Declaración sobre Dereitos Labregos. En xullo de 2013, este grupo de traballo mantivo a súa primeira xuntanza.

Durante a 26 sesión do Consello de Dereitos Humanos, os estados membros deberán votar ou chegar a un consenso sobre unha segunda resolución que pida renovar o mandato do grupo intergobernamental de traballo a fin de continuar coa redacción desa declaración sobre a base das recomendacións e conclusións da primeira sesión de traballo e sobre futuras consultas cos estados e outros actores en xuño e novembro de 2014.

Durante esta primeira semana de celebración do Consello de Dereitos Humanos da ONU, a Vía Campesina enviou unha delegación composta por Ibrahim Coulibaly (Mali), Geneviève Savigny (Francia) e Diego Monton (Arxentina) a participar nun congreso sobre “Dereitos labregos e Ano Internacional da Agricultura Familiar”, organizado de xeito paralelo tamén en Xenebra por Bolivia e Filipinas. Este evento, ademais, contou coa mensaxe de apoio do director da FAO, José Graziano da Silva, e o membro da Academia de Dereito Humanitario Internacional e Dereitos Humanos, Christophe Golay. Esta comitiva da Vía Campesina tamén participou nunha conferencia pública en Xenebra e contactou con varias delegacións de países africanos, latinoamericanos e europeos.

Por outra banda, o 17 de xuño, a Vía Campesina realizou un acto simbólico e unha rolda de prensa diante da sede das Nacións Unidas, na Place das Nations (Xenebra) para reivindicar a Declaración dos Dereitos Labregos.

Xuntanzas no Ministerio de Asuntos Exteriores para acadar o apoio do Estado Español

En canto ao Estado Español, unha delegación da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) integrada por Andoni García e Marta Piqueras, xunto a Isabel de Gonzalo, da ONG vasca Mundubat, mantiveron un encontro sobre esta cuestión con Cristina Fraile e Inés Yarza, directora e xefa de servizo, respectivamente, da Oficina de Dereitos Humanos do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Nesta xuntanza, a delegación da ECVC tratou de reconducir a posición negativa do Estado Español diante da Declaración de Dereitos Labregos, respecto da que votou en contra no Consello de Dereitos Humanos de setembro de 2012. Os argumentos do Ministerio de Asuntos Exteriores para xustificar o seu voto contrario foi que ao Consello da ONU se lle deu un texto xa feito no que se fala de dereitos colectivos, cando deberían ser individuais, utilizando unha linguaxe que non se usa no dereito internacional. Tamén considerou un atranco que non exista unha definición oficial de “labrego” e que se introduzan novos dereitos como á terra, á auga ou ás sementes.

Nunha posición construtiva, as representantes da Oficina de Dereitos Humanos aconsellaron que as problemáticas do campesiñado fosen primeiro discutidas nos comités consultivos antes de redactar unha Declaración de Dereitos Labregos, en troques de presentala xa feita. Tamén indicaron que sería positivo ligar esa declaración cos dereitos humanos e, en especial, co dereito á alimentación; e tamén vinculala ao mundo empresarial, de maneira que calquera empresa que traballe fóra do seu país manteña e respecte ese dereitos labregos estea na área xeográfica que estea.

Tras este encontro, e tras limar as diferenzas de criterio que existían entre a Declaración de Dereitos Labregos proposta pola Vía Campesina e a posición do Estado, asentáronse unhas liñas de traballo de cara a que a postura española no futuro sexa positiva e construtiva neste proceso.

Remolque ONU