A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG pide a intervención urxente da Consellaría de Medio Rural para evitar unha previsible crise no sector da pataca

O SLG pide a intervención urxente da Consellaría de Medio Rural para evitar unha previsible crise no sector da pataca

5 de Septembro do 2014

Colleita pataca

O Sindicato Labrego Galego demanda da Consellaría de Medio Rural que reúna ao sector da pataca para afrontar a crise de prezos que se aveciña e que xa están a sufrir os produtores e produtoras de Castela e León, onde a colleita ten lugar cunhas semanas de antelación con respecto a Galiza.

En efecto, a boa colleita de pataca en Francia está propiciando que o país veciño asolague, unha vez máis, o Estado Español cos seus excedentes, provocando a ruína de miles de profesionais neste sector. Isto prodúcese no contexto do veto ruso aos produtos agrarios comunitarios e dun aumento global da superficie sementada nos principais produtores de pataca da Unión Europea (ademais de Francia, estarían neste grupo Bélxica, Holanda, Alemaña e Reino Unido), que aumentaron unha media do 2'7% con respecto á campaña anterior; e no Estado Español, que chegou a 72.429 hectáreas sementadas. Ao aumento da superficie cultivada de pataca en toda a UE habería que engadirlle o bo rendemento na colleita deste ano, polo que a produción estase a disparar. En Castela-León, A Mancha e Andalucía, por exemplo, moitas explotacións deixaron perder ao sol a colleita para non incorrer en máis gastos diante dunhas cotizacións (ao redor de 5 céntimos o quilo) que non chegan nin para cubrir os custes de produción.

Os primeiros síntomas desta crise estanse comezando a notar na Limia, onde os almacenistas están a mercar moi pouca pataca. Este ano prevese unha boa colleita e de calidade tamén na comarca limiá e, polo de agora, só teñen asegurada a súa venda a uns prezos relativamente aceptables as patacas baixo contrato, que serán unha mínima parte da pataca producida. Así e todo, segundo fontes consultadas, o máis probable é que os almacenistas fagan un proceso de destrío da pataca demasiado estrito (desbotar tubérculos por non ter un tamaño ou forma axeitados para a comercialización) aproveitando que a boa colleita vai propiciar un calibre grande. Desta maneira, pagarán o prezo do contrato por unha parte pequena da colleita, e baixarán os prezos do resto para obter o valor medio que máis lles conveña, como xa ten acontecido noutras campañas.

O resto da colleita que non está contratada é moi probable que se teña que vender a prezos miserentos, xa que os almacéns estanse a fornecer de pataca francesa barata; cousa que tamén fan as principais distribuidoras comerciais, algunhas de orixe galo, como Carrefour ou Alcampo, e outras coas súas centrais de compras máis preto xeograficamente do país veciño, como Mercadona ou Eroski.

Dende o Sindicato Labrego Galego cremos que é necesario que a Consellaría de Medio Rural interveña de maneira urxente para evitar unha nova crise no sector da pataca da Limia, e que articule medidas destinadas a facer que os almacenistas galegos e as grandes superficies comerciais asentadas no noso país teñan preferencia pola pataca producida na Galiza e a merquen a uns prezos mínimos dignos que cubran uns custes de produción cada vez máis elevados e proporcionen aos e ás profesionais do sector un salario digno polo seu traballo. Ademais, Medio Rural debería intensificar os labores de inspección para evitar a fraude descarada de vender pataca francesa coma se fose de orixe galega.