A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Rural debe facer unha campaña informativa para rematar coa confusión xerada polo decreto da venda directa

Medio Rural debe facer unha campaña informativa para rematar coa confusión xerada polo decreto da venda directa

16 de Outubro do 2014

Venda directa

No Sindicato Labrego Galego estivemos a analizar nas últimas semanas, xunto con produtores e produtoras que venden sen intermediarios, o Decreto 125/2014 que regula a venda directa de produtos primarios dende as explotacións en Galicia, publicado pola Consellaría de Medio Rural no DOG do pasado 30 de setembro.

Dende o SLG, consideramos que a Consellaría de Medio Rural debería realizar unha intensa campaña informativa e de acompañamento respecto da nova norma dirixida non só a produtores e produtoras, senón tamén a axentes que teñan unha implicación directa ou indirecta nesta cuestión como tendas ou concellos, por exemplo. Dende a publicación do decreto, estase a xerar unha grande confusión que entorpece o que debería ser o obxectivo fundamental deste regulamento: facilitar e apoiar ás produtoras e produtores de alimentos na Galiza para que os seus produtos teñan maior presenza nos mercados de venda directa, nos comedores escolares e resto de institucións, nas tendas, etcétera.

Dende o Sindicato Labrego Galego, consideramos que é preciso un apoio decidido da Xunta de Galicia á venda de produtos agrarios e gandeiros directamente ás persoas consumidoras ou a través de circuítos curtos de comercialización. Trátase dunha modalidade con múltiples avantaxes, pois  facilita a chegada á cidadanía de produtos frescos, de tempada e de moita calidade; e xera un maior valor engadido, tanto para as persoas consumidoras como as produtoras, posto que se reduce o número de intermediarios e crea novas oportunidades de emprego nas diferentes comarcas e zonas rurais galegas. Ademais, a aposta pola venda directa implica un considerable aforro enerxético e unha diminución das emisións de contaminantes, en comparativa co abastecemento das nosas mesas a base de alimentos producidos a miles de quilómetros.

Para que isto sexa posible, cómpre que as normativas que regulen a venda directa estean adaptadas á realidade da produción labrega, de xeito que se evite que, por unha excesiva burocratización, polos altos custes ou pola adopción dunhas normas máis adaptadas á produción industrial que á produción labrega, os regulamentos se convertan nun grave obstáculo para un xeito de comercialización que reporta numerosos beneficios e que ten unha grande implantación en países comunitarios como Francia, Austria ou Bélxica.

Respecto ao contido do decreto, créase unha nova sección destinada á inscrición de explotacións agrarias acollidas ao réxime de venda directa (SEVEDI) dentro do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (REAGA); e contémplanse tres modalidades de venda directa: in situ (na propia explotación agraria), en mercados (ocasionais e regulares) e en establecementos de venda polo miúdo (que inclúen tendas, comedores, restaurantes e outros servizos alimentarios similares). Os produtos autorizados para a venda directa son: mel, pole, própole, xelea real, ovos (excepto en establecementos de venda polo miúdo), froitas e froitos silvestres, legumes e hortalizas, cogomelos e cereais.

Polo que puidemos constatar no SLG, o apartado que máis dúbidas está suscitando deste decreto é o referente ao etiquetado, obrigatorio para tódolos produtos envasados, pero que podería realizarse dun xeito sinxelo, posto que a norma explicita claramente que estes produtos se rexen polo presente Real Decreto e están exentos da normativa que esixe ter Rexistro Sanitario e, en todo caso, non se esixe etiquetado para os produtos a granel que, no caso da venda in situ, queda substituído pola información que proporcionará directamente o produtor ou a produtora ás persoas que lle merquen e, no caso de venda a pequenos establecementos, podería ser substituído por un documento que acredite a transacción onde aparezan os datos da granxa (unha factura, por exemplo).

No caso de mercados, o produtor ou produtora deberá identificar debidamente o seu posto e os produtos a granel coa información alimentaria, o cal pódese facer dun xeito sinxelo como cun simple rótulo ou cartel.

Dende o Sindicato Labrego Galego, entendemos que a normativa que desenvolve a venda directa das producións primarias debe constituír unha garantía para a consumidora e o consumidor finais, e unha protección e defensa das labregas e dos labregos e da súa profesión. Tamén consideramos que a Consellería de Medio Rural debe ter en conta a realidade que temos nos nosos mercados de alimentos labregos, posto que moitas produtoras e produtores acoden a eles para vender excedentes da súa produción e axudar así a completar as súas rendas familiares. Por iso, dende o SLG velaremos para que este decreto non supoña un custe engadido en tempo e papeis para as persoas produtoras, e para que non incremente a importante carga burocrática e de traballo que aturan as nosas granxas. O establecemento de relacións de confianza é a base sobre a que se fundamenta a venda directa, que se alicerza en relacións humanas que se constrúen día a día, máis alá de papeis e rexistros. Agardamos que esta esencia non se poña en perigo a través desta e doutras normativas que poidan vir.

Xuntanza Compostela

Xuntanza de produtores e produtoras que fan venda directa celebrada na sede do SLG da comarca de Compostela, o pasado 14 de outubro, para analizar o decreto 125/2014 da Consellaría de Medio Rural