A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Plataforma Rural centrará o seu traballo nos vindeiros dous anos no apoio á mocidade, na defensa dos bens comúns e en garantir a participación real das mulleres

A Plataforma Rural centrará o seu traballo nos vindeiros dous anos no apoio á mocidade, na defensa dos bens comúns e en garantir a participación real das mulleres

27 de Outubro do 2014

Foto de familia

O IX Foro por un Mundo Rural Vivo arrincou, o venres 24 de outubro, cunha xornada inaugural na que un crisol de procedencias e culturas enraizadas no rural anticiparon a riqueza e diversidade que impregnou cada acto deste evento que se había desenvolver, durante tres días, no Seminario de Mondoñedo.

Organizado por Plataforma Rural e acollido polo Sindicato Labrego Galego, este Foro constituíu unha excepcional ágora de diálogo e encontro para máis de duascentas persoas de dentro e fóra do Estado Español que representaban, á súa vez, a organizacións sociais, vilas, parroquias e múltiples iniciativas relacionadas coa agricultura e a alimentación. Encargáronse da inauguración oficial o coordinador do Foro, Antonio Villarino; o alcalde de Mondoñedo, Orlando González; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba; e a integrante de Plataforma Rural, Marimar Martínez.

Inaguración Botando man de creatividade, e adaptándose a cambios de axenda de última hora, o primeiro espazo de diálogo que ía virar ao redor dos modelos de produción alimentarios alternativos á lóxica do capital, acabou tendo un denominador común inesperado: o de mulleres que se criaron e desenvolveron a súa actividade cívica e profesional nun mundo moi masculinizado, como é o agrícola e rural, pero que foron quen de conquistar espazos de decisión e, co seu labor e exemplo, facilitar a incorporación doutras mulleres a eidos dos que tradicionalmente estiveron vedadas. Casos como o de Raquel Ramírez, de Nalda (A Rioxa), unha pequena vila nas inmediacións de Logroño na que os seus e as súas habitantes se arrepuxeron á especulación urbanística que pretendía roubarlles as súas terras e o seu patrimonio; para iso, para arrepoñerse a quen pretendía usurparlles o seu, crearon hai vinte anos un movemento de apropiación social do patrimonio artístico e natural chamado Panal, e unha asociación para o desenvolvemento sostible en igualdade, Colletero, que botou a andar hai tres lustros. Tamén Ángeles Ramón, da comarca das Cinco Villas (Zaragoza), labrega dende cativa nun pobo de colonización creado en 1959, que chegou a ser responsable da área das mulleres da Unión de Agricultores y Ganaderos de Aragón (Uaga). E o caso de Josefa Martín, que foi testemuña de como o seu pobo de San Esteban de la Sierra (Salamanca) pasaba de 800 a 300 habitantes, ou a escola de 150 a 5 alumnos, decadencia xurdida da sangría da emigración que combateron con iniciativas como a creación dunha cooperativa vitivinícola da que ela foi presidenta durante quince anos. Ou a nosa Henar Román, presidenta dende o ano 2003 da comunidade de montes de Labrada (Abadín), que viviu a decisión de asociarse da veciñanza en cooperativa para ter máis forza como produtores e produtoras de leite e carne, e tiveron que enfrontarse á usurpación das súas terras por empresas mineiras como Icemarga, por eléctricas ás que lles adxudicaron os montes comunais para instalar parques eólicos, ou pola propia administración que, nos anos 80, pretendeu cercar as 700 hectáreas da Fraga Vella.

Mulleres 1 O exemplo vital destas mulleres deu paso a un diálogo enriquecedor coas persoas asistentes até o remate da primeira xornada, que había concluír como empezou: con poesía. Se as persoas que se encargaron de inaugurar botaron man de cantores e poetas á hora de intervir -Antonio Villarino recitou Sementeira de Fuxan os Ventos, Orlando González citou a Daniel Viglietti, Isabel Vilalba a Marilar Aleixandre e Marimar Martínez a Rafael de Dios; ao remate, Manuel Regal leu un emotivo texto que rememoraba o legado dos nosos devanceiros relacionándoo co carballo de Luxís, ao tempo que a luminosidade do Mediterráneo se achegaba a terras mindonienses grazas á creatividade lírica de Tomás de los Santos e aos exquisitos arranxos guitarreiros de Borja Penalba, que constitúen un feraz dúo de cantautores cos pés ben chantados no País Valencià.

Manuel Regal Tomando o fío do día anterior, o sábado 25 de outubro comezou a xornada cun espazo construído tamén polas mulleres consistente nun diálogo aberto que se iniciou coas voces de labregas como Dora Cabaleiro (Vilar de Ernes, Navía de Suarna), Cristina Sancho (Amayuelas de Abajo, Palencia), Ester Latorre (Cinco Villas, Zaragoza); ou a almeriense Inmaculada Idáñez, que ademais é responsable da Área da Muller de COAG e presidenta de CERES; e a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba.

Mulleres Neste espazo de debate xurdiron cuestións de actualidade, como a hipocrisía dunhas institucións que din loitar contra a violencia machista ou contra o sexismo pero que, sen embargo, permiten publicidade, filmes ou videoxogos ao alcance da rapazada e de adolescentes que promoven esa mesma violencia contra as mulleres que din combater, potenciando e consolidando roles e valores que deberían proscribirse. Máis centrada na loita das propias labregas como profesionais foi a problemática da Lei de Titularidade Compartida que, a pesares de ter sido promulgada hai cinco anos coa intención de que se acollesen a ela unhas 100.000 mulleres en todo o Estado, a día de hoxe só se deron de alta 101 (12 na Galiza). Inmaculada Idáñez explicou que a lei, dende o seu nacemento, bateu cunha sociedade demasiado masculinizada e cunha profesión, a agraria, cuxos ingresos, decotío, non permiten que haxa máis dunha cotización por familia; de ambos factores xorde unha realidade na que, o habitual é que sexa o home quen cotice e fique a muller nun segundo plano sen cotización nin dereitos laborais, invisibilizada a pesares de facer o mesmo traballo que o seu cónxuxe. Tamén chamou a atención o exemplo do propio Sindicato Labrego Galego como organización agraria, pioneiro á hora de obrigar estatutariamente a que haxa paridade en tódolos seus órganos decisorios e executivos.

Foro mulleres Denuncias e reivindicacións a través do teatro

A mañá rematou co encontro da mocidade, que expuxo o esencial das súas demandas e problemáticas a través dunha representación teatral coa que denunciaron as realidades coas que deben enfrontarse no seu día a día, como a falla de financiamento, unha Política Agraria Común que beneficia maioritariamente a xente maior de 50 anos, a miríade de atrancos burocráticos que leva canda si desenvolver proxectos agrogandeiros alternativos ao oficial, etcétera. Esta parte do Foro foi a que propiciou unha maior participación das persoas asistentes, que achegaron experiencias reais dende tódolos puntos da xeografía do Estado que demostran que unha agricultura alternativa e moza baseada na agroecoloxía non só é posible, senón que é viable, e constitúe a única vía se realmente queremos un mundo rural vivo con futuro, emprego, rapazada e xente moza.

Mocidade Xa pola tarde, os e as participantes afondaron en cuestións que, sen dúbida, ocuparán un espazo central na axenda de traballo das organizacións da Plataforma Rural e do Sindicato Labrego Galego, como o Acordo Transatlántico de Libre Comercio, a Lei Montoro e a tentativa de arrebatarlle ás comunidades rurais o seu patrimonio comuneiro (xuntas veciñais de León, montes en mancomún galegos, etc), o problema de acceso á terra ou os métodos de traballo e mobilización das propias organizacións sociais. Ao remate do día, o IX Foro por un Mundo Rural Vivo confluíu co Encontro Internacional de Comités de Apoio aos Sem Terra do Brasil e celebrouse unha cea cun alto valor simbólico, ao facerse con alimentos producidos e traídos pola propia xente. Dende este punto de vista, cómpre salientar que os produtos utilizados polas cociñas do Seminario de Mondoñedo nos tres días de encontro procederon todos de explotacións labregas do país e da pesca artesanal, aliñados con achegas doutras latitudes, como o aceite.

Encontro co MST

As conclusións

O IX Foro por un Mundo Rural Vivo chegou ao seu remate o domingo, 26 de outubro, no marco incomparable dun mercado de alimentos e produtos labregos. Isabel Álvarez Vispo, de EHNE-Bizkaia, foi a encargada de ler as conclusións do encontro, que serán o guión que marcará a axenda da trintena de organizacións que forman parte da Plataforma Rural para os vindeiros dous anos.

Mercado

En concreto, adoptáronse unha serie de compromisos estruturados en catro bloques:

Mocidade:

  • Pór en marcha unha campaña para que as axudas públicas sirvan tamén para impulsar modelos alternativos de explotación agraria.

  • Facer visibles as experiencias de xente nova que se instalou no rural con éxito para demostrar que as nosas propostas non só son viables, senón tamén sostibles.

  • Dar a coñecer ferramentas de financiamento alternativas para poder levar adiante proxectos no rural que non contan co visto bo das entidades bancarias tradicionais.

  • Crear ferramentas de acompañamento solidario para a xente que comeza baseadas na experiencia e no aval moral.

Bens comúns (por exemplo, as xuntas veciñais de León que quere suprimir o Goberno, ou a privatización e usurpación dos montes en mancomún que sufrimos aquí, na Galiza):

  • Definir que son os bens comúns para a Plataforma Rural.

  • Sensibilizar a mirada sobre o común.

  • Xerar espazos de confianza e comunicación entre as persoas.

  • Accións para recuperar os coñecementos labregos e tradicionais.

  • Fomentar o uso dos bens comúns.

  • Impulsar unha iniciativa lexislativa popular e mocións nos concellos sobre este tema.

  • Practicar a desobediencia civil.

  • Dar a coñecer e crear novas redes a partir das accións que xa existen neste eido.

Xénero:

  • Crear espazos propios de mulleres en tódolos territorios do Estado.

  • Dotar de recursos a estes espazos.

  • Crear unha transversalidade real que abranga tódolos espazos das nosas organizacións.

  • Mudar os espazos de poder e de toma de decisións e cuestionar o modelo de liderado.

  • Revisar a cultura labrega dende o punto de vista feminista.

Participación e democracia directa:

  • Xerar unha educación multisectorial e interxeracional para fomentar a democracia directa.

  • Lanzar as nosas propostas con vistas ás vindeiras eleccións municipais para que formen parte do debate e da axenda política.

Isabel Álvarez Vispo rematou proclamando o compromiso de tódalas persoas que participaron no foro, e tamén o daquelas que non puideron vir, a “coidar de nós mesmos e de nós mesmas para poder seguir cultivando alimentos e relacións durante os vindeiros dous anos de cara a atoparnos de novo no seguinte Foro”. En relación a isto último, o encontro de Mondoñedo tamén serviu para que os compañeiros e compañeiras da Plataforma per la Sobirania Alimentària del País Valencià collesen o relevo de cara a organizar o X Foro por un Mundo Rural Vivo, que terá lugar na Venta de Contreras, na comarca de Manchuela (dacabalo de Cuenca e Valencia) no ano 2016.

Foto de familia