A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Acordos tomados na Asamblea Nacional Aberta do Sector Lácteo

Acordos tomados na Asamblea Nacional Aberta do Sector Lácteo

10 de Outubro do 2008

Xosé Ramón Cendán, Lupe Prado, Carme Freire, Xosé Manuel Calvo

Na mañá do día de onte, gandeiras e gandeiros de todo o País acudiron á Asamblea Nacional Aberta do Leite convocada polo Sindicato Labrego Galego co gallo de artellar unha estratexia que garanta o futuro do sector.

A asamblea foi introducida por Carme Freire Cruces -Secretaria Xeral do SLG-, Lupe Prado -Responsábel de Gandeiría do SLG-, e Xosé Ramón Cendán -Membro do SLG na Coordenadora Europea-Vía Campesina-. Xosé Manuel Calvo, Secretario de Ordenación Territorial e Estruturas, moderou o debate.

 

Xosé Ramón Cendán, Lupe Prado, Carme Freire, Xosé Manuel Calvo

De esquerda a dereita: Xosé Ramón Cendán, Lupe Prado, Carme Freire, Xosé Manuel Calvo


Acordos tomados na Asamblea Nacional Aberta do Sector Lácteo (Santiago de Compostela, 9 de outubro do 2008)

 

1. Solicitude urxente da convocatoria da Mesa do Leite. Na Mesa haberán de estar presentes todas as organizacións sindicais agrarias e todas as industrias do sector, co obxectivo de discutir e negociar as garantías dun prezo que asegure ás explotacións poder cubrir os custes de produción e a remuneración do seu traballo.  

Non é lexítimo que estas negociacións se estean a levar a cabo nunha Comisión de Seguimento na que só participan aquelas organizacións e industrias que asinaron o Contrato Homologado galego  sen prezo base mínimo. Non aceitamos que se expulse a unha parte importante do sector, representada polo Sindicato Labrego Galego, por non estarmos dacordo coa imposición dun contrato que non garante un prezo para que as explotacións poidan vivir.

2. Inicio dunha campaña para que o prezo acordado se axuste á realidade económica das explotacións do País., cubrindo os custes das mesmas e o traballo. Rexeitamos tanto os 0,32-0,38€ citados no preacordo para o presente trimestre, coma prezos de referencia doutros países como Francia, no que se manexan uns custos de produción moito máis baixos por non teren que estar pagando préstamos para a adquisición de cota -aos que foron obrigadas as explotacións galegas no seu día-, nin custos de alimentación tan altos coma os das nosas explotacións, por non dispoñermos na Galiza de terra agraria suficiente para alimentar ó nosos gando..

3. Esiximos o recoñecemento normativo do leite coma produto de primeira necesidade para a sociedade para que recolla un prezo mínimo para dito produto, única garantía de cumprimento dos acordos sobor dos prezos.

4. Mobilizacións a nivel estatal para paralizar a chantaxe que o MAMRM vén de poñer en práctica mediante a publicación do Real Decreto 1612/2008 do 3 de outubro sobre a aplicación dos pagos directos á agricultura e á gandaría, publicado no BOE do catro de outubro, mediante o cal obriga ás explotacións a ter asinado o Contrato Homologado do Leite para poderen percibir unha parte da subvención de pago único, evidenciándose novamente o deseño dunhas leis que nos poñen á mercede do que as industrias queiran pagar polo noso traballo.

5. Convocamos ás demais organizacións agrarias para unitariamente defender estes acordos.


Moitas grazas pola vosa  atención.

Ficheiro adxunto