A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Un estudo revela a obsolescencia dun terzo do parque móbil da DO Valdeorras como causa de risco laboral

Un estudo revela a obsolescencia dun terzo do parque móbil da DO Valdeorras como causa de risco laboral

28 de Outubro do 2014

Rolda de prensa

O Sindicato Labrego Galego presentou, o 24 de outubro, no Barco, un estudo centrado na seguridade e riscos inherentes á actividade vitivinícola na denominación de orixe Valdeorras. Trátase dun extenso informe realizado pola enxeñeira agrónoma, Mónica Vázquez Blanco, en base a una enquisa realizada aos socios e socias da Asociación de Viticultores Sil-Valdeorras que, pola súa diversidade en dimensión e métodos de traballo reflicte dun xeito moi aproximado a realidade máis ampla da denominación de orixe Valdeorras.

O estudo revela a avanzada idade media dos traballadores e traballadores do sector, pois o 51% das persoas enquisadas leva máis de 21 anos traballando nos viñedos. Trátase dun moi masculinizado, en xeral, no que as mulleres traballan na viña en labores moi puntuais e moitas non conducen o tractor.

O 94,3% das explotacións enquisadas teñen tractor, remolque, arados, ganchos, fresas e cisterna. Isto é importante, pois o tractor é a maior fonte de accidentes. O estudo revelou tamén que ao redor do 30% da maquinaria agrícola usada nesta DO non está homologada coa normativa da Unión Europea e que o 35% dos tractores non dispoñen de cabina, sistema para evitar envorcos, mecanismos para absorber vibracións, nin sinais de aviso necesarias, o que supón un serio perigo para a terceira parte dos viticutores e viticultoras da DO. Estas porcentaxes son extensibles ao resto de Galicia, cun parque móbil de tractores no que máis do 31% ten máis de 20 anos. Hai que ter en conta, segundo informou Antonio Ferreiro, especialista en riscos laborais no Sindicato Labrego Galego, os accidentes de tractor son a principal causa de mortalidade na actividade agraria. “No que levamos de ano xa rexistramos 17 mortos en toda Galicia na actividade agropecuaria, dos cales 14 foron por envorco de tractor, e aínda nos quedan 2 meses e medio por diante, co cal é de temer que finalmente nos movamos entorno a 20 falecidos no sector. No período do que nos temos datos (2004-2014), estamos achegándonos aos 200 mortos”.

Respecto disto último, Antonio Ferreiro denunciou o desfase entre a siniestralidade no sector recoñecida polas institucións e a que acontece na realidade, pois “só tendo unha imaxe real da siniestralidade no sector podemos encarar con mellor coñecemento das causas para solucionar problema”. Neste senso, puxo un exemplo diáfano: este ano as vítimas por accidentes laborais no agro andarán ao redor das 20, unha media anual que se cumpre fatidicamente na última década; sen embargo, as estatísticas oficiais de 2013 reflicten só 4 persoas falecidas por accidente laboral no sector agrario.

Outra fonte de riscos, segundo o estudo de Mónica Vázquez, é a manipulación de substancias nocivas ou tóxicas, como fitosanitarios, usadas en maior ou menor medida polo 100% das persoas enquisadas. O meirande, un 62,9%, dan entre 4 e 5 aplicacións con fitosanitarios por campaña. En canto aos equipos de protección individual (EPI), o 100% utiliza as luvas e o 91% un traxe protector. A partir de aí, o uso doutras prendas EPI recomendadas para este labor decae: só o 60% utiliza máscara filtrante e gafas. Neste senso, o 22,9% das persoas enquisadas recoñeceu sentir proído nos ollos tras sulfatar con xofre, e o 14,3% ter algún tipo de irritación tras aplicar fitosanitarios.

O estudo tamén recompilou datos dos factores psicosociais que poden afectar dalgún xeito aos viticultores e viticultoras de Valdeorras. Nunha denominación de orixe na que case a metade dos e das profesionais do sector entregan a uva a algunha das tres cooperativas e case a outra metade lla vende a adegas privadas ou a utiliza para fins propios, o 31'4% denunciou a falla de estabilidade nos prezos, e case un 23 % a dificultade para cobrar. Isto provoca inestabilidade na viticultura valdeorresa como actividade profesional, feito agudizado polos problemas para ampliar os viñedos: o 30% da mostra tivo atrancos para aumentar a superficie da explotación, debido no 70% dos casos á especulación da terra e no 20% aos dereitos de plantación

Polo demais, ningunha das persoas enquisadas padecía enfermidade profesional recoñecida e unha parte importante consideraba como o peor do seu traballo os esforzos físicos a realizar (40%) as posturas que deben adoptar (31,4%) ou a monotonía, a cantidade de traballo ou a imposibilidade de ampliar a explotación (20%). Finalmente, o 82,9% afirmou sentirse satisfeito coas condicións de traballo esixidas pola súa profesión.

Rolda de prensa