A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. 29N: O SLG convoca aos labregos e labregas de Galiza para ocupar o Obradoiro en demanda de traballo, teito e o dereito a producirmos o pan dos galegos e das galegas

29N: O SLG convoca aos labregos e labregas de Galiza para ocupar o Obradoiro en demanda de traballo, teito e o dereito a producirmos o pan dos galegos e das galegas

27 de Novembro do 2014

Ocupa o Obradoiro

O Sindicato Labrego Galego apoiará a ocupación da praza do Obradoiro este sábado, 29 de novembro, por parte das Marchas da Dignidade, movemento cívico do que formamos parte; e convoca aos labregos e ás labregas de Galiza a apoiar esta mobilización contra as políticas neoliberais e de recortes dos gobernos que nos afectan a todos e a todas.

Dende o SLG, facemos tamén noso o manifesto que dá contido a estas mobilizacións que esixen pan, traballo e teito para toda a cidadanía. Nós, os labregos e labregas de Galiza, levamos décadas sufrindo nas nosas carnes a prepotencia e a agresión sen precedentes deses “gobernos europeos, que actúan como o que son, unha mafia sen escrúpulos que non ten reparos en cometer os crimes que sexan necesarios para manter contentos aos seus donos. Os gobernos europeos menten, estafan, rouban e toman medidas contra as persoas porque non están ao servizo delas, están ao servizo das grandes corporacións que son as que logo lles facilitarán un cómodo retiro”1.

Nós, os labregos e labregas, dende a entrada do Estado Español na Comunidade Económica Europea (CEE) en 1986, sufrimos a reconversión máis brutal e desapiadada que ningún outro sector laboral sufriu en Europa, coa desaparición de máis de 100.000 explotacións só no sector lácteo. O desmantelamento do noso principal sector produtivo e económico no medio rural, desertizou progresivamente as nosas parroquias que, paseniño, estanse vendo despoxadas de servizos e infraestruturas sen as que a vida é inconcibible en ámbitos urbanos. O peche de escolas ou de centros médicos no rural, o recorte drástico de recursos ás oficinas agrarias comarcais e dos servizos públicos prestados a explotacións, ou a desmesurada e crecente carga burocrática coa que se obstaculiza a profesión labrega, fan que cada vez sexa máis difícil vivir no campo e vivir do campo.

En troques de desenvolver políticas que revertan esta situación, os poderes públicos inciden en agudizar aínda máis esta crise permanente e crónica á que está sometida a clase labrega. Sen ir máis lonxe, os recentes recortes ás producións gandeiras que sobreviven en zonas desfavorecidas ameazan con provocar o despoboamento definitivo de amplas zonas de montaña do noso territorio onde a cría do gando é o único medio de vida e profesión posibles para moitas familias. Tampouco axudan os criterios políticos no reparto inxusto e interesado dos fondos da Política Agraria Común, que beneficia con miles de millóns de euros, fundamentalmente, a familias aristocráticas, terratenentes e agroindustrias.

Semella que as políticas agrarias na Galiza están deseñadas para favorecer o abandono do campo e para liberalizar as súas terras, de maneira que lle saian gratis ou a prezo de saldo a grandes empresas de sectores como a produción enerxética, mineira ou de celulosa. De aí que, nas últimas décadas, Galiza sufrise unha radical transformación do seu territorio que, de estar deseñado para producir alimentos para toda a poboación, pasou a producir eucaliptos para fornecer a ENCE; a acoller instalacións xeradoras de enerxía como parques eólicos, encoros ou centrais térmicas; ou a ser literalmente esquilmado para beneficiar a unhas poucas industrias mineiras. E todo a costa da destrución de centos de miles de postos de traballo. E mentres tanto, o noso Parlamento, case sempre dominado polas maiorías absolutas do Partido Popular, dedicouse a lexislar para favorecer e amparar esta desfeita en beneficio dunhas poucas empresas.

Os labregos e labregas sabemos que desenvolvendo as políticas axeitadas non é só posible virar esta dramática situación, senón que podemos transformar o noso medio rural nun eido habitado e nunha fonte de riqueza permanente e sostible quen de xerar miles de postos de traballo. O medio rural pode ser un dos mellores antídotos contra a crise global que estamos a sufrir e contra o colapso no que se atopa o sistema económico dominante. Políticas como impoñer por lei prezos xustos en orixe para tódolos produtos agrogandeiros, que nunca se deberían vender por baixo dos custes de produción e sen deixar salarios dignos nas explotacións; establecer controis de mercado e da produción que garantan o equilibrio entre a oferta e a demanda; fomentar a compra pública de alimentos nas granxas locais para fornecer comedores escolares ou hospitais, ou favorecer o consumo de produtos do país; dar a máxima protección ás terras agrarias fronte ás forestacións ilegais ou as agresións da minaría e reservar o seu uso para a produción de alimentos; favorecer o achegamento ao medio rural de servizos básicos e esenciais para a cidadanía como a educación, a sanidade ou o coidado de persoas maiores ou con minusvalías; potenciar a incorporación de xente nova e de activos agrarios a través dos inxentes fondos económicos que nos dá a Política Agraria Común, e deixar de subvencionar absentistas, empresarios e propietarios de terras que nada teñen que ver coa agricultura; etcétera.

Tras corenta anos de gobernos supostamente democráticos, trala fin da ditadura franquista, o único que nos queda é un medio rural cada vez máis deshabitado e unha insuficiencia crónica para producir os alimentos que consumimos na Galiza. Nin sequera somos quen de producir todo o leite que mercamos os galegos e as galegas, a pesares de termos a metade das explotacións lácteas do Estado; doutros produtos agrarios, mellor nin falar. Consideramos un crime de lesa humanidade que a nosa clase política permita que haxa miles de persoas que pasan fame na Galiza e, ao mesmo tempo, se estea a desmantelar a produción propia de alimentos e a nosa soberanía alimentaria coma pobo. A solución á crise do medio rural é doada: a mellor política de desenvolvemento rural que pode facer a nosa clase política é deixarnos alimentar á cidadanía, que os labregos e labregas de Galiza poidamos producir os alimentos que consume o pobo galego. Se as políticas agrarias tivesen ese obxectivo, outro galo cantaría. Por iso, os labregos e labregas do SLG confluiremos na praza do Obradoiro este sábado, 29 de novembro, integrados e integradas nas cinco columnas que xa avanzan dende tódolos curruchos de Galiza. Nós tamén pediremos traballo e teito, amais do dereito a producirmos nós o pan dos galegos e das galegas.

Máis información en http://marchasdadignidade.blogspot.com.es/

Composición CarteisRoteiro das columnas