A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A loita contra o acaparamento de terras na Galiza chega a Bruxelas e ao Parlamento Europeo

A loita contra o acaparamento de terras na Galiza chega a Bruxelas e ao Parlamento Europeo

12 de Decembro do 2014

Bruxelas

O Sindicato Labrego Galego participou, o 10 e o 11 de decembro, nun foro sobre o acaparamento de terras na Galiza celebrado na sede do Parlamento Europeo, en Bruxelas, e auspiciado pola eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), Lidia Senra. Neste punto de encontro, xuntámonos diversas organizacións e colectivos para dialogar e debater ao redor das loitas en defensa do noso territorio que se están a desenvolver en todo o país. De seguido, compartimos con vós, a xeito de resume, a crónica da segunda xornada. O texto e as fotografías son da xornalista Vera Cruz Montoto:

Neste 11 de decembro, finalizaron as xornadas "As diferentes vías de acaparamento de terra na Galiza", que contou no Parlamento Europeo en Bruxelas ca participación de 55 persoas representantes de distintos colectivos e organizacións que loitan pola defensa da nosa terra e territorio .
  • As intervencións comezaron o 10 de decembro, co relato de Francisco García Trigo en representación da loita contra a empresa canadiense Edgewater en Corcoesto. Grazas a el, puidemos coñecer máis polo miúdo a problemática concreta da mina de ouro que a empresa canadiense Edgewater quere explotar en  Corcoesto, así como as dinámicas organizativas que levaron ás persoas afectadas a artellar unha campaña de sensibilización e loita que conseguiu -alomenos polo momento-, frear este altamente contaminante proxecto extractivo.
  • O 11 de decembro comezaría a xornada Violeta Núñez, en nome da Asociación Socio-Cultural O Iríbio de Triacastela. Violeta deu conta do grave conflito social xerado pola empresa Cementos Cosmos, situada con total impunidade nos espazos naturais protexidos que forman parte da Rede Natura 2000 - no Lugar de Importancia Comunitaria Ancares-Courel-, no tramo do Camiño de Santiago que foi declarado Primeiro Itinerario Cultural Europeo pola Unión Europea e Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e sobre o xacemento arqueolóxico da Cova de Eirós. "Non obstante, a magnitude de gravidade destas agresións deixan pasar desapercebida na opinión pública outra non menos importante agresión: o acaparamento de terras e os efectos na agricultura que implica esta explotación mineira", subliñou Violeta. A mina atópase literalmente sobre cinco aldeas habitadas e os seus espazos agrícolas, nunha das áreas mais ricas e fértiles da Galiza e, actualmente, "leva destruído irreversibelmente 105 hectáreas do territorio en tres décadas de actividade, ainda que a área total sobre a que dita empresa ten direitos de expropiación forzosa, ou sexa, capacidade de acaparamento de terras, é de 360 hectáreas, podendo incluso ser moito maior, pois na lexislación española ampliar a extensión dunha mina existente é sumamente fácil", alertou. Na área acaparada por esta empresa ubícanse as casas de máis de 200 persoas que poderían ser expulsadas en calquera momento, e existen mais de 50 explotacións gandeiras tradicionais, principalmente de gando bovino.
  • Dende SOS Caurel, Orlando Álvarez, denunciou "a proliferación indiscriminada de canteiras e proxectos de canteiras por todo o espazo natural e a súa contorna inmediata, a plantación indiscriminada de miles de hectáreas de monocultivos de especies forestais pirófitas, resinosas e alóctonas, destruíndo especies e hábitats e propios". Máis O Caurel tamén está ameazado por grandes infraestrucuras, "a construción de estradas en Rede Natura 2000, sen a correspondente avaliación ambiental ou cunha deficiente avaliación ambiental". Álvarez tamén denunciou "a ausencia total de medidas para a protección e recuperación de especies e hábitats en perigo e unha política forestal que o que realmente fai é favorecer que haxa incendios, como lamentábelmente vemos na zona do Caurel todos os anos".
  • Tamén en Redondela saben perfectamente o que é loitar contra arterias de comunicación pensadas en base aos intereses económicos de certas empresas e non en base ás necesidades de mobilidade da cidadanía. É o caso da construción de 2 viais da A- 57 e da A- 59, que suporía a convivencia de 3 viais de alta velocidade en menos de 10 Km de radio, á que se enfrontan as persoas integrantes da Plataforma Cidadá contra a Autovía de Redondela. En representación da mesma, Beatriz Fervenza explicou "dende esta plataforma demandamos a paralización destes proxectos, en prol dun transporte público de calidade e a descentralización dos servizos acercándoos aos cidadáns, que tería un custo económico menor e sería máis sostible dende o punto de vista medioambiental, e reduciría considerablemente os problemas de tráfico".
  • Os montes están tamén, dun xeito moi significativo, no punto de mira das estratexias capitalistas de acaparamento de terras. A Organización Galega de Mancomunidades de Montes, lembrou na súa intervención a través de Claudio Quintillán que "os montes comunais son indivisibeis, inembargabeis, inalienabeis e imprescriptibeis, e pertencen aos veciños e veciñas habitantes dunha parroquia ou lugar". O monte galego supón dous terzos de todo o noso territorio, perto de dous millóns de hectáreas. Para dar conta da forte afección que os montes teñen en relación á ameaza do acaparamento de terra, Quintillán enumerou, "aos problemas que xa había ata o dagora, temos que engadirlle os xerados polas liñas eléctricas, gaseoductos, antenas de comunicación, canteiras, explotacións forestais, eólicos, polígonos industriais, autoestradas, tren de alta velocidade, ocupacións por parte da administración... O que implica para as comuneiras e comuneiros termos que estar asumindo retos constantemente". Ademais, analizou "os poderes políticos teñen no modelo de organización das comunidades de montes unha espiña cravada, non queren que colectivos organizados decidan en asembleas, senón mandar eles". "Por iso modifican ou aproban novas normativas como a actual Lei de Montes de Galiza, o Decreto sobre Minaría, favorecen os denominados "cultivos enerxéticos, etc.", concluiu.
  • Un exemplo concreto destas ameazas para o monte foi exposto a través da experiencia das comuneiras e comuneiros de Monte Cabral, quenes deron conta da forte presión urbanísitica á que están sometidos os montes das parroquias limítrofes ca cidade de Vigo. "Actualmente o que se interpreta é que o monte é chan barato para infraestructuras", advertiu Antonio Carrera, "as tensións ao respecto do solo comunal de Cabral iniciouse nos anos 90 ca expropiación aprobada polo concello de Vigo". A día de hoxe enfróntanse á tentativa de arrebatarlles as terras para construir un centro comercial, "pero logramos que un 90% das comuneiras e comuneiros votaran e parouse", contou. "Sen embargo, ao día seguinte o alcalde de Vigo saíu na prensa dicindo que seguía adiante co proxecto." "Neste caso quenes teñen interese en facerse con noso monte son a inmobiliaria Erofound, con sede en Luxemburgo, e tamén o concello de Vigo, xa que cas plusvalías xeradas deste proxecto pretende facer "A cidade do deporte" de Vigo e construír unha ronda." Polo dagora, proseguiu Carrera, "debido á polémica suscitada entre a vecianza, de momento a problemática de Porto Cabral está latente ata que pasen as eleccións municipais." "A nosa idea é que Cabral, como pasa noutras zonas da costa, sexa un modelo de parroquia semirural, cun pé na cidade pero acordándose do campo e tratando de dar un servizo medioambiental á cidade", reivindicou.
  • Tamén dende a asociación "Salvemos A Fracha", que naceu da unión dun grupo de veciños e veciñas contra o proxecto A57 -un novo corredor na provincia de Pontevedra-, paralelo á autoestrada AP-9, que leva 7 anos perdendo densidade de tráfico. María Blanca Barrio sinalou que "o tramo que se está a licitar, despois de máis de cinco modificacións do trazado, perde o seu sentido orixinal (que era o de circunvalar a cidade de Pontevedra) e conleva serios defectos de funcionalidade e de forma." Aliás, resaltou, "está proxectado case nun continuo talude, que non so rompe o monte mendioambiental e paixasisticamente, senón que afecta aos usos de esparcemento e lecer que a veciñanza da comarca fai del, a máis de separar as parroquias de Vilaboa, Figueirido, Bértola, Tomeza e Marcón do seu monte comunal ó dificultar o uso das vías naturais e de comunicación e servizo apoderándose dunha gran parte do monte."
  • Mais se hai unha "acaparación" dos montes especialmente visíbel para todas as galegas e galegos, esa foi a dos parques eólicos. Deste aspecto falou Mariano Pazos, quen xunto á súa compañeira Dorinda xestiona unha explotación gandeira na Baña e forman parte do Sindicato Labrego Galego. "Na zona da Baña e Santa Comba estase instalando un parque eólico, na parroquia de Cabanas, monstros de cen metros de alto que, ademais, contaminan dende o mesmo momento da súa instalación, xa que os postes están feitos con resinas derivadas do petróleo, ao que hai que engadirlle a contaminación de terras e augas polo verquido de grandes cantidades de formigón". Neste contexto, non só manter unha explotación gandeira é todo un reto, senón que a vida diaria da poboación da zona sofre mesmo "o cambio dos microclimas por culpa do cambio do vento que forzan estes eólicos. Ademais, o día que non lles sexan rentábeis deixarannos aí un ceminterio de eólicos". Pazos destacou tamén que, ao igual que adoita pasar para a construcción doutro tipo de grandes proxectos, "fano todo ás caladas, van negociando casa por casa dicíndonos que ao outro veciño vanlle pagar menos, e buscan que non esteamos unidos".
  • Dende o Movemento Ecoloxista da Limia (MEL), José Manuel García, denunciou acción destrutiva do sistema de embalses de purín da empresa Coren, "supón a destrucción dos sistemas agrarios locais da Limia, Coren arrasou cunha comarca fundamentalmente agrícola e gandeira, inundándoa cas balsas de purín derivadas das súas macrogranxas de polos e porcos. Na actualidade, a maioría das terras da Limia están sendo empregadas para absorver o purín das balsas de Coren." García sinalou tamén que "malia a que é a propia empresa a que lle dí á xente que tecnoloxía teñen que empregar e logo cando teñen problemas co purín dinlles que o solucionen eles."
  • Por parte do Sindicato Labrego Galego, a súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, destacou que vivimos "un proceso xeralizado no que se pretende poñer en mans do Capital e da industria todo tipo de bens", e criticou "a nivel galego e europeo hai un desprezo total pola terra, polos sistemas agrarios tradicionais, polos nosos empregos e medios de vida." Salientou que na Galiza temos tan só un 24% de superficie agraria útil, unha das medias máis baixas de toda a UE, de feito, sinalou, "a media de terra á que podemos acceder os proxectos agrarios ou gandeiros non chega ás 8 hectáreas. Fixádevos na comparanza cas 8.000 hectáreas que as empresas mineiras pretenden acaparar en Oroso ou cas 5.700 que queren coller en Vilalba ou as enormes extensións dos proxectos que estivemos coñecendo nestas xornadas." A secretaria xeral do SLG incidiu tamén en como públicamente arguméntase sempre os postos de traballo que supostamente conlevarían certo tipo de proxectos nocivos para a terra e o territorio, nembargantes, nunca se pon en valor o feito de que en actividades agrarias e gandeiras "hai máis de 122.000 empregos recoñecidos no Plan de Desenvolvemento Rural de Galiza, e iso que óbviase por completo o autoconsumo e outro tipo de actividade vinculada á agricultura e gandeiría que xeran beneficio económico para a poboación". Destacou tamén a dificultade para conseguir terras que ten na actualidade a mocidade que se quere incorporar á actividade agraria, "é unha auténtica odisea para a xente moza, de feito, menores de 30 anos só dispoñen neste momento dun 6% da terra." Aliás, ampliou, "diariamente facemos denuncias por forestacións ilegais, por prácticas mineiras ilegais... e vemos como se meten nun caixón e non se actúa. E agora, ás labregas e labregos, ademais, fumígannos, xa que fan fumigación dende o aire para os grandes monocultivos e esas substancias tóxicas fíltranse á auga que vén para as nosas casas, para as nosas escolas..."
  • Dende Alternativa Galega de Esquerda, o deputado Antón Sánchez debullou algunhas das modificacións lexislativas que o Partido Popular está a promover nestes momentos na Galiza chamando a atención no feito de que "a lexislación aprobada e en vías de aprobación nesta lexislatura ten como obxectivo fundamental facilitar a entrada á explotación de recursos dentro do solo rústico", a día de hoxe o 90% do solo galego. "E, completamentariamente, están lexislando tamén para eliminar a capacidade da cidadanía para decidir sobre a terra." En relación ás explotacións mineiras, sinalou tamén que estase a modificar a lei "para legalizar todas as existentes e dar entrada a novas explotacións mineiras na Rede Natura." Aliás, "hai unha prevalencia xeralizada do emprego do solo rústico para usos mineiros, eólicos ou enerxéticos sobre o uso alimentario". "O goberno actual nunca vai facer unha declaración de utilidade pública para defender a prevalencia do uso alimentario, e iso que vivimos nun país no que gastamos unha media de 900 millóns de euros en alimentación importada cada ano."
Lídia, promotora destas xornadas de denuncia do acaparamento de terras na Galiza, valorou "moi positivamente" este encontro, xa que "permitiu poñer en contacto persoas que loitan contra inimigos comúns ao longo de todo o país e, deste xeito, reforzar a unidade entre todas e todos nós." Por outra banda, denunciou novamente que "as avaliacións de impacto medioambiental, tal e como se están a facer agora, son unha coladeira" e reivindicou a necesidade de que a Comisión faga valer esta ferramenta con seriedade, "ten que deseñar instrumentos para verificar que están facendo os gobernos correspondentes en cada momento cando dan unha avaliación por boa". "Ten que haber control e seguimento das avaliacións medioambientais, e a fonte de información da Comisión Europea non poden ser únicamente os gobernos, xa que temos a experiencia de que, en demasiadas ocasións, son parte interesada neste tipo de proxectos lesivos para a terra e que atacan ao noso territorio.
Foro da terra Bruxelas