A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG urxe á conselleira de Medio Rural a convocar unha xuntanza para pór en marcha o PDR 2014-2020 neste 2015

O SLG urxe á conselleira de Medio Rural a convocar unha xuntanza para pór en marcha o PDR 2014-2020 neste 2015

24 de Decembro do 2014

PDR 2014-2020

Diante do rexeitamento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 por parte da Comisión Europea, o Sindicato Labrego Galego vén de solicitar formalmente unha xuntanza coa conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, para tratarmos de poñer canto antes en marcha esta importante vía de financiamento para moitos dos nosos sectores agrogandeiros e forestais.

Se a conselleira de Medio Rural accede a reunirse co Sindicato Labrego Galego, volveremos presentarlle as nosas alegacións ao PDR que xa lle adiantamos a finais do pasado mes de xullo, sempre orientadas a protexer e xerar emprego no rural, a desenvolver un modelo social de acceso á terra, a promover producións de calidade ou a favorecer a sostibilidade das actividades agrogandeiras. Entre as moitas achegas que xa fixemos, destacamos algunhas que consideramos fundamentais e imprescindibles para manter con vida o noso medio rural:

  • Plan de choque contra o envellecemento dos sectores agrogandeiros: A poboación de profesionais da agricultura na Galiza está moi envellecida, cunha previsión de que o 40% se xubile no período de vixencia do PDR, até 2020. Cómpre apoiar a incorporación, polo menos, de 10.000 mozos e mozas para garantir o relevo xeracional nas granxas.

  • Financiar o incremento da superficie agraria útil (SAU) na Galiza, co obxectivo de acadarmos, como mínimo, o 33% do territorio para esta fin. Actualmente temos só o 21% de SAU fronte a países como Francia que superan o 50%. Esta medida garantiría que as nosas explotacións puidesen facer fronte con máis solvencia ao crecente incremento dos custes enerxéticos ou de insumos, como a alimentación animal.

  • Crear liñas de apoio para apoiar os sectores produtivos en crise, cunha especial atención no lácteo, que leva un ano encaixando unha constante caída dos prezos e se enfrontará, a partir do 1 de abril, á fin do sistema de cotas.

  • No fomento de medidas agroambientais, dende o SLG propoñemos a creación dunha axuda mínima ás pequenas explotacións con compromisos adicionais de sustentabilidade. Trataríase de introducir unha nova liña de axudas a pequenas explotacións en mans de persoas en activo que ocupen unha UTA (Unidade de Traballo Agrario) pola súa enorme importancia no tecido socio-económico do rural galego e polo seu papel indispensable na mantenza e estruturación do noso territorio e do medio ambiente. En concreto, dende o SLG pedimos que a estas explotacións teñan un complemento que, sumado ás axudas da PAC, lles supoña un ingreso de 3.000 €; ou que teñan dereito a esa cantidade as explotacións que non reciben cartos da PAC. Tamén é imprescindible un plan de apoio directo ás explotacións ecolóxicas polas razóns devanditas.

  • De cara a apoiar as zonas máis desfavorecidas do noso medio rural, a Indemnización Compensatoria de Montaña (ICM) debería ser, como mínimo, de 215 euros por hectárea. O pago mínimo noutras áreas con limitacións naturais sería de 129 euros. Estes pagamentos deberían ser prioritarios sobre outras liñas do PDR e estar garantida a súa dotación orzamentaria, pois estas granxas son as máis vulnerables e, en amplas zonas do noso rural, o único medio de vida posible.

Dende o Sindicato Labrego Galego, agardamos que a Consellaría de Medio Rural convoque ao sector e tome boa nota de todas as propostas que lle presentemos para chegar a un consenso e destinar a totalidade dos 890 millóns do PDR 2014-2020 a fomentar verdadeiramente o desenvolvemento rural da Galiza