A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A ECVC solidarízase cos activistas que serán xulgados mañá en Amiens por loitar contra a granxa das 1.000 vacas

A ECVC solidarízase cos activistas que serán xulgados mañá en Amiens por loitar contra a granxa das 1.000 vacas

16 de Xuño do 2015

Mani en Amiens

A Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) apoiará a manifestación de labregos e labregas que terá lugar mañá, 17 de xuño, en Amiens (Francia) coincidindo co xuízo aos activistas que participaron nas mobilizacións contra a coñecida granxa das mil vacas, conflito que se está a converter nun símbolo da loita global contra a a industrialización da agricultura.

A granxa das 1.000 vacas, como a denominan os nosos compañeiros e as nosas compañeiras da Confédération Paysanne, é unha explotación industrial promovida polo magnate Michel Ramery. Nesta granxa, Ramery pretende espremer 1.000 vacas nunhas instalacións de 8.500 m² -cada animal disporá dun espazo equivalente a media praza de garaxe- xunto a unha fabrica de metano. A idea é apañar as dexeccións das 1.000 vacas para producir electricidade e, unha vez procesadas, utilizar os refugallos para abonar 3.000 hectáreas de pastos dos que se alimentarán as reses.

Así, a granxa de Ramery producirá 8 millóns de litros de leite ao ano e 1'5 megawatios de electricidade. Para iso, ocupará 3.000 hectáreas de praderías -extensión superior á de municipios do tamaño de Betanzos- para dar emprego só a 18 persoas; e, durante o inverno, consumirá 40 toneladas diarias de concentrados alimenticios compostos, principalmente, por transxénicos.

Que 30 Km² de terras só dean emprego a 18 persoas dá como resultado o modelo agrario definitivo para desertizar o medio rural. Desde a Conf explican que unha explotación láctea convencional con 50 vacas dá emprego a unha media de 2'1 persoas en Francia; daquela, 1.000 vacas deberían dar emprego a 42 persoas, como mínimo. Ademais, os ingresos pola produción de enerxía e o aforro en salarios, permitirán a Michel Ramery vender o leite a 270 euros a tonelada; cando os prezos medios están en 350 euros a tonelada, valor este último que non chega nin para cubrir os custes de produción das explotacións convencionais e que só é posible grazas a axudas públicas como as da Política Agraria Común.

Dende a ECVC, critican que a competencia desleal xerada por estas explotacións industriais supón numerosos riscos para a subsistencia dos labregos e labregas, para o emprego nas rexións rurais, para a calidade dos alimentos e para o medio ambiente. As explotacións industriais están abaratando os prezos a costa de explotar os seus traballadores e traballadoras, o gando e o medio ambiente (uns gastos que non pagan). Por outra banda, os seus investimentos están encarecendo o prezo da terra, obstaculizando que as granxas familiares poidan ampliar a súa base territorial ou que mozos e mozas se incorporen á actividade agraria. Estes delitos fináncianse con impostos europeos e son apoiados polas políticas públicas, polas subvencións da Política Agraria Común (PAC), por apoios ao investimento, e polos prezos garantidos para o gas natural e a enerxía fotovoltaica. Todo isto acontece ao tempo que se están a destruír granxas familiares. Ademais, o fin do sistema de cotas e a desaparición de calquera método de control da produción leiteira na UE, está complicando a subsistencia das granxas familiares ao obrigalas a competir coas grandes explotacións industriais, que contan coa vantaxe de externalizar boa parte dos custes que xeran, como os medioambientais, a conta do erario público.

Como alternativa, a ECVC defende un modelo labrego para o desenvolvemento, baseado na autonomía, na soberanía alimentaria, na saúde, na calidade da produción dos alimentos e o benestar xeral. Vemos este modelo como a única vía para asegurar a vitalidade nas áreas rurais, as máis necesitadas de emprego, da saúde pública e da preservación do medio ambiente e a súa biodiversidade.

Ademais de solidarizarse cos gandeiros que serán xulgados mañá en Amiens, a Coordinadora Europea Vía Campesina apoiará tamén a marcha que labregos e labregas de Portugal que comezará o vindeiro 26 de xuño en Aveiro para manifestar a súa oposición a este novo modelo de desenvolvemento.

Contra a granxa das 1000 vacas