A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG convocará mobilizacións diante do flagrante abandono de funcións da Xunta na crise do sector lácteo

O SLG convocará mobilizacións diante do flagrante abandono de funcións da Xunta na crise do sector lácteo

28 de Xuño do 2015

Rolda de prensa

O 26 de xuño, Leite Río anunciaba sen previo aviso a 22 granxas que lles deixaba de recoller o leite por non cumprir o nivel de graxa esixido. Ao día seguinte, mentres a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, ofrecía unha rolda de prensa para valorar este problema, notificábanlle que a empresa Leitigal acababa de anunciarlle a varias das súas granxas que deixará de recollerlles o leite o 1 de xullo.

Máis alá destes graves sucesos, dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos unha crise global que vive o sector lácteo galego e que ameaza coa súa desaparición, tal e como demostra o feito de que, actualmente, noutras comunidades do Estado, como Andalucía, se lles estea pedindo ás granxas que aumenten a produción, e se lles estea a pagar o leite a prezos entre 34 e 36 céntimos, moi lonxe dos 26-28 céntimos que se están a cobrar de media na Galiza, e a anos luz dese milleiro de explotacións galegas que están a cobrar menos de 18 céntimos por litro. Ademais, o mandato das industrias na Galiza está a ser o de non producir máis que na campaña pasada, ou mesmo producir menos, cando non que che deixen de recoller o leite directamente, como xa pasou coas explotacións que lle vendían a Pascual, e como acontece agora con Río e Leitigal.

Para a secretaria xeral do SLG “estamos a vivir o desmantelamento do sector lácteo galego e a deslocalización da produción leiteira do noso país cara a outras zonas do Estado onde está o groso do consumo, como a franxa mediterránea”. E o peor de todo non é a crise de fondo en si, senón a sensación de absoluta indefensión e orfandade que sofren as nosas explotacións.

Indefensión porque non existen mecanismos -nin nas leis nin nos contratos- que permitan aos gandeiros e gandeiras afectados polas prácticas abusivas da industria poder reclamar. No meirande dos contratos, o ente mediador que figura nas cláusulas é a cámara de comercio provincial. Se un gandeiro da Terra Chá ao que Río lle deixou de recoller o leite coa escusa peregrina do nivel de materia graxa denunciase, tería que acudir á Cámara de Comercio de Lugo -actualmente en concurso de acredores-, pagar unhas taxas mínimas de 800 euros, aprovisionar fondos por un montante de 3.500 euros e meterse nun litixio que pode durar anos. A outra opción sería denunciar diante da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), pero deste xeito, no mellor dos casos, a industria sería sancionada, a granxa non recuperaría os cartos perdidos e, ao final, a empresa acabaría repercutindo a multa nas propias explotacións reducíndolles os prezos para cadrar as súas marxes de beneficio.

Orfandade porque o abandono de funcións da Xunta e da Consellaría de Medio Rural nesta crise e nos problemas do día a día do leite galego é flagrante. Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva do SLG que tamén interveu na rolda de prensa e que vén participando nos foros de negociación do sector lácteo dende comezos dos anos oitenta, afirmou que “nunca houbo un Goberno Galego -nin con Albor, nin con Laxe, nin con Fraga, nin con Touriño- que tivese tal falta de liderado no sector lácteo como o de Feijóo. Cos anteriores gobernos, nunha situación de crise como a actual, tiñamos reunións semanais nas que estaban presentes tódolos axentes do sector, xuntabámonos as veces que fixera falta e, aínda que non sempre chegabamos a acordos, normalmente reconduciamos moitas situacións de crise. Mais agora, e tras meses de insistencia, o único que conseguimos de Medio Rural foi unha xuntanza de terceiro nivel na que nin sequera estiveron as industrias. Nunha crise como a actual, se o Goberno Galego non fai nada, non sei para que os temos gobernando, porque non nos fan falta.”

Diante desta crise insostible, do manifesto afundimento do sector lácteo galego, e do absoluto desamparo e orfandade das nosas granxas, dende o Sindicato Labrego Galego manteremos nos vindeiros días contactos a tódolos niveis para organizar mobilizacións unitarias de cara a sacar á Xunta da súa parálise e para denunciar o desmantelamento do principal sector agrogandeiro da Galiza e un dos principais motores económicos e de estruturación social do país. “É necesario e imprescindible iniciar mobilizacións diante desta situación de emerxencia”, explicou Cendán; ao que engadiu Isabel Vilalba que “non queremos ningún tipo de protagonismo das nosas siglas nin das siglas de ningunha outra organización. Cremos que sería un erro pretender sacar tallada mediática diante deste problema global, pero tamén cremos que debemos loitar. Por iso, a semana que vén convocaremos mobilizacións en unidade coas cooperativas e as outras organizacións agrarias ou, en caso de que iso non sexa posible, farémolo en solitario”.

Rolda de prensa