A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Isabel Vilalba denunciará hoxe en Bruxelas a crise do sector lácteo galego no Observatorio do Mercado do Leite

Isabel Vilalba denunciará hoxe en Bruxelas a crise do sector lácteo galego no Observatorio do Mercado do Leite

30 de Xuño do 2015

Isabel Vilalba

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participará durante toda a mañá de hoxe, 30 de xuño, nunha nova xuntanza do Observatorio Europeo do Mercado do Leite (European Milk Market Observatory), órgano asesor da Comisión Europea que se reúne periodicamente en Bruxelas e no que a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego representa á Coordinadora Europea da Vía Campesina.

Nesta ocasión, Isabel Vilalba aproveitará para denunciar os resultados catastróficos de termos un sector completamente desregulado dende o final do sistema de cotas, sen ningún tipo de control sobre a produción, e con marcos lexislativos que deixan ás granxas completamente indefensas diante das prácticas comerciais abusivas das industrias. E o exemplo que porá será o galego: prezos medios ao redor dos 27 céntimos, máis do 10% das granxas arruinándose ao regalar o leite a prezos de 17 e 18 céntimos, inseguridade na recollida do produto e industrias que perpetran estes abusos sen temor a ningún tipo de castigo legal ou político.

Cómpre lembrar que en anteriores xuntanzas do Observatorio Europeo do Mercado do Leite, e doutros foros como o Grupo de Diálogo Civil do Sector Lácteo, nos que ten participado Isabel Vilalba, a Comisión Europea expuxo unhas previsións para o sector lácteo que contemplaban concentrar a produción en determinadas rexións comunitarias a costa de facela desaparecer doutras. E Galiza estaría entre as últimas se analizamos feitos como que se lles estea a impedir ás nosas granxas producir máis, cando noutras rexións do Estado como Andalucía estase a aumentar a produción e a pagar prezos por riba dos 35 céntimos. De feito, na última xuntanza do Grupo de Diálogo Civil do Sector Lácteo, a mediados de maio, estimábase que algunhas rexións da Unión Europea ían aumentar a súa produción de leite en 12 millóns de toneladas na vindeira década.

Para a secretaria xeral do SLG “é un auténtico escándalo que se estea a traballar nunha política que se basea na desaparición de miles de explotacións para sobredimensionar e concentrar a produción nas restantes. O máis triste é que os nosos dirixentes, nomeadamente dende o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural, estean enganando ao sector ao defender as bondades da desregulación e da eliminación de calquera control sobre a produción e os mercados, ou cando gaban a fin do sistema de cotas e nos queren facer crer que é unha oportunidade, sabendo que, en realidade, é o certificado de peche de miles de explotacións na Galiza e en toda Europa”.