A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Valedor do Pobo admite a trámite unha queixa do SLG denunciando os abusos da industria láctea

O Valedor do Pobo admite a trámite unha queixa do SLG denunciando os abusos da industria láctea

4 de Xullo do 2015

Isabel Vilalba

O Valedor do Pobo vén de admitir a trámite unha queixa rexistrada polo Sindicato Labrego Galego na que se denuncia a indefensión absoluta das 10.000 granxas leiteiras que aínda sobreviven na Galiza diante das prácticas abusivas da industria. Froito da admisión desta queixa foi a xuntanza de traballo que onte, 3 de xullo, mantiveron a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, e un dos avogados da organización agraria, Xosé Pérez Rei; cunha equipa do Valedor encabezada polo secretario xeral da institución, Fernando de Andrés Alonso.

No escrito presentado polo SLG (achégase un extracto xunto con este comunicado) exponse que, coa liberalización do sector trala fin do sistema de cotas “a industria está a beneficiarse do contexto para obrigar aos gandeiros e ás gandeiras a asinar contratos con prezos absolutamente miserables e que, lonxe de garantir o futuro do sector, abocan a boa parte deste á inviabilidade, co peche de explotacións que iso pode provocar. Os mecanismos de presión son, polo demais, obvios: o máis simple é non recoller o leite se non se aceptan as condicións impostas pola industria. (...) De resultas disto, consta que se está a pagar o litro de leite a prezos de 0,28 ou mesmo 0,26 euros. Mesmo nalgún caso, menos. Cumpriría, sen dúbida, que aumentasen as inspeccións de oficio”.

Dende que se presentou o escrito no Valedor, a cousa aínda empeorou trala decisión de empresas como Río e Leitigal de deixar de recoller o leite a ducias de granxas, e por ser cada vez máis grande o número de explotacións que se ven na obriga de vender o leite por baixo dos 20 céntimos.

Tamén denuncia o escrito a pasividade das administracións: “A parálise dos poderes públicos está levando ao establecemento de controis privados da produción. Entendemos que deberían intervir, máis alá doutras consideracións, ante o que a día de hoxe é unha realidade: a ilegalidade de facto dos actuais contratos, chegando a asinarse mesmo con prezos de 0,21 €/litro, a todas luces, por baixo dos custes de produción, que poderían situarse arredor dos 30 céntimos”.

O escrito remata instando ao Valedor do Pobo que requira á Consellaría de Medio Rural para que informe das actuacións desenvolvidas diante do pagamento de prezos por baixo dos custes de produción, algo prohibido polas leis da competencia; e diante das flagrantes prácticas abusivas da industria. Tamén se lle pedía unha xuntanza, que se celebrou onte, para poder informar persoalmente de toda esta realidade. O documento rexistrado polo SLG completábase con documentación referente a contratos para demostrar os feitos denunciados.

Ademais, na xuntanza do venres, Isabel Vilalba e Xosé Pérez Rei fixéronlle ver ao secretario xeral do Valedor do Pobo a necesidade que articular no sector lácteo un sistema de mediación pública, gratuíta e eficaz que garanta que as cláusulas dos contratos non sexan unha imposición unilateral da industria, como acontece hoxe en día; e que, en caso de incumprimento das mesmas, se garanta unha resolución imparcial dos conflitos. Cómpre lembrar que, hoxe en día, o meirande dos contratos poñen como órgano para resolver conflitos as cámaras de comercio provinciais -mesmo hai casos nos que se pon a de Madrid- que non son obxectivas e obrigan a pagar unhas taxas e uns aprovisionamentos de fondos inasumibles para calquera granxa. Para complementar o devandito, outra das peticións do SLG foi que se estuden unha serie de parámetros e cláusulas obxectivas para dar contido aos contratos que sirvan para todo o sector, que dean seguridade xurídica á parte produtora, e para que as relacións comerciais entre granxas e industrias non se sigan baseando no ditado unilateral das segundas.

Finalmente, dende o SLG tamén compartimos a nosa preocupación polos síntomas de deslocalización da produción que se están a advertir na Galiza -como a marcha de Pascual do país- e que, nun prazo non demasiado longo, pode provocar un desmantelamento irreversible da nosa capacidade produtiva e do que, aínda hoxe, é o principal motor económico do noso medio rural.

Isabel Vilalba