A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia o regulamento da parcelaria de Fanoi por ilegal e non tolerará que o 50% da terra sexa de uso forestal

O SLG denuncia o regulamento da parcelaria de Fanoi por ilegal e non tolerará que o 50% da terra sexa de uso forestal

9 de Xullo do 2015

Parcelaria de Fanoi

O Sindicato Labrego Galego da Terra Chá vén de presentar alegacións á ordenanza municipal reguladora dos aproveitamentos agrícolas e forestais da zona de concentración parcelaria de Fanoi, en Abadín. A maiores dos defectos na exposición pública da ordenanza, sobre os que chamou a atención o SLG días atrás, o máis grave deste regulamento é que lle correspondía elaboralo á Consellaría de Medio Rural e non ao Concello de Abadín, xa que o proceso de concentración parcelaria en Fanoi aínda non rematou, polo que calquera norma que se aprobe ao respecto ten que xurdir da Consellaría.

En concreto, a Lei de Concentración Parcelaria obriga a que sexa Medio Rural quen redacte un plan de ordenación de cultivos. Isto fai que a ordenanza municipal sobre os usos da parcelaria de Fanoi sexa ilegal ao invadir o Concello competencias propias da Consellaría.

A maiores, o Sindicato Labrego Galego e a veciñanza de Fanoi mantivemos onte, 9 de xuño, unha xuntanza con técnicos da empresa redactora do plan. Para o SLG, esta reunión serviu para confirmar as nosas sospeitas respecto de que a ordenanza non conta con apoio legal, contravén a normativa de concentración parcelaria, desprotexe totalmente a terra agraria e non conta para nada co consenso da veciñanza. En concreto, a ordenanza municipal pretendía destinar a usos agrarios o 46'93% da superficie, a forestais o 23'79% e cualificaba como terreos de transición o 27'93%. Estes últimos predios son de uso agrario pero susceptibles de mudar a forestal, de maneira que máis da metade dos terreos da parcelaria de Fanoi se poderían destinar a plantíos forestais con este regulamento, o cal é ilegal. Ademais, a ordenanza tamén contemplaba regularizar as plantacións forestais ilegais que se fixeron nos últimos tempos en terras afectadas pola parcelaria, polo que, entre o reparto de usos e as forestacións, o destino agrario destas terras corre perigo se non hai un regulamento que o garanta.

Por iso, dende o SLG pedimos “ que se retire a citada ordenanza municipal e que se inste á Consellería do Medio Rural a que regule os usos na concentración parcelaria da parroquia de Fanoi, mediante a dinamización do proceso de concentración e a elaboración dun plan de aproveitamento de cultivos ou forestal. E que, en todo caso, o plan de aproveitamento teña todo o respaldo legal, garantindo que non se perda ningunha superficie agraria e que esta goce da máxima protección e, por suposto, acadando sempre na súa elaboración o máximo consenso coa veciñanza afectada”.

Dende o Sindicato Labrego Galego imos utilizar tódolos recursos legais dos que dispomos para defender que o uso fundamental dos terreos da concentración parcelaria de Fanoi sexa, fundamentalmente, agrario, de maneira que sirvan para garantir a base territorial das granxas que aínda traballan nesta parroquia. Neste senso, o 21 de xullo, ás 16:00 horas, o SLG participará nunha xuntanza máis ampla -xunto co goberno municipal, técnicos e veciñanza afectada- que terá lugar na casa consistorial de Abadín, e onde agardamos que estea o máximo número de veciños e veciñas de Fanoi. Dende o SLG tamén instamos ao concello a que, antes desa data, amplíe o prazo para informar e presentar alegacións á ordenanza e que deixe de poñer atrancos, como fixo até o de agora, para que as persoas afectadas teñan cumprida información desta normativa e das súas consecuencias.

Parcelaria Fanoi