A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A industria láctea planta a Consellaría de Medio Rural, que segue sen achegar solucións urxentes á crise do sector

A industria láctea planta a Consellaría de Medio Rural, que segue sen achegar solucións urxentes á crise do sector

10 de Xullo do 2015

Isabel Vilalba

Tras meses de grave crise no sector lácteo, por fin a Consellaría de Medio Rural convocou a tódolos axentes do sector -organizacións agrarias, cooperativas, distribución e industria- nunha mesma xuntanza que se celebrou o 10 de xullo en Compostela. Nun desplante sen precedentes, os representantes da industria decidiron non acudir á reunión -a pesares de estar convocados e ter confirmado a súa asistencia-, estando só a título persoal Jesús Lence -Río e Leyma-; por parte das distribuidoras, viñeron Gadisa, Carrefour, Eroski e DIA.

O desplante da industria de hoxe demostra que se senten con forza para manter esta crise de prezos o tempo que faga falla e que desprezan completamente as medidas do paquete lácteo -organizacións de produtores, inspeccións da AICA, etc.- porque saben que non lles obriga a nada e que seguen a estar ceibas para extorsionar as granxas ao seu antollo.

Polo demais, neste encontro que se desenvolveu coxo por faltar unha parte esencial do sector na formación de prezos como é a industria, saíron á luz datos moi preocupantes, como que, en abril, foron 2.571 granxas galegas as que cobraron o leite por debaixo dos 26 céntimos. Probablemente, os datos correspondentes a maio e xuño sexan aínda peores, polo que, na actualidade, ao redor dun terzo das granxas leiteiras galegas deben estar a cobrar prezos por baixo deses 26 céntimos.

O peor de todo é que, a pesares dunha situación crítica na que miles de explotacións non ingresan o suficiente nin para pagar as facturas da súa actividade diaria, a Consellaría de Medio Rural non achegou nin unha soa medida para tentar afrontar de maneira urxente e no medio prazo esta crise. Si se comprometeu a elaborar un plan a longo prazo para o sector, pero iso é algo que non serve para solucionar a crise actual.

Pola súa banda, as distribuidoras xustificaron a súa posición argumentando que elas sempre buscan mercar ao mellor prezo, mentres que Lence seguiu enrocado no seu abano de escusas para non recoller o leite ás explotacións da Terra Chá, Curtis e Rodeiro ás que deixou abandonadas. Vese que tanto a el como ás distribuidoras, tampouco lles inflúe o paquete lácteo, nin a Consellaría nin o Ministerio, para mudar de actitude.

“Temos unhas necesidades inmediatas”, explicou Isabel Vilalba ao remate da xuntanza, “que son a recuperación dos prezos, asegurar a recollida en tódalas granxas e termos unha mediación pública, gratuíta e eficaz que garanta o cumprimento dos contratos. En todas estas frontes, non temos aínda nin unha soa proposta da Administración sobre a mesa”. “En definitiva”, concluíu a secretaria xeral do SLG, “non vemos ningunha solución e, polo tanto, ningún motivo para desconvocar a manifestación do 17 de xullo”.

Mesa do leite