A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG esixe a Feijóo a formación dun gabinete de crise para poñer en marcha solucións urxentes para o sector lácteo

O SLG esixe a Feijóo a formación dun gabinete de crise para poñer en marcha solucións urxentes para o sector lácteo

21 de Xullo do 2015

Isabel Vilalba

As tres organizacións agrarias galegas -Sindicato Labrego Galego, XXAA e UUAA- ofrecemos, o 20 de xullo, unha rolda de prensa para valorar a manifestación masiva do 17 de xullo en defensa do sector lácteo, e os tres sindicatos coincidimos en dous puntos esenciais:

En primeiro lugar, tratouse dunha mobilización histórica, cun número de asistentes, ao redor de 15.000, superior ao de granxas de leite que hai na Galiza (unhas 9.000). A ampla participación deu conta da situación crítica pola que están a atravesar as nosas explotacións leiteiras; situación que, día a día, se vai agravando.

En segundo lugar, a cegueira e o desprezo da conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, con respecto aos produtores e produtoras de leite da Galiza están acadando niveis intolerables ao minimizar a gravidade da crise. A conselleira non só obvia a situación crítica do sector ao non recoñecer a súa existencia, senón que mesmo chega a ocultar os datos referentes a prezos medios e produción láctea, que levan sen actualizarse na web de Medio Rural dende abril. Coa súa actitude, Rosa Quintana banaliza o drama polo que están a atravesar miles de familias que dependen directa e indirectamente do sector lácteo.

Para o SLG, a ocultación de datos e a banalización da crise responden a unha estratexia que ten por obxectivo disimular a incompetencia da conselleira de Medio Rural, incapaz de artellar ou propor medida algunha dirixida a paliar o problema de maneira inmediata e urxente. Coa práctica totalidade das granxas cobrando por baixo dos 30 céntimos e, polo tanto, por baixo dos custes de produción; e un terzo delas, ao redor de 3.000, con prezos inferiores aos 26 céntimos -moitas percibindo entre os 18 e 22 céntimos-, a actual crise é das peores que ten vivido o sector, con diferenza, polo que a resposta da conselleira de Medio Rural expresa un absoluto desprezo polo sector, desautorízaa para seguir á fronte da Consellaría e esixe da Xunta que sexa o propio presidente, Alberto Núñez Feijóo, que se poña á fronte dun gabinete de crise que teña por obxectivo a busca de medidas inmediatas para solucionar esta situación. O principal sector económico do noso medio rural, do que dependen directa e indirectamente unhas 100.000 persoas na Galiza, non merece menos.

En canto á campaña de mobilizacións iniciada este 17 de abril, estamos á espera dos resultados da xuntanza que terá lugar en Madrid, o 22 de xullo, para tratar de novo a crise do sector lácteo no Ministerio de Agricultura. Por parte do SLG, participará a súa secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane. Ao día seguinte, 23 de xullo, as organizacións agrarias compartirán os resultados da reunión cos colectivos que apoiaron a mobilización do 17 de xullo de cara a ver como continuamos a campaña de mobilizacións. Dende o Sindicato Labrego Galego, volveremos esixir solucións inmediatas a uns prezos que non cobren os custes de produción e que constitúen unha flagrante violación de calquera normativa de competencia ou de mercado. De nada nos valerán solucións que se fagan efectivas despois de terse arruinado e pechado miles de explotacións polo que, se as medidas esixidas non chegan, continuaremos coas mobilizacións e protestas.