A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Arzúa mobilízase en defensa do sector lácteo

Arzúa mobilízase en defensa do sector lácteo

10 de Agosto do 2015

Tractorada

Despois das mobilizacións protagonizadas polo sector lácteo galego nas últimas semanas, que deron comezo na espectacular manifestación do 17 de xullo en Compostela, e que proseguiron con mobilizacións en capitais de importantes comarcas gandeiras, como Santa Comba ou Chantada, hoxe tócalle á vila de Arzúa.

Hoxe tod@s vemos como o sector lácteo galego agoniza ante a pasividade da Administración Pública, que di non poder facer nada en cuestións tan absolutamente determinantes como o prezo que se lle paga aos produtores/as.
Mentras en Franza, por exemplo, non se fala de obstáculos legais e se implementan acordos coa industria e a distribución que permitan subir o prezo que reciben os produtores/as, no noso país, Galiza, a situación que hoxe vive o sector é dramática. Pódese falar da xeralidade da situación de cobrar prezos que non cubren os custes de produción. Así, pode estimarse en 3 milleiros as granxas que están a cobrar prezos por baixo dos 26 céntimos o litro.
Trátase dunha situación prolongada no tempo, sen que desde os poderes públicos se actúe, amparando a súa inacción en trabas, seica, “legais”.
En localidades e comarcas, como a que hoxe se mobiliza, Arzúa, a importancia do sector é vital; non só desde un punto de vista económico, senón tamén social. Sen sector lácteo, esta comarca -como outras no país- ten o risco grave de agonizar.
É por iso necesaria a implicación social e institucional na defensa do sector nas mobilizacións que ao longo do mes de agosto se desenvolverán en diversas localidades galegas.
Na tractorada de hoxe, pois nisto consiste a mobilización, os tractores desprazaranse desde Arzúa á veciña localidade de Melide, na que se sumarán máis tractores á mobilización, retornando a Arzúa, concentrándose diante da Cooperativa Arzuana, para proseguir cunha manifestación a pé até as portas do Concello e lectura, alí, dun manifesto. Manifestación convocada pola Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego, que se desenvolve entre as 11 e as 14 h. e á que chamamos a participar desde o SINDICATO LABREGO GALEGO.