A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. As políticas leiteiras actuais pechan 500 granxas por ano en Galiza e deixarannos con 1.500 de seguirmos coa tendencia

As políticas leiteiras actuais pechan 500 granxas por ano en Galiza e deixarannos con 1.500 de seguirmos coa tendencia

4 de Septembro do 2015

Isabel Vilalba en Bruxelas

Hoxe, 4 de setembro, rematou en Teo o seminario internacional sobre o sector lácteo organizado polo grupo parlamentario da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nórdica (GUE/GNL), dacabalo do Parlamento Europeo (Bruxelas) e da Casa Común de Oza (Teo, A Coruña), e baixo o título “A crise do sector lácteo galego no contexto europeo e internacional”.

Precisamente, a xornada de hoxe foi a que se celebrou na nosa terra, e contou coa participación da eurodeputada Lidia Senra, da presidenta da National Farmer Union de Canadá, Diane Dowling; do seu homólogo colombiano na Federación Nacional Sindical Unitaria Agropecuaria (Fensuagro), Néstor Alfredo Díaz; de Phillipe Collin, da Confédération Paysanne (Franza); e da secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane.

Á espera de que se publiquen as conclusións deste evento, no que se analizaron as raíces da actual crise leiteira e as súas solucións, durante os tres días de relatorios e debates xurdiron datos moi interesantes que demostran o que organizacións como o Sindicato Labrego Galego levamos denunciando: que a crise actual non é algo puntual, senón consecuencia do avance dun sistema neoliberal no que se goberna dende a Comisión Europea e se lexisla dende o Parlamento a favor dunha minoría de grandes multinacionais exportadoras e en detrimento dos labregos e labregas de toda Europa.

Precisamente, foi Isabel Vilalba quen puxo unha cifra a esa minoría: na UE, de toda a produción leiteira, o 7% vai destinada a exportación, e o 93% restante para consumo interno. O problema é que os prezos que rexen o mercado leiteiro europeo son os de exportación, anormalmente baixos para competir no mercado global. É dicir, que o valor dese 7% de leite, procesado e comercializado por unhas poucas multinacionais con capacidade para exportar, marca o valor do 93% restante. E non é lóxico, pois no mercado global hai países, como Nova Zelandia, que polas súas características xeográficas e sociais é quen de producir leite cuns custes de produción ao redor dos 20 céntimos, e contra iso Europa non pode competir.

Sen embargo, a miopía neoliberal dos nosos e das nosas gobernantes é tal que levan décadas lexislando para impoñer este modelo, incluído o Estado Español e Galiza. Un modelo baseado na concentración da produción en moi poucas granxas de tipo industrial e intensivo, con man de obra barata e producións de baixa calidade. Lidia Senra explicou que o que producen actualmente na Unión Europea 650.000 granxas poderían producilo 10.000 macroexplotacións cunha media de 1.000 vacas cada unha. Con esas contas, na Galiza abondarían 1.500 destas macroexplotacións para producir o que hoxe produce o noso país. E as estatísticas apuntan a iso: Galiza perde unha media de 500 granxas de leite cada ano, número de granxas que xa pecharon entre novembro de 2014, mes no que había unhas 9.800, e a actualidade, cando quedan 9.300 en activo. Evidentemente, se co número de explotacións actuais xa sufrimos un problema agudo de despoboamento e desestruturación do medio rural, con 1.500 o noso campo estaría abocado á desertización total. E se cadra iso é o que queren dende a Xunta, pois acadaron que, en poucas décadas, Galiza sexa o país da Unión Europea con menor superficie agraria útil, unhas 600.000 hectáreas, que é un territorio equivalente ao que se está dedicando ao cultivo do eucalipto para lucro e beneficio de Ence.

Diante de datos como os devanditos, está claro que a única solución ás crises do sector lácteo e dos outros sectores agrogandeiros só pode vir pola vía política e deben estar baseadas no control público do mercado e das producións. E para iso, non valen parches paliativos como subvencionar con cartos públicos as explotacións que sufran perdas ou inventarse pactos de boa vontade coa industria e as distribuidoras sen lexislar para evitar os seus abusos, tal e como se fai en España e, todo hai que dicilo, en Francia. E é que Phillipe Collin aclarou que o pacto de prezos francés foi só un acordo de boa vontade con algunhas industrias e distribuidoras que xigantes como Lactalis non aceptaron, motivo polo que, ao tempo que os tractores tomaban as Murallas de Lugo onte, 3 de setembro, tamén facían outro tanto con París porque os prezos no país galo están, máis ou menos, como estaban.

Se non hai leis que protexan aos gandeiros e ás gandeiras e que amparen uns prezos mínimos para o leite e para o resto de alimentos en orixe, as nosas granxas seguirán a ser reféns das industrias e das distribuidoras e a nosa clase política a vasala e brazo executor dos seus intereses. Por iso, no Sindicato Labrego Galego defenderemos a continuidade das mobilizacións mentres o Ministerio de Agricultura e a Consellaría de Medio Rural non garantan que as nosas granxas podan cobrar un prezo polo leite suficiente como para vivir dignamente da profesión labrega. Por iso, os tractores tomarán Compostela o vindeiro luns, 7 de setembro.

Seminario Bruxelas