A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Feijóo segue sen comprometer solucións á crise do sector lácteo e pásalle a pelota ao Ministerio de Agricultura

Feijóo segue sen comprometer solucións á crise do sector lácteo e pásalle a pelota ao Ministerio de Agricultura

9 de Septembro do 2015

Xuntanza con Feijóo

Neste 9 de setembro, terceiro día de tractorada en Compostela, a xuntanza entre gandeiros e gandeiras, representantes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo, e o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo, foi tan decepcionante como as anteriores, xa que non se presentou ningunha medida nin novidade de cara a solucionar a crise de prezos que están a sufrir a totalidade de granxas leiteiras de Galiza. Así o criticou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, que asistiu ao encontro.

Nas máis de tres horas que durou a reunión, tanto Feijóo como a conselleira de Medio Rural limitáronse ao guión das medidas anunciadas xa polo Ministerio de Agricultura o 18 de agosto e que consisten nunha serie de liñas xerais de actuacións paliativas que nada concretan nin solucionan e que se encomendan á boa vontade das industrias e da distribución.

E pouco máis. O único que fixo o presidente da Xunta foi deixar calquera medida de apoio ao sector non anunciada para a xuntanza dos axentes do sector lácteo que se celebrará no Ministerio de Agricultura mañá, 10 de setembro, en Madrid, e na que participará Isabel Vilalba.

A reacción da asemblea de gandeiros e gandeiras foi a lóxica, convocando ao sector lácteo e á sociedade galega a unha manifestación que partirá mañá ás 12:00 dende a Alameda para concentrarse diante da sede da Xunta en San Caetano, que tamén permanece arrodeada de tractores.

En canto aos aspectos loxísticos, e diante das primeiras cargas policiais no cerco que se lle está a facer á central loxística de DIA en Mercagalicia, decidiuse enviar máis vehículos agrícolas de apoio, amais de aumentar a presión contra as distribuidoras realizando outro bloqueo a maiores en Fontiñas, contra Alcampo.

Xuntanza con Feijóo