A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Plataforma Fumigacións Non lanza unha campaña para erradicar o uso público de glifosato: #LibresdeGlifosato

A Plataforma Fumigacións Non lanza unha campaña para erradicar o uso público de glifosato: #LibresdeGlifosato

21 de Septembro do 2015

Glifosato

A Plataforma Fumigacións Non, da que forma parte o Sindicato Labrego Galego, vén de iniciar unha campaña baixo o nome #LibresDeGlifosato. Esta acción consiste en presentar mocións nos concellos para paralizar o uso de herbicidas con glifosato en todo tipo de lugares públicos. Para participar nesta campaña, o único que tedes que facer é descargar un modelo de moción da propia web do SLG, na icona que hai ao remate desta páxina, e seguir as instrucións para rexistrala nos vosos concellos. A intención é sumar o maior número posible de municipios declarados libres de glifosato na Galiza.

Como xa informamos no Fouce 308 (pax. 20), o glifosato vén de entrar na lista de herbicidas canceríxenos da Organización Mundial da Saúde (OMS). Este agroquímico é un composto que aparece en moitas marcas comerciais de herbicidas que se están a usar de forma bastante común en lugares públicos para realizar tarefas de mantemento, limpeza de malas herbas e prevención de incendios. Tralo seu uso, tense detectado glifosato no aire, na chuvia e mesmo nos nosos corpos, pois é unha substancia moi soluble en auga e persistente no chan. O glifosato contamina os acuíferos, é tóxico para a fauna acuática, os animais domésticos ou o gando, e esparéxese sen control polo subsolo.

Existen estudos científicos que relacionan o uso do glifosato con afeccións e enfermidades. Entre os efectos adversos deste principio activo describíronse toxicidade subaguda e crónica, danos xenéticos, trastornos reprodutivos, aumento da frecuencia de anomalías espermáticas e cancro.

Tes máis información no seguinte ENLACE.

Instrucións moción

Ficheiro adxunto