A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG apoia as demandas da ANPA de Xermade e participará na concentración de denuncia deste mércores

O SLG apoia as demandas da ANPA de Xermade e participará na concentración de denuncia deste mércores

4 de Outubro do 2015

Convocatoria Xermade

O Sindicato Labrego Galego quere expresar o seu apoio e solidariedade coas familias de Xermade que teñen nenos e nenas no centro escolar deste municipio lucense. Tal e como denunciou en reiteradas ocasións a asociación de pais e nais (ANPA), os nenos e nenas de Xermade, tralo recorte de catro profesionais no cadro de persoal da escola, quedaron nunhas condicións moi afastadas de ver cuberto o seu dereito á educación como si acontece con outros nenos e nenas de concellos da contorna. A redución do cadro de persoal do centro prodúcese, precisamente, nun ano no que aumentou o número de alumnos e alumnas con respecto ao curso pasado.

En Xermade, os drásticos recortes de persoal obrigaron a ter un só profesor ou profesora por cada dous cursos, de maneira que se agruparon primeiro e segundo, con 15 nenos e nenas; terceiro e cuarto, con 19; e quinto e sexto, tamén con 19 e, a maiores, cun neno en adaptación curricular que traballa con libros de terceiro curso. Desta maneira, cada profesor ou profesora ten que ensinar a nenos e nenas con necesidades e temarios distintos nun mesmo espazo e tempo de traballo, polo que a calidade do ensino nunca poderá ser igual á dunha aula na que un mestre ou mestra imparte un só curso.
Outra das denuncias da ANPA de Xermade é a carencia de especialistas en Audición e Linguaxe e Pedagoxía Terapéutica que precisan sete alumnos e alumnas do centro, o cal agudiza notablemente o deterioro na calidade do ensino que reciben.
Para o Sindicato Labrego Galego, o deterioro galopante na calidade do ensino nos concellos do rural está a crear xeracións de nenos e nenas de primeira, segunda e terceira división. Deste feito derívanse unha profunda desigualdade e falla de oportunidades que hipoteca o desenvolvemento e futuro do alumnado daquelas familias que aínda apostan, contra vento e marea, por seguir vivindo nun medio rural no que cada vez hai menos servizos e, coas políticas de recortes da Xunta, menos dereitos.
Por iso, o Sindicato Labrego Galego apoiará a concentración de protesta que convocou a ANPA de Xermade para este mércores, 7 de outubro, de 14:30 a 15:30 horas na praza do Concello.

Convocatoria Xermade