A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A Coordinadora Europea da Vía Campesina pide a regulación do mercado para atallar a crise no sector lácteo

A Coordinadora Europea da Vía Campesina pide a regulación do mercado para atallar a crise no sector lácteo

14 de Novembro do 2015

Protestas en Bruselas

Con motivo da xuntanza do Consello Ministerial de Agricultura da Unión Europea, o 16 de novembro, as organizacións integrantes da Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) -entre as que se atopa o Sindicato Labrego Galego- enviamos unha carta aos ministros e ministras solicitándolles a posta en marcha novas ferramentas públicas para regular o mercado leiteiro de cara a atallar a gravísima crise que vive o sector e para garantir unha remuneración digna polo leite que cubra os custes de produción nas granxas. De seguido, compartimos con vós a misiva:

Estimados ministros e estimadas ministras,

Diante da xuntanza do Consello de Agricultura e Pesca da Unión Europea para este 16 de novembro en Bruxelas, a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) quere, unha vez máis, chamar a vosa atención e transmitirvos a nosa fonda preocupación pola grave crise sen precedentes que está a sufrir o sector leiteiro europeo e que está a destruír a economía de amplas áreas rurais.
Entre outras causas, a crise vén provocada pola liberalización da regulación do mercado provocada pola eliminación das cotas leiteiras.
A pesares de que o Consello Ministerial e a Comisión de Agricultura aprobaron un novo paquete de medidas para o sector lácteo, o pasado 7 de setembro, a situación do sector leiteiro aínda é crítica en toda Europa debido aos baixos prezos. A presión para baixar o valor do leite que están a exercer a industria, por unha banda, e a distribución, por outra, están a provocar a desaparición dun modelo produtivo que é o que mellor satisfai as necesidades da cidadanía europea en relación a aspectos como a calidade e seguridade alimentarias, o benestar animal, a protección do medio ambiente e o mantemento da paisaxe rural.
Polo tanto, dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina seguimos tendo o convencemento de que é necesario que o vindeiro Consello Ministerial de Agricultura e Pesca recoñeza a situación catastrófica que está a atravesar o sector lácteo a escala europea e, en consecuencia, asuma un compromiso firme para desenvolver e implantar novos instrumentos públicos de regulación do mercado leiteiro, o cal axudaría a garantir un modelo de produción sostible e unha remuneración digna para os gandeiros e gandeiras, sempre partindo da base de que o prezo do leite debe cubrir os custes de produción, e de que debemos salvagardar a continuidade de miles de granxas que seguen a producir a través dun modelo sostible en todo o territorio europeo.