A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG anima a Xunta e concellos a apostar pola proximidade e calidade no menú dos comedores escolares

O SLG anima a Xunta e concellos a apostar pola proximidade e calidade no menú dos comedores escolares

20 de Novembro do 2015

Comedor escolar

Tralas polémicas xurdidas nas últimas semanas ao redor da mala calidade e escasa sostenibilidade dos servizos de cátering en comedores escolares, e tras quedar deserto o concurso para adxudicar o fornecemento da alimentación dos centros educativos de Compostela, dende o Sindicato Labrego Galego animamos ao Concello de Santiago e ao resto de institucións responsábeis destes servizos na Galiza, especialmente a Xunta, a traballar e conseguir un consenso para que os alimentos mercados pola administración ou por empresas contratadas por ela reúnan unha serie de requisitos como ser cociñados e estar producidos, na medida do posible, no entorno do centro onde se van consumir ou na Galiza; e con criterios de ecoloxía e sostenibilidade nos métodos de cultivo, na súa elaboración e transporte.

Lonxe de ser unha utopía, son criterios que xa se están aplicando nalgúns concellos e comedores escolares, asegurando así a calidade e frescura dos alimentos. Ademais, ao optar preferentemente por alimentos producidos localmente, creamos emprego e xeramos riqueza no entorno e no medio rural, apoiamos os nosos sectores produtivos, conseguimos prezos máis xustos para labregos e labregas ao reducir o número de intermediarios, garantimos a saúde dos nosos fillos e fillas, e aforramos cantidades inxentes de carburantes queimados nos transportes do cátering.

Na Galiza, temos moito camiño aínda por andar. Segundo o xornal El País, a nosa comunidade, xunto con Madrid, é das que máis abusa do cátering para alimentar o alumnado, utilizándoo no 80% dos comedores escolares galegos. Un primeiro paso na contratación destes servizos sería minimizar os criterios de concesión económicos ou de aforro monetario, e reforzar aqueles que aposten por alimentos de proximidade e sostibles. Con vontade política, podemos revolucionar o medio rural -pensemos que as diversas administracións do Estado gastan entre 2.000 e 3.000 millóns de euros anuais neste concepto- e aumentar notablemente a calidade dos alimentos servidos en institucións públicas.

Non é algo imposible. Sen ir máis lonxe, países como Francia ou Italia xa inclúen cláusulas neste tipo de contratacións que fan referencia ao tipo de produto, á súa frescura, á raza da carne, etc. É dicir, requisitos indirectos que potencian o mercado local sen entrar en conflito coa lei de competencia. Ademais, o Parlamento Europeo aprobou unha directiva mediante a que se insta aos diferentes gobernos da UE a incluír criterios sociais, medioambientais e de proximidade nas súas compras públicas.

No eido local, o Concello de Santiago de Compostela, no que acaba de quedar deserto o concurso público para adxudicar o fornecemento dos comedores escolares da capital, está agora na obriga de garantir este servizo coa súa adxudicación directa para o presente curso. É unha ocasión inmellorable para que lle esixan criterios como os devanditos á empresa adxudicataria, e para traballar máis a medio e longo prazo, dialogando cos produtores e produtoras de alimentos da comarca, estratexias de cara a que sexan eles e elas quen se responsabilicen da alimentación dos nosos fillos e fillas. Será, sen dúbida, unha decisión coa que todos e todas gañaremos.