A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Unha equipa humana renovada coordinará o traballo do Sindicato Labrego Galego os vindeiros catro anos

Unha equipa humana renovada coordinará o traballo do Sindicato Labrego Galego os vindeiros catro anos

13 de Marzo do 2016

Isabel Vilalba Seivane

O IX Congreso, que se celebrou este 12 de marzo en Lugo, deu moito de si e sería moi difícil tentar resumilo nun só texto. Vai agora un adianto das principais novidades que propiciou o máximo órgano de goberno do Sindicato Labrego Galego, tanto a nivel organizativo como de equipa humana, co apoio unánime da afiliación.

A nivel organizativo, a afiliación votou favorablemente os cambios estatutarios dirixidos a dinamizar o traballo do Sindicato Labrego Galego: a creación dun Encontro Anual, que servirá para analizar cada doce meses o desenvolvemento e cumprimento dos comprimisos e obxectivos dos plans de traballo aprobados nos congresos; e a creación dunha Secretaría de Mocidade e outra de Agroecoloxía, de cara a dar corpo institucional a dúas áreas que cada vez están a cobrar máis forza e protagonismo no día a día do SLG.

En canto aos novos órganos directivos, conformouse a Dirección Nacional do SLG para os vindeiros catro anos, formada por 37 persoas elixidas nas asembleas comarcais previas, as persoas responsábeis de sectores e quince membros máis elixidos no propio Congreso.

Desta Dirección Nacional, elixiuse unha Executiva que será a encargada de xestionar o día a día da organización agraria, e que estará encabezada por Isabel Vilalba Seivane, titular dunha explotación de leite e fabas en Lourenzá, que foi ratificada para volver ocupar o posto de secretaria xeral nos vindeiros catro anos. Apoiarán o labor de Isabel na Executiva: Daniel Rodicio (sector cunícola, A Bola), María Ferreiro (sector lácteo, Teixeiro), Mariano Pazos (sector lácteo, A Baña), Miguel Anxo Méndez (horta ecolóxica, Vedra), Ana Eiras (sector lácteo e hortícola en ecolóxico, Rois), Xosé Lois Varela Carreira (carne de vacún ecolóxica, Palas de Rei), Concepción Docampo Sanromán (horta e froita ecolóxica, Vedra), Loreto Hernáez Oubiña (froita e horta ecolóxica, Porto do Son) Adolfo Cabarcos Saavedra (vacún de carne e vocal na IXP Tenreira Galega, Xermade).

Dirección Nacional do SLG

Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego xurdida do IX Congreso