A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. IX Congreso: aposta por un modelo agrario cuxa dimensión a marquen as persoas e non o lucro das grandes empresas

IX Congreso: aposta por un modelo agrario cuxa dimensión a marquen as persoas e non o lucro das grandes empresas

13 de Marzo do 2016

Isabel Vilalba Seivane

O IX Congreso do SLG arrincou coa defensa do relatorio sindical que fixo a secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, seguida das intervencións dos diversos responsábeis sectoriais que analizaron a actuación desta organización agraria en diversas frontes. Se houbese que buscar un denominador común destas alocucións, este sería a aposta por un modelo agrario cuxa escala a marquen as persoas e non o lucro de grandes empresas, un modelo cuxo obxectivo fundamental sexa fornecer a sociedade con alimentos sans e de calidade e que faga da profesión agraria un traballo do que se poida vivir dignamente no medio rural.

Isabel Vilalba Seivane Do relatorio sindical que defendeu Isabel Vilalba Seivane xa demos conta nun  texto anterior.

Adolfo Cabarcos Tras dela, o primeiro en falar foi Adolfo Cabarcos, responsábel dos sectores gandeiros e vocal na IXP Tenreira Galega. Cabarcos denunciou a crise xeneralizada que están a vivir os sectores gandeiros, algúns dos cales -como o cunícola, o porcino, o avícola ou o leiteiro- están a vender as súas produción por baixo de custes. Aínda que contextualizou esta problemática na crise global que vive a economía, cunha caída do poder adquisitivo e do consumo de carnes por parte da poboación, responsabilizou directamente ás políticas territoriais que se están a desenvolver dende a Xunta, co fomento do cultivo masivo de eucalipto, e que deixan sen base territorial ás granxas. Como contraste, Adolfo Cabarcos falou das boas cifras da IXP Tenreira Galega, que medrou en vendas, número de explotacións e reses sacrificadas, un feito que demostra que o futuro está nas producións extensivas e de calidade.

Bernardo Estévez Seguiu Bernardo Estévez, responsábel do sector do viño, que expresou a súa aposta pola viticultura tradicional e as pequenas adegas familiares. Para Estévez, este modelo “para as persoas” é o único que permite vivir ás persoas do seu traballo e posibilita que poidan continuar vivindo no medio rural. O contrario, un modelo industrial de grandes adegas que mercan uva a baixo prezo, non xera riqueza nin mantén un medio rural vivo por moito mercado que conquiste e por moito que venda. Pola contra, o futuro do sector vitícola só pasa por prezos xustos para a uva, condicións dignas de traballo reflectidas nos contratos, calidade e ligazón do viño ao seu territorio; respecto disto último, aínda recoñecendo a necesidade e utilidade das denominacións de orixe, para Bernardo Estévez as actuais DOs non están a funcionar e só traballan para defender os intereses dunha minoría. “Algo funciona mal na Galiza”, aseverou, “cando tendo cinco denominacións de orixe propias o viño máis vendido é un Rioxa”.

Belén Fervenza A encargada de falar do sector de horta foi a súa actual responsábel, Belén Fervenza, que advertiu que cada vez hai menos labregos e labregas producindo alimentos a pesares de que as nosas necesidades alimenticias como sociedade segue a ser a mesma. Neste senso, a mensaxe de Fervenza non foi a de conquistar horizontes utópicos, senón a de recuperar o que sempre tivemos, como a capacidade dos labregos e labregas de Galiza de alimentar o pobo galego -“Isto foi posible no pasado, e é posible hoxe”-, ou recuperar os espazos para a venda directa que sempre exisitiron, como feiras e mercados. Todos estas son partes dunha demanda xeral do Sindicato Labrego Galego que se condensa no concepto de soberanía alimentaria, isto é, o dereito dos labregos e labregas de Galiza a alimentar ao pobo galego. Unha alternativa que garantizaría un mundo rural vivo e xerador de riqueza como alternativa ao modelo actual que está a destruír e desertizar o campo e a facernos cada vez máis dependentes das importacións alimentarias doutros países.

Lupe Prado A nivel sectorial, a última en falar foi Lupe Prado, responsábel do sector leiteiro, que apelou ao sentimento da afiliación para erguer o ánimo nestes tempos de tremendas dificultades e incerteza para o sector. Prado lembrou o caso dun gandeiro, nas mobilizacións recentes, que lle comentou que apoiaba coa súa presenza os bloqueos ás industrias de varios días a pesares de estar cobrando o leite por riba dos 30 céntimos “porque non podo ficar parado cando aos meus veciños os están afogando pagándolles o leite a 20 céntimos”. Lupe Prado apelou a este espírito solidario para afrontar estes tempos difíciles e reivindicou a autoorganización e iniciativa dos gandeiros e gandeiras, máis alá de estar apoiados por unha organización coma o Sindicato Labrego Galego.

María Ferreiro Alén dos sectores produtivos, houbo relatorios sobre as mulleres e a mocidade por parte dos responsábeis destas áreas no SLG: María Ferreiro e Daniel Rodicio. Mentres que a primeira subliñou como principais loitas das labregas o rexeitamento da violencia machista, a titularidade compartida nas explotacións e a cotización á Seguridade Social das profesionais do agro; o segundo denunciou un sistema agroalimentario que se ceba cun sector da poboación especialmente damnificado pola crise e que exiliou 160.000 mozos e mozas como emigrantes no estranxeiro e condena ao paro a máis do 50% da mocidade.

Daniel Rodicio Para Daniel Rodicio, os poderes económicos son inmunes ás protestas e argumentos das organizacións sociais ou dos partidos políticos antisistema; sen embargo, hai unha cousa que lles dá medo: que a sociedade comece a construír en positivo, que se organice baixo principios como a solidariedade, que pouco a pouco sexamos máis quen demandemos unha alternativa económica que non se basee na ambición, no egoísmo ou na depredación que propugna o actual sistema.