A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Graves erros nas regularizacións catastrais de Muras implican a perda de miles de euros para granxas e veciñanza

Graves erros nas regularizacións catastrais de Muras implican a perda de miles de euros para granxas e veciñanza

2 de Maio do 2016

Charla catastro Muras

A Xerencia Territorial do Catastro está a cometer de maneira xeneralizada erros na catalogación dos inmobles de Muras no marco das regularizacións catastrais que está a facer dende o 26 de xuño de 2015 e que rematarán o vindeiro 30 de xullo. Polo que puidemos constatar no SLG, tras revisar unha boa cantidade de notificacións e tras manter unha reunión informativa coa veciñanza afectada, o 27 de abril, a práctica totalidade das comunicacións tran erros de importancia considerable.

Un dos erros máis comúns consiste en catalogar de almacéns instalacións agrarias como pendellos, palleiras ou cortes. As consecuencias dun erro coma este supón, en primeiro lugar, unha valoración do inmoble mais alta; e, en segundo lugar, mentres que nas instalacións agrarias o acordo de alteración entra en vigor no ano de regularización (neste caso 1/01/2016), os restantes inmobles pasan a ter a nova categoría na data na que se produciron os feitos, actos ou negocios que deron orixe á incorporación ou modificción catastral.

Na práctica, as construccións de uso agrario non pagarían os atrasos do IBI dos últimos catro anos que si deben pagar outro tipo de inmobles que non estaban regularizados. Un exemplo real disto é o dunha corte para as vacas á que cualificaron de almacén cun valor catastral de 7.437 €. Ao ter que abonar o IBI dos últimos 4 anos (0'4%), terá que desembulsar 119 € de atrasos; cando, en caso de ser catalogada como o que é, un inmoble agrario, pagaría só o IBI dende o 01 de xaneiro de 2016. Ademais, as instalacións agrarias poden ser bonificadas con descontos no IBI de até o 95%.

Catastrazo Muras

Contactos políticos a varios niveis para dar solucións ao problema

Aínda que dende o Sindicato Labrego Galego xa mantivemos encontros con políticos para tratar esta cuestión, como a reunión do 9 de novembro entre a coordinadora do SLG na Terra Chá, Margarida Prieto, e o tenente de alcalde de Muras, Mario Rouco; instamos agora á Xerencia Territorial do Catastro a revisar de oficio as regularizacións feitas en Muras porque, unha vez máis, están a prexudicar directamente as familias que desenvolven actividades agrogandeiras e que, agora mesmo, teñen serios problemas de liquidez debido aos baixos prezos a que cotizan as principais producións gandeiras da comarca, coma o leite ou a carne de vacún, que son a principal actividade económica do municipio (segundo os datos máis recentes do Instituto Galego de Estatística, Muras ten 684 habitantes -2015- e 174 explotacións de gando bovino -2014-).

A maiores, o SLG tamén instará ao concello a cumprir cos acordos acadados con nós na xuntanza mantida o 9 de novembro. Neste senso, demandaremos do goberno local que execute o acordo acadado co Sindicato Labrego Galego de cara a modificar a ordenanza municipal do IBI e aplique as exencións e bonificacións máximas permitidas pola Lei de Fancendas Locais ás vivendas do rural e ás instalacións agrarias.