A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG reuniuse co director da AICA para denunciar a compra a perdas de leite no 77% das granxas galegas

O SLG reuniuse co director da AICA para denunciar a compra a perdas de leite no 77% das granxas galegas

10 de Maio do 2016

José Miguel Herrero

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, xunto con Andoni García, da Executiva de COAG e EHNE-Bizkaia, mantiveron, o 9 de maio, un encontro en Madrid co director da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), José Miguel Herrero, para facilitarlle a documentación necesaria para que inicie unha investigación sobre a compra a perdas de leite ás granxas galegas no último ano. Ademais, Isabel e Andoni solicitaron do director da AICA que estudie a posibilidade de elevar a denuncia á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) e ás autoridades competentes da Xunta.

Segundo datos da Consellaría de Medio Rural correspondentes a febreiro de 2016, o 77% das explotacións galegas percibiron un prezo polo litro de leite inferior aos 29 céntimos, e o 6% das mesmas por baixo dos 20 céntimos. Os datos ofrecidos polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) confirman esta tendencia: os prezos percibidos polos gandeiros e gandeiras de Galiza entre xaneiro de 2015 e febreiro de 2016 situáronse nunha media de 0'288 €/litro, cun máximo en febreiro de 2015 de 0'306 €/litro e un mínimo en xullo do citado ano de 0'276€/litro.

Por outra banda, segundo os resultados técnico-económicos do Estudo de Custes e Rendas das Explotacións Agrarias (ECREA) do Ministerio de Agricultura, para Galiza en 2014 (útlimos datos dispoñibles), os custes de produción para explotacións lácteas situáronse en 0'4315€/litro. Este valor situouse en 0'4748 €/litro en 2013 e en 0'4178 €/litro en 2012. Outros estudos oficiais, como a análise descritiva da cadea de valor do leite UHT encargado pola Interprofesional Láctea (INLAC), que agrupa as entidades representativas da produción e industria láctea, e publicado en febreiro de 2016, os custes de produción nas explotacións sitúanse entre 0,338-0,395 €/l.

Trala eliminación do sistema de cotas, as explotacións de Galiza e o resto da Cornixa Cantábrica (que producen máis do 60% do leite no Estado e, en moitos casos, atópanse situadas en zonas de difícil acceso e afastadas dos núcleos de consumo), quedaron a mercé do poder da industria de transformación, poder que exercen abusivamente na imposición de condicións, especialmente as referidas ao prezo, para recoller un produto altamente perecedoiro como é o leite. Mesmo houbo casos nos que as industrias recorreron a técnicas de extorsión mediante as cales ameazan ás granxas coa non recollida do leite ao tempo que se lles entrega o contacto doutras empresas para que negocien con elas (é dicir, determinadas industrias abandonan rotas de recollida cando os gandeiros e gandeiras tratan de negociar o prezo do seu produto e, durante a negociación, reconducen a eses produtores e produtoras cara a novas industrias que recollen o leite a un prezo meno ao ofertado pola primeira empresa).

Fixar prezos en posición de abuso é un delicto tipificado pola Lei de Defensa da Competencia

Para o Sindicato Labrego Galego, a fixación do prezo de compra realízase abusando da posición de dominio que posúe a industria láctea, polo carácter altamente perecedoiro do produto, pola eliminación das cotas lácteas e a liberación do sector e sen repercusión nin beneficio para os consumidores e consumidoras, que non viron melloras derivadas das caídas de prezo en orixe. Polo tanto, na nosa peitición á AICA, demandamos a aplicación da Lei 15/2007, de 3 de julio, de Defensa da Competencia, e a imposición de sancións plas infracións moi graves recollidas no artigo 62, apartado 4, letra b, que di:

1. Queda prohibida a explotación abusiva por unha ou varias empresas da súa posición de dominio en todo o en en parte do mercado nacional.

2. O abuso poderá consistir, en particular, en:

a) A imposición, de forma directa ou indirecta, de prezos ou outras condicións comerciais ou de servizos non equitativos.

(…)

Polo tanto, a lei fai referencia expresa á prohibición do abuso da posición dominante dun comprador á hora de imporlle o prezo de compra, de maneira directa ou indirecta, ao seu fornecedor. É dicir, a fixación dun prezo non equitativo abusando dunha posición de dominio no mercado de compra está prohibida pola Lei de Defensa da Competencia.

Miguel Herrero e Isabel Vilalba