A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A AICA comprométese a investigar as prácticas abusivas no sector lácteo galego no marco das súas competencias

A AICA comprométese a investigar as prácticas abusivas no sector lácteo galego no marco das súas competencias

12 de Maio do 2016

José Miguel Herrero

Trala xuntanza1 mantida o pasado 9 de maio entre a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, e Andoni García (COAG/EHNE-Bizkaia) co director da Axencia de Información da Cadea Alimentaria (AICA), José Miguel Herrero, dende o SLG temos que valorar positivamente a receptividade desta institución, aínda que cremos que as accións que emprendan dentro das súas competencias a AICA e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC) deben complementarse con medidas inmediatas por parte do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural, de xeito que haxa unha recuperación urxente dos prezos no sector lácteo que cubran os custos da actividade gandeira (podes descargar o informe presentado diante da AICA na icona que hai ao remate desta páxina).

Dende o SLG e a COAG denunciamos diante de Herrero que se está a vulnerar totalmente a legalidade vixente e que se están a perpetrar unha serie de prácticas abusivas que están a causar a ruína das nosas granxas, con prezos que non responden nin ao que custa producir o leite nin ás cotizacións que se pagan nos mercados do entorno. Estamos a falar de prezos por debaixo dos custos de produción que chegan mesmo a baixar dos 20 céntimos por litro, tal e como se manifesta no informe presentado e que achegamos xunto con este comunicado.

Acción conxunta da AICA e a Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia

Diante desta situación, pedímoslle á AICA que inicie con carácter inmediato unha investigación e se tomen medidas para rematar urxentemente con estas prácticas abusivas, tanto pola súa banda como por parte da CNMC, no marco das súas respectivas competencias. A resposta de Herrero foi que hai unha parte deste traballo que poden facer dende a AICA directamente (vixiancia do cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, seguimento e sanción); mentres que outras prácticas, como a posición de dominio e abuso, o pacto de prezos, etc., estarían no ámbito de actuación da CNMC, polo que lle darían traslado desta denuncia así como dos resultados das investigacións realizadas.

"É urxente unha inmediata recuperación dos prezos até niveis de rendibilidade"

En palabras de Isabel Vilalba, “é imprescindible rematar coa impunidade destes abusos que están a levar miles de granxas á ruína. En setembro, o Ministerio de Agricultura presentoulle ao sector un acordo co que aseguraban que se ía garantir unha cadea de valor sostible e á marxe das persoas produtoras, nun acto no que a ministra escenificaba o compromiso, segundo ela histórico, que conseguira da industria e da distribución. Dende o Sindicato Labrego Galego negámonos a asinar aquel acordo, porque nos parecía que non había garantías no prezo nin nos problemas fundamentais que ten o sector. O único certo 8 meses despois é que miles de granxas teñen prezos ruinosos cos que non se pode manter a actividade, sen que vexamos ningunha medida por parte das autoridades competentes por solucionalo".

A secretaria xeral do SLG matizou que, “aínda que cremos que a actuación da AICA e da Comisión Nacional da Competencia debería conseguir eses prezos equitativos que marca a lei, rematar coa posición de dominio da industria e da distribución e do que é sen dúbida unha competencia desleal que está levando a moitas granxas á ruína, queremos sinalar a situación límite das granxas e dos miles de postos de traballo que, de xeito directo directo e indirecto, dependen do sector lácteo. Cremos que o sector precisa de maneira urxente medidas políticas que conduzan ao cese inmediato dunhas prácticas extorsivas utilizadas para impoñer prezos artificialmente baixos que só benefician ás industrias e arruínan aos gandeiros e gandeiras.

A maiores, non entendemos que por parte do Ministerio de Agricultura e da Consellaría de Medio Rural haxa constancia destes abusos e da imposición de prezos ruinosos e o sigan consentindo. Mesmo o señor Lence chegou a poñer en dúbida publicamente que o leite que se estaba pagando como leite en po, a prezos miserables, fose realmente para esa fin. É urxente unha inmediata recuperación dos prezos até niveis de rendibilidade. Preocúpanos a pasividade e a inacción das institucións, pois están a desbaldir un tempo que o meirande das granxas non se poden permitir”.

Ficheiro adxunto