A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A ECVC impulsará unha fonte común europea polo dereito dos labregos e labregas ás sementes

A ECVC impulsará unha fonte común europea polo dereito dos labregos e labregas ás sementes

19 de Maio do 2016

Sementes Vía Campesina

A Coordinadora Europea da Vía Campesina celebrou na finca Dottenfelder Hof, preto de Fráncfort (Alemaña), do 22 ao 24 de abril, un encontro para compartir experiencias sobre a defensa das sementes en distintos países e analizar as ameazas aos dereitos dos labregos e das labregas nesta materia. Entre os temas abordados neste encontro, destacaron:

1. A lexislación sobre transxénicos derivados de novas tecnicas de modificación xenética: Cremos que debe ser incluída nas directivas sobre os OXMs e suxeita a avaliación e etiquetaxe transxénica.
2. Directivas europeas e lexislacións estatais en materia de comercio e intercambio de sementes Entre labregos e labregas: É necesario mellorar as normas e a lexislación a nivel europeo e estatal en materia de comercio que poderían afectar ás sementes, do mesmo xeito que obter leis positivas que protexan o dereito dos labregos e das labregas a usar, gardar, intercambiar e vender as súas sementes.
3. A necesidade de establecer unha fronte unida para deter a ofensiva da industria que busca tranformar o Tratado Internacional sobre Recursos Fitoxenéticos para a Alimentación e a Agricultura (TIRFAA) nun instrumiento de biopiratería: O TIRFAA recoñece os dereitos dos labregos e das labregas a conservar, utilizar, intercambiar e vender as súas sementes. Con todo, carece dun mecanismo axeitado que sancione aos estados que o ignoran e, polo tanto, abandona as sementes conservadas polos labregos e labregas destes países ao seu sistema de patentes.
Por esta razón, dende a ECVC esixirase que o TIRFAA defenda verdaderamente os dereitos labregos e que garanta que os agricultores e agricultoras teñan acceso á completa diversidade das sementes labregas reproducidas nos seus campos e que estas sexan protexidas contra a biopiratería.
A preservación, renovación e uso sostible dos recursos fitoxenéticos baséase, principalmente, nos dereitos dos labregos e das labregas a utilizar, replantar, intercambiar e vender as súas plantas. Calquera restrición deses dereitos é contraria aos obxectivos do tratado.

Ademais, este tratado debe prohibir calquera dereito de propiedade intelectual ou doutra caste que limite o acceso á investigación, á conservación, á capacitación para a alimentación e a agricultura e aos recursos fitogeneticos (sexan partes, trazos nativos ou calquera compoñente xenética destes recursos).
4. Patentes de sementes: Acordamos loitar contra a directiva sobre a patentabilidade dos organismos vivos, xa que é totalmente inaceptable e non ofrece ningún tipo de interpretación que permita aos labregos e labregas defender os seus dereitos no debate aberto sobre as patentes de sementes e de gando en Europa. Por iso, é necesario prohibir a patentabilidade de "produtos vexetais e animais procedentes de procesos esencialmente biolóxicos", así como dos seus trazos nativos e información xenética.
5. Finalmente, as organizacións que integramos a ECVC comprometémonos a continuar traballando a cuestión das sementes en relación coa Declaración dos Dereitos Labregos na ONU. Neste senso, defenderemos a necesidade de incluír unha referencia ao dereito dun estado a rexeitar os transxénicos e patentes sobre as sementes, e o deber de promover e apoiar os bancos locais de sementes xestionados por labregos e labregas.

Encontro sementes ECVC