A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O sector lácteo recoñece a necesidade de controlar a produción pero a CE non aplica medidas efectivas

O sector lácteo recoñece a necesidade de controlar a produción pero a CE non aplica medidas efectivas

27 de Maio do 2016

Isabel Vilalba

A audiencia do Parlamento Europeo sobre o sector lácteo na que participou o 25 de maio a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba Seivane, deixou un sabor agridoce. Por unha banda, esta foi a primeira vez na que houbo unanimidade en recoñecer a necesidade de xestionar a oferta de leite a través de controis sobre a produción, tal e como veu defendendo sempre en solitario a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), especialmente dende a fin do sistema de cotas. Así o admitiron os representantes do COPA e do COGECA, contrarios até agora a calquera tipo de regulación; ou a European Milk Board (EMB), a Comisión e Parlamento europeos.

Aínda que isto podería parecer positivo a primeira vista, a audiencia en Bruxelas tamén serviu para constatar a falla de compromiso de todos estes axentes ao apostar, coa oposición da ECVC, por que ese control da produción sexa voluntario e opcional en cada país, en base ás medidas xa aprobadas en marzo pola Comisión Europea. O fracaso desta acción xa puidemos constatalo en que a produción segue aumentando, especialmente en países como Irlanda ou Holanda. No caso concreto do Estado Español, o Ministerio de Agricultura negouse a incentivar a redución da oferta de leite, e a industria non amosou vontade de aplicala e mesmo puxo atrancos, como pedirlle un ditame ao respecto á Comisión Nacional do Mercado e da Competencia, cando a propia Comisión Europea xa autorizou a excepcionalidade da medida.

Outra cuestión na que tamén houbo unanimidade é en que existe unha posición de dominio total das industrias e distribuidoras na cadea de valor do sector lácteo que non garante unhas marxes dignas para as granxas produtoras. Para a ECVC, temos que crear as bases para que haxa uns prezos mínimos dignos no sector, e non facelo supón seguir mantendo a tremenda inxustiza de que boa parte dos gandeiros e gandeiras de Europa sigan a cobrar o leite a prezos por baixo dos custes de produción.

A CE admite o fracaso das medidas políticas adoptadas até agora no sector lácteo

Ademais, a Comisión Europea admitiu que se aplicaron todos os mecanismos de crise previstos e que non foron efectivos. Para a CE, a situación do sector lácteo é “dramática”. Quedan lonxe as perspectivas triunfalistas que se nos daban dende a Comisión de Agricultura con respecto á fin do sistema de cotas, augurando que o libre aumento da produción sería absorbido sen problema polas exportacións, ao tempo que as organizacións que integramos a ECVC advertiamos que ía suceder xusto o que está acontecendo: un incremento descontrolado da oferta de leite que non responde a unha demanda real de consumo, co conseguinte afundimento dos prezos en orixe.

En resume, para Isabel Vilalba “foi moi frustrante que, a pesares de admitirse unanimemente a necesidade de reducir e controlar a produción de leite, e a pesares de coñecerse a posición de abuso e dominio das industrias, se siga mareando a perdiz e perdendo o tempo apostando por medidas que están a fracasar, como o control voluntario da produción por países”.

A ECVC aposta por unha política leiteira europea baseada no control público da produción e nun modelo sostible e resiliente

Dende a ECVC, defendemos un control público da produción en toda a Unión Europea e que se adapte ás circunstancias de cada país: non se lle pode esixir o mesmo a países como Galiza, onde que se coutou a capacidade de producir e onde se están a impoñer valores para o leite entre os máis baixos de Europa (2.000 granxas cobran por baixo dos 25 céntimos); que a outros como Irlanda ou Holanda, que incrementaron de maneira desorbitada a súa produción para destinar boa parte do seu leite á exportación. Ademais dese control público e obrigatorio da produción, tamén son precisas unha cadea de valor na que estean garantidos uns prezos mínimos que fagan rendible a produción leiteira, e unha negociación colectiva deses prezos en pé de igualdade para as partes negociadoras baseada en índices oficiais que fixen os custes de produción.

Tamén defendemos, dende a ECVC, unha política leiteira baseada nun modelo produtivo sostible e resiliente, cunha sostibilidade asentada nunhas nunhas marxes de beneficio dignas garantidas en todos os elos da cadea de valor; e unha resiliencia que fortaleza as granxas fronte á volatilidade dos mercados e da especulación e que se constrúa en base a diminuIr a súa dependencia crecente de modelos intensivos, compra de insumos e endebedamento.

Na ECVC estamos convencidos e convencidas de que só este tipo de medidas sacarán ao sector lácteo europeo dunha das peores crises da súa historia. Seguir perdendo o tempo con accións inútiles e debates estériles que rara vez se traducen en accións concretas, como está a facer agora a Comisión Europea, supón seguir apostando pola ruína de boa parte do sector lácteo, a destrución de miles de postos de traballo e o desmantelamento da produción en amplas zonas de Europa.

O peor de todo é que as medidas para enfrontar a crise dende Bruxelas, máis alá de non solucionar nada, poden agravar aínda máis a situación e agudizar a desigualdade no sector, xa que a voluntariedade vai fomentar -e de feito xa o está facendo- unha guerra entre países produtores e entre as propias granxas.

Isabel Vilalba hearing