A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG estará mañá en Lugo coas Marchas da Dignidade en defensa da clase labrega e da soberanía alimentaria

O SLG estará mañá en Lugo coas Marchas da Dignidade en defensa da clase labrega e da soberanía alimentaria

27 de Maio do 2016

Muralla de dignidade

O Sindicato Labrego Galego, como organización sindical integrante da Plataforma Galega polas Marchas da Dignidade apoiará a manifestación de mañá, 28 de maio, en Lugo baixo o lema “Muralla de Dignidade”. Como organización agraria que defende os intereses dos labregos e labregas de Galiza, sóbrannos razóns para saír á rúa para expresar a nosa indignación contra uns gobernos -Compostela, Madrid, Bruxelas- que gobernan para beneficiar a grandes empresas e capitais en detrimento dos dereitos e recursos do pobo.

Desta maneira, a totalidade dos sectores agrogandeiros, en maior ou menor grao, están á mercé do poder abusivo de grandes industrias e cadeas de distribución, que obrigan aos labregos e labregas a producir alimentos a prezos de miseria, arruinando miles de familias para engrosar aínda máis as súas milmillonarias contas de beneficios. Sectores como o lácteo, o vacún para carne, o hortícola,o cunícola ou o porcino están a sufrir nos últimos anos un auténtico latrocinio empresarial con prezos que non cobren os custes de produción grazas á complicidade e colaboración necesarias dos diversos gobernos.

Lonxe de recuar neste asoballamento da clase labrega, os acordos de libre comercio como o TTIP poden empeorar aínda máis a situación, abrindo o escenario a un modelo alimentario como o estadounidense que ameaza con arrasar boa parte das producións agrogandeiras europeas e a nosa soberanía alimentaria.

Ademais, as persoas que vivimos no medio rural temos moitos motivos para indignarnos, pois os recortes que está a sufrir toda a cidadanía en dereitos esencias como a sanidade, o ensino ou a especial atención aos sectores sociais máis vulnerables, teñen maior virulencia no campo.

Por iso volveremos mañá ás rúas da man das Marchas da Dignidade. Desta vez a Lugo para construír unha #MuralladeDignidade.

PAN, TRABALLO, TEITO, DIGNIDADE e TERRA!