A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG entrégalle á Consellaría de Medio Rural un decálogo de medidas urxentes para o sector lácteo

O SLG entrégalle á Consellaría de Medio Rural un decálogo de medidas urxentes para o sector lácteo

16 de Xuño do 2016

Xuntanza Belén Docampo

A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, xunto con Adolfo Cabarcos, Ana Eiras e Mariano Pazos, da Executiva do SLG, mantiveron, no serán do 14 de xuño, un encontro coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo, e co subdirector xeral de Explotacións Agrarias, Nicasio Mejuto, para entregarlle un documento con dez medidas básicas para o sector lácteo.

A maiores, tamén se lle pediu á Consellaría unha serie de accións urxentes para afrontar as problemáticas do sector do coello, da gandaría extensiva, dos danos da fauna salvaxe, das enormes perdas ocasionadas polas chuvias na comarca da Limia ou do tratamento fiscal abusivo nas axudas de incorporación a actividade agraria das xente moza.

De seguido, compartimos o Decálogo de medidas urxentes para o sector lácteo galego:

  1. RECUPERACIÓN URXENTE DO PREZO EN ORIXE E APLICACIÓN REAL DUNHA CADEA DE VALOR SOSTIBLE Aproximadamente o 80 % das granxas galegas atura prezos por debaixo dos 29 céntimos, que é o valor medio do Estado Español; mentres que, aproximadamente, 550 granxas estarían mesmo por debaixo dos 20 céntimos. Debe haber por parte da Consellería e do Ministerio unha actuación urxente diante do que supón, para o SLG, unha clara vulneración da Lei de Defensa da Competencia que no artigo 62 (apartado 4 b) di, textualmente, que é sancionable o “abuso, que poderá consistir na imposición e forma directa ou indirecta, de prezos ou outras condicións comerciais ou de servizos non equitativos”. Hai que lembrar que os resultados técnico-económicos dispoñibles (2014) do Estudo de Custos e Rendas das Explotacións Agrarias do Magrama para Galicia situaba os custos de produción en 0,4315 €; e na análise da Cadea de Valor do Leite UHT encargado pola Interprofesional Láctea (Inlac), publicado este último ano, os custes de produción situábanse entre 0,338 e 0,395. O prezo de compra fíxase a través da imposición unilateral de prezos pola industria, abusando da súa posición de dominio sobre as persoas produtoras. A Administración debe garantir o cumprimento da legalidade vixente e acabar con estas prácticas abusivas, garantindo unha marxe sostible para as persoas produtoras, coa aplicación obrigatoria de fórmulas e índices obxectivos que aseguren esta marxe, e garantías de cumprimento. Insistimos na necesidade de aplicar unha mediación pública nos contratos lácteos que vele pola garantía dos dereitos das persoas produtoras.

  2. PLANO DE CHOQUE NAS GRANXAS QUE TEÑEN OS PREZOS MÁIS BAIXOS. Centos de granxas entréganlle o leite a primeiros compradores, algúns de base cooperativa, que están a pagar prezos moi inferiores á remuneración media no mercado para o leite desas características, ás veces mesmo soportando impagos. Dende o SLG propoñemos que a Consellería poña en marcha un plano de choque, coas medidas axeitadas para actuar sobre os factores que están a incidir en cada caso: realizando unha análise da solvencia deses proxectos, axudando a recolocar as persoas produtoras noutras industrias, apoiando planos de viabilidade, facendo un apoio específico ás granxas afectadas, etc.

  3. ESTABILIZACIÓN DO MERCADO DO LEITE E REDUCCIÓN DE EXCEDENTES. Aínda que o SLG defende que a regulación da produción é imprescindible e que se debe facer a escala europea, cómpre impulsar no propio sector produtor e industrial un programa global de medidas dirixidas á contención da produción. É preciso garantir a recollida de leite en todas as granxas, cunhas referencias de volumes garantidas e un prezo mínimo de acordo a unha cadea de valor sostible para todas as granxas. Opcións reguladoras de excedentes como a entrega de leite para intervención ou para leite en po non deben aplicarse arbitrariamente a un número reducido de granxas, e si debería aplicarse aos incrementos sobre os volumes garantidos. Cómpre conseguir o compromiso da industria e da distribución de reducir as importacións de lácteos, de non permitir que nalgunhas zonas ou algunhas persoas produtoras podan incrementar indiscriminadamente a produción, agudizando o problema dos prezos e mentres a outras as ameazan con non recollerlles. A Administración ten que estudar incentivos á diminución da produción.

  4. ETIQUETADO OBRIGATORIO EN ORIXE DE LEITE: O SLG propúxolle á Consellaría de Medio Rural que defenda diante do Ministerio a obriga de etiquetar a orixe do leite no envase, medida que a pesares de ter sido rexeitada por Bruxelas, está a ser posta en práctica por países como Francia ou Italia, e que é esencial para que os consumidores e consumidoras poidan elixir a procedencia do leite que mercan.

  5. INCORPORACIÓN DE VETERINARIOS OFICIAIS NAS FÁBRICAS: Medida destinada a reforzar o seguimento público de toda a normativa vixente dos diferentes ámbitos, de cara a evitar a fraude de empresas que mercan a prezos de leite en po, para despois vender como leite líquido -tal e insinuaron empresarios como Jesús Lence-. Dende o SLG propuxemos que Medio Rural asigne un veterinario público en cada empresa e industria para inspeccionar a procedencia de todo o produto que entra nas factorías (leite líquido e po, leite ou produtos lácteos importados, elaborados, etc.), así como o cumprimento de toda a normativa existente.

  6. PLANO DE INSPECCIÓN NO TRANSPORTE INTERNACIONAL DE ALIMENTOS: O Regulamento Europeo 1972/2009 en materia de cabotaxe de transporte internacional esixe que o camión que realice o transporte debe ir con carga do país de orixe, e poderían pedirse os datos dos servizos realizados os últimos 28 días. Nos últimos tempos, estanse a reiterar denuncias do propio sector do transporte de incumprimentos, polo que sería moi importante reforzar as inspeccións de cara a esixir o cumprimento da normativa a todos os niveis: transporte de alimentos refrixerados, de alimentación en xeral, cabotaxe, permisos de transporte internacional, etc.

  7. PROMOCIÓN DE PRODUTOS LÁCTEOS SAUDABLES E REFORZO DA ACTUACIÓN CONTRA A BANALIZACIÓN DO LEITE NA DISTRIBUCION.

  8. LIÑAS DE AXUDA PARA PROXECTOS DE TRANSFORMACIÓN DE PRODUCTOS LÁCTEOS QUE XEREN VALOR ENGADIDO: Para permitir unha maior remuneración do leite en orixe (produtos diferenciados como leite ecolóxico, pasteurizado, procedente de vacas alimentadas en pastos, iogur ou queixo nos que a súa elaboración se basee en leite fresco fermentado e non en leite en po, etc.), que cubra as demandas de calidade das persoas consumidoras, un maior valor engadido, a fidelización do consumo de leite producido en Galiza, etc.

  9. APOIO A SOSTIBILIDADE DAS GRANXAS: Posta en marcha inmediata dun programa, obxectivable e medible, de incremento da superficie agraria das granxas, de redución do seu nivel de endebedamento, de apoio á redución da compra de insumos, dun maior nivel de aproveitamento das forraxes propias, de apoio á produción ecolóxica e de desintensificación. Segundo algúns estudos, entre os anos 2003 e 2015, os prezos dos pensos subiron máis dun 60%, os fertilizantes un 62% e a enerxía un 69%, tendencia que semella que vai continuar.

  10. POLÍTICA EUROPEA LEITEIRA PÚBLICA DE REGULACIÓN DA PRODUCIÓN E DO MERCADO, E GARANTÍA DUNHA CADEA DE VALOR VERDADEIRAMENTE SOSTIBLE: Cómpre recoñecer que o paquete leite, a regulación da produción voluntaria ou para garantir un prezo sostible para as persoas produtoras por parte das interprofesionais ou das organizacións de produtores, resultaron un absoluto fracaso. Estes días, a propia INLAC recoñecía que non tiña capacidade para pór en marcha un acordo de regulación da produción e sinalaba como principais problemas a voluntariedade da medida e a necesidade de que teña un carácter global, pois non ten sentido nin será efectivo regular a produción no Estado Español se segue a importarse leite ou produto lácteo de fóra. Para o SLG é imprescindible a regulación da produción a escala europea e que non sexa a industria e a distribución a que acabe condenando á desaparición as granxas que non lles interese, impoñéndolles prezos ruinosos ou deixándolles de recoller.

Xuntanza Belén Docampo