A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG insta á Medio Rural a solucionar a excesiva e contraditoria fiscalidade nas axudas de incorporación

O SLG insta á Medio Rural a solucionar a excesiva e contraditoria fiscalidade nas axudas de incorporación

18 de Xuño do 2016

AEAT

As axudas para a incorporación de xente nova á actividade agraria teñen como función apoiar o inicio na actividade profesional de mozos e mozas que apostan o seu futuro laboral a oficios relacionados coa agricultura ou a gandería. Trátase dunha liña de subvencións esencial para un agro perigosamente envellecido no que, segundo os últimos datos estatísticos publicados, correspondentes a 2013 para Galiza, o 60% dos e das profesionais superaban os 60 anos de idade, o 35% tiña entre 40 e 60 anos, e tan só o 5% era menor de 40.

Sen embargo, o que debía ser un estímulo para apoiar a incorporación de xente moza á agricultura, estase a converter nun vía crucis burocrático e impositivo no que as persoas beneficiarias deben enfrontarse a unha excesiva fiscalidade coa que chegan a perder até un terzo da axuda recibida e mesmo a ser multadas. E, por riba, estes abusos se agravan cunha disparidade de criterios na aplicación dos tributos que xera auténticas situacións de desigualdade no trato. De feito, hai casos nos que estas subvencións se trataron como axuda de capital e noutros como incremento patrimonial. Tamén houbo situacións nas que á persoa beneficiaria se lle reclamou o imposto no mesmo exercicio no que se convocou a axuda, sen ter en conta que a certificación e o cobro da mesma se fai, na maioría dos casos, no ano seguinte.

Temos exemplos reais de mozos e mozas que cobraron, en 2014, 22.000 € de subvención aos que, ao ser considerados ganancia patrimonial (coma os premios de lotaría) se lles quitou de impostos entre 5.000 e 6.000 €. A isto, houbo que engadirlle o agravante de que ao serlles aprobadas as axudas en 2014, a Axencia Tributaria obrigoulles a pagar na declaración da renda dese ano, cando o cobro efectivo da axuda foi en 2015. Mesmo houbo casos de persoas beneficiarias que renunciaron á axuda ou, finalmente, cobraron unha contía menor, ás que se lles obrigou a pagar igual.

Dende o Sindicato Labrego Galego, mantivemos nos últimos meses varios contactos con responsables da Axencia Tributaria, como a xuntanza na Coruña entre a delegada especial da AEAT en Galiza, Imelda Capote, e as técnicas do SLG María Ferreiro e María Vieites, para aclarar todas estas contradicións e abusos. As anomalías tamén foron postas en coñecemento da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo, nunha xuntanza mantida con ela esta mesma semana. E o mesmo transmitiu Xosé Ramón Cendán na xuntanza do Comité de Seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) na Galiza, celebrada o 16 de xuño en Compostela, e á que asistiron representantes do Ministerio de Agricultura e da Comisión Europea.

Nestes encontros, o Sindicato Labrego instou aos diferentes responsables de administracións a realizar diante dos ministerios de Agricultura e Facenda as xestións necesarias para que estas axudas, tan necesarias para o noso agro, fiquen exentas de tributar impostos, xa que fiscalizalas atenta contra o seu espírito de apoiar a incorporación de xente moza e créalles dificultades engadidas ás persoas beneficiarias nun período moi delicado da súa actividade profesional no que se deben enfrontar a numerosas amortizacións e precisan dispoñer de liquidez. E como medida transitoria, mentres non se regule esa exención, pedímoslle que se unifique o criterio de prorratear o imposto sobre esta subvención durante os cinco anos obrigatorios do período de instalación, tal e como xa fan algunhas administracións.