A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Medio Rural certifica o seu desmantelamento coa perda de 56 millóns de fondos europeos para agricultura

Medio Rural certifica o seu desmantelamento coa perda de 56 millóns de fondos europeos para agricultura

8 de Xullo do 2016

Cartos ardendo

Tras coñecer as cifras definitivas da execución do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2007-2013, Galiza confirma o seu suspenso ao perder case 56 millóns de euros de fondos europeos que deixou sen gastar. E iso a pesares de ter tido un prazo adicional de dous anos máis para poder executalos. A cifra elévase a 74 millóns de euros se temos en conta que, a estes cartos de Bruxelas quedaba por engadirlle a parte que lles corresponde poñer á Xunta e ao Ministerio de Agricultura.

O PDR 2007-2013 para Galiza contaba cunha asignación de 888.801.564 euros do FEADER (Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural). Deses cartos que tiña para gastar, Galiza executou o 93'71% (832.855.187 euros), polo que deixou sen executar 55.946.377 euros. Desta maneira, Galiza está entre as seis comunidades do Estado que non chegan á media de execución do PDR, xunto a Madrid, Andalucía, Estremadura, Baleares e Valencia.

Para o Sindicato Labrego Galego, trátase dunha perda de cartos inxustificable no contexto de crise actual no agro, xa que estes cartos empréganse en catro eixes fundamentais para o medio rural: modernización de explotacións, incorporación de mozos e mozas ás actividades agrogandeiras, ordenación do territorio e melloras na produtividade da industria agroalimentaria e forestal.

Dende o SLG, denunciamos que esta perda de fondos europeos é consecuencia directa dos recortes e desmantelamento da Consellaría de Medio Rural, que cada vez ten menos capacidade de xestión. Un dato que corrobora isto é que en outubro de 2015, cando quedaban só tres meses para que expirase o derradeiro prazo para executar estes fondos (31 de decembro), a Medio Rural aínda lle quedaban por gastar 153 millóns de euros, o 17’4% dos cartos.

Dentro desta dinámica, nos últimos tempos vemos como moitas liñas de traballo que desenvolvía a Consellaría de Medio Rural deixaron de realizarse, ou se optou por criterios moi lesivos para as persoas produtoras por non poñer a administración os medios necesarios para tramitar os expedientes. Por desgraza, temos demasiados exemplos disto: na tramitación da PAC, impúxose por sistema que en amplas zonas do territorio a superficie de pasto admisible fose cero, sendo logo a persoa administrada a que tiña que probar que non era así; varios programas de apoio deixaron de convocarse, como os de asesoramento técnico ás producións vexetais e á viticultura; alegacións e recursos que non se responderon, como os do SIXPAC do ano 2015, levaron á xente afectada a unha situación de indefensión total; redución drástica de persoal na maioría das oficinas agrarias comarcais, nas escolas de capacitación e nos centros de investigación como o de Mabegondo; a falta de desenvolvemento do anunciado Plano de Fortalecemento do Sector Lácteo e outros sectores nunha situación crítica, etcétera.

Neste contexto, a perda de 56 millóns de euros do PDR 2007-2013 era algo previsible, como previsible será, de seguirmos na actual dinámica, que se volva perder unha cantidade inxente de recursos financeiros no actual PDR 2014-2020. 

Feijóo lanzallamas