A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG denuncia beneficios escandalosos da multinacional Lactalis a costa de levar á ruína as granxas de leite galegas

O SLG denuncia beneficios escandalosos da multinacional Lactalis a costa de levar á ruína as granxas de leite galegas

25 de Agosto do 2016

Lactalis

Ao tempo que a multinacional Lactalis é noticia polos prezos e condicións abusivas que lles impón ás produtoras e produtores galegos, a maioría das súas empresas filiais presentan grandes beneficios para o grupo en 2015: Leche de Galicia, subsidiaria galega do grupo, presentou un beneficio de 2,5 millóns; Lactalis Puleva, de 19,8 millóns (o dobre ca no 2014); Puleva Food, de 10,5 millóns; Lactalis Forlasa, de 5,3 millóns; Lactalis Food Service, de 5,6 millóns...

Malia as ganancias históricas de Lactalis, este mes de agosto arredor de 1.200 produtoras e produtores galegos verán de novo rebaixados os prezos do leite debido ao contrato abusivo que a empresa lles fixo asinar no mes de xullo, con fórmulas que dan como resultado un prezo inferior ao que se paga de media en Galiza, que xa é o máis baixo do Estado. Co último prezo medio, que na nosa terra non chega aos 27 céntimos, a fórmula da multinacional francesa daría un prezo inferior a 26 céntimos. Ademais, o contrato pretende incluír a posibilidade de adiar a dous meses o pagamento do leite, o cal é ilegal segundo a lei que regula os pagamentos de produtos perecedoiros; e tamén esixe confidencialidade para garantir que todos estes abusos non saian á luz e, deste xeito, poder seguir operando con total impunidade.

Os dividendos e ganancias de Lactalis están feitos co suor e coas bágoas das labregas e labregos galegos, e coa perda de centos de postos de traballo que dependían directamente das 425 granxas de leite galegas que se viron obrigadas a pechar no ano 2015. Lactalis converteuse na empresa líder por facturación, destacando os 8,7 millóns de euros de dividendos repartidos por Lactalis Puleva ou os 8,5 de Puleva Food; ao tempo que impón contratos con baixas de prezo continuadas.

Estrepitoso e anunciado fracaso do Acordo Lácteo de 2015 

A un ano do gran engano que supuxo o chamado “Acordo Lácteo” presentado polo Ministerio de Agricultura e pola Consellería de Medio Rural para acabar coas mobilizacións do sector, demóstrase que as industrias seguen impoñendo condicións abusivas con total impunidade, e que ficaron en papel mollado os contratos sen prezo con todas as condicións impostas unilateralmente polas industrias, os acordos voluntarios e o famoso acordo histórico para ter unha cadea de valor sostible no que cada parte tivera garantida a súa marxe.

Lembramos que o famoso acordo de setembro de 2015 asinárano a maioría das empresas e asociacións do sector industrial (32) e da gran distribución (24); mentres que pola parte do sector gandeiro foi subscrito por Cooperativas Agroalimentarias de España e Asaja, que cualificaran de “histórico” o documento. Dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos esta pantomima e rexeitamos darlle aval a un novo engano ao sector, pois non incluía ningunha garantía no prezo do leite nin en melloras nas condicións das persoas produtoras, como pode verse 12 meses despois.

Complicidade necesaria da Consellaría de Medio Rural e do Ministerio de Agricultura 

Dende a Consellería de Medio Rural e dende o Ministerio de Agricultura están a ser cómplices destes abusos, posto que, pese a ser coñecedores da situación, non están a poñer as medidas axeitadas para que os prezos pagados ás persoas produtoras cubran os custos de produción e remuneren dignamente o traballo, para que os contratos deixen de ser unha ferramenta para extorsionar ás persoas produtoras, e os prezos e condicións de venda respondan a índices obxectivos e garantan a marxe suficiente para que as persoas produtoras podan vivir dignamente do seu traballo. De feito, nada sabemos das múltiples denuncias que se levan feito destes abusos (AICA, Xunta, medios de comunicación...).

Pedímoslle ao Presidente da Xunta e á Conselleira de Medio Rural que deixen de botar balóns fóra e que asuman a responsabilidade que teñen de defender un sector estratéxico como o lácteo, do que dependen miles de empregos nas diferentes comarcas e que está seriamente ameazado polas prácticas inxustificables dunhas empresas que cada día impoñen condicións máis abusivas mentres aumentan as súas contas de beneficios.