A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG presenta aos partidos políticos do 25-S a folla de ruta para dinamizar a Galiza labrega e rural

O SLG presenta aos partidos políticos do 25-S a folla de ruta para dinamizar a Galiza labrega e rural

8 de Septembro do 2016

Xuntanza SLG-En Marea

O Sindicato Labrego Galego vén de iniciar unha rolda de contactos cos principais partidos políticos que se presentan ás Eleccións Galegas do 25 de setembro para compartir con eles un programa de accións necesarias para termos un medio rural vivo no que a agricultura, a gandería ou a silvicultura sexan motores dos espazos rurais, contribuíndo á creación de emprego, á dinamización social e económica, a garantir unha alimentación de calidade e a preservar a biodiversidade e a nosa riqueza paisaxística e cultural. De seguido, compartimos con vós un extenso resume das nosas propostas políticas. Se queredes acceder ao documento completo, podedes descargalo na icona que atoparedes no remate desta páxina.

A primeira xuntanza para compartir as propostas do SLG tivo lugar en Compostela hoxe, 8 de setembro, e nela reuníronse a secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, co deputado de En Marea, Antón Sánchez García, que foi a primeira formación política en contestar ao ofrecemento feito pola organización agraria aos principais partidos que concorren aos comicios galegos. Neste senso, o Bloque Nacionalista Galego tamén aceptou o convite, e manterá un encontro cunha comitiva do SLG a semana que vén.

As propostas do SLG constitúen unha alternativa as actuais políticas agrarias que obedecen, invariablemente, aos intereses de grandes grupos financeiros e industriais e se fan en contra dos intereses dos labregos e das labregas, primando os baixos prezos en orixe para maximizar os beneficios dos intermediarios. O resultado é evidente: destrución de miles de postos de traballo, despoboamento e envellecemento da poboación rural, enfeblecemento dos principais sectores produtivos agrogandeiros e forestais, absoluta dependencia alimentaria.

Para reverter esta situación, dende o Sindicato Labrego Galego elaboramos un extenso documento con alternativas realistas e viables. De seguido, resumimos estas propostas agrupadas por temáticas e en dous grandes bloques, o das políticas xerais e as políticas por sectores:

POLÍTICAS XERAIS

1. MOCIDADE. Apoio á incorporación de persoas mozas ás actividades agrogandeiras que garanta o relevo xeracional nas granxas. Debe facerse a través de programas con suficiente dotación orzamentaria, durante un período de tempo suficiente e con acceso a asesoramento e formación. En ningún caso se debe utilizar esta axuda para promover un endebedamento excesivo da persoa beneficiada e cómpre poñer fin á fiscalidade abusiva que grava estas axudas.

2. SERVIZOS PÚBLICOS no rural accesibles e de calidade.

3. MULLERES. Políticas integrais que poñan fin ás numerosas discriminacións que padecen as mulleres labregas e as que viven no rural. A violencia contra as mulleres debe ser considerada, a todos os efectos, o problema máis grave na actualidade e deben poñerse en marcha as medidas axeitadas para erradicala.

4. POLÍTICAS AGRARIAS. Diante dos acordos comerciais internacionais e das políticas agrarias europeas e estatais, o futuro Goberno Galego debe crear alianzas institucionais e con movementos sociais dirixidas a que as políticas agrarias se constrúan e baseen nos seguintes obxectivos:

  • Maiores cotas de soberanía alimentaria para Galiza, entendendo esta como o dereito a protexer e decidir as políticas agrarias e alimentarias da nosa terra, dando prioridade á calidade nutritiva e biolóxica dos alimentos, ao desenvolvemento das economías locais e dun modelo social de produción, aos produtos de proximidade e circuítos curtos de comercialización, apostando por modelos cada vez menos dependentes de combustibles fósiles e máis respectuosos co entorno.

  • Relacións comerciais exteriores baseadas na cooperación. Ningún acordo comercial pode comprometer a seguridade e soberanía alimentaria doutro pobo a través de prácticas como o dumping, a imposición de prezos ruinosos, a rebaixa dos estándares de calidade ou a competencia desleal. A posición do Goberno Galego debe ser contraria a acordos comerciais como o TTIP ou o CETA.

  • A aposta por modelos de produción baseados na agroecoloxía, no recoñecemento do saber tradicional labrego e na investigación e técnicas agrícolas que sexan respectuosas e sostibles a todos os niveis. Neste senso, o Goberno Galego debe aplicar o principio de precaución e rexeitar calquera insumo agrario que non teña demostrado a súa inocuidade para a saúde e o medio ambiente. Este punto recolle medidas concretas como declarar Galiza zona libre de transxénicos, prohibir herbicidas como o glifosato ou protexer o uso e o dereito a producir sementes por parte dos labregos e das labregas.

  • Apoio decidido á produción, transformación e distribución de alimentos ecolóxicos.

  • Defensa de políticas agrarias públicas de regulación da produción e do mercado. Un exemplo claro disto sería o sector lácteo, no que o Goberno Galego debe defender unha regulación obrigatoria a escala europea dos volumes de produción e dos prezos, que deberán cubrir sempre os custes de produción.

  • Concentrar os apoios públicos en proxectos que pechen o ciclo produtivo e xeren valor engadido a través da transformación e comercialización; con preferencia sobre outros que se centren na obtención de materias primas ou produtos de escaso valor. Un elemento dinamizador deste tipo de proxectos pode ser a compra pública de alimentos de proximidade e ecolóxicos, tanto frescos como transformados, comercializados directamente polas granxas para comedores públicos dos centros escolares, hospitais, residencias de persoas maiores, etc. Para isto, é necesario que o futuro Goberno Galego revise e adapte as normas sanitarias que rexen a produción de alimentos, deseñadas para grandes industrias, pero que expulsan do mercado as pequenas producións artesanais.

  • Apoio a fórmulas de cooperación e proxectos de economía social. As cooperativas deben servir de instrumento comercial, técnico e financeiro; ademais de seren factor que dea estabilidade e fomente a solidariedade entre produtores e produtoras, e rexerse por un funcionamento democrático baseado nas decisións dos socios e socias e na defensa dos seus intereses.

  • Potenciar os centros públicos de formación, investigación e o asesoramento para apoiar a incorporación de xente nova ao agro. Tamén é imprescindible manter unha rede de asesoramento de calidade para as explotacións en activo, polo que cómpre dotar de recursos materiais e humanos suficientes as oficinas agrarias comarcais.

  • Control efectivo e seguimento dos danos da fauna salvaxe, con indemnizacións suficientes e xustas para as granxas damnificadas que cubran tamén o lucro cesante. Debe ser a sociedade no seu conxunto quen asuma a conservación da fauna salvaxe e non as explotacións coas súas reses e cultivos.Prezos e cadea alimentaria.

5. PREZOS E CADEA ALIMENTARIA. O Goberno Galego debe actuar na maior brevidade, e en colaboración con outras administracións, para:

  • Crear referencias obxectivas dos custes de produción que se actualicen regularmente e sexan un instrumento transparente e realista na formación de prezos. A lexislación da cadea alimentaria debe prohibir a imposición de prezos que supoñan vender a perdas.

  • Mesas permanentes de negociación cos axentes da cadea alimentaria.

  • Sistema de mediación público nos contratos agrarios e gandeiros, accesible e gratuíto, e que evite cláusulas abusivas.

  • Buscar alianzas para forzar a modificación da normativa de competencia de cara a conseguir instrumentos para rematar coa posición de dominio da distribución e da industria.

  • Eliminar as prácticas fraudulentas e enganosas da distribución na etiquetaxe de alimentos non producidos na nosa terra, con implicación da administración pública no control. A etiquetaxe debe indicar obrigatoriamente a orixe e características do produto.

6. TERRA E SUPERFICIE AGRARIA ÚTIL. Galiza perdeu ao redor do 25% da súa superficie agraria útil (SAU) dende a entrada no Mercado Común Europeo. Para reverter esta situación, cómpre dotar de recursos humanos e materiais suficientes o Banco de Terras de cara a facer del unha ferramenta efectiva para que a terra agraria abandonada poida ser utilizada polas granxas que a precisen a prezos asumíbeis. O obxectivo mínimo do Goberno Galego sería acadar que Galiza teña un 33% do seu territorio como SAU, aínda que o desexábel sería chegar a un 40%. Indispensable se queremos que as nosas granxas teñan suficiente base territorial para ser sostibles e non depender de máis de insumos externos.

Xuntanza SLG-En Marea

POLÍTICAS SECTORIAIS

1. LEITE. Fronte á peor crise que se recorda no sector, medidas de urxencia para rematar coa posición de dominio das industrias e da distribución. Entre elas:

  • Alianzas a nivel estatal e europeo para defender a regulación pública da produción de cara a evitar excedentes e o afundimento dos prezos.

  • Garantía de recollida a uns prezos mínimos en orixe que cubran os custes de produción e remuneren dignamente o traballo.

  • Rematar cos contratos de adhesión e as cláusulas abusivas.

  • Definición oficial dos tipos de leite, cuns parámetros obxectivos de calidade.

  • Evitar a fraude e garantir que as industrias non pagan aquí leite a prezos de po, ao tempo que importan de fóra leite, queixos e produtos lácteos para substituír a produción propia.

  • Reducir o endebedamento do sector e aumentar a base territorial das granxas.

  • Apoio decidido a proxectos que xeren valor engadido baseados na calidade.

2. CARNE DE VACÚN. Un dos sectores da máis reducida rendibilidade e dos máis desatendidos dende a Administración que, habitualmente, segue en activo nas zonas rurais máis desfavorecidas e castigadas de Galiza. Entre as propostas do SLG:

  • Acceso a unha base territorial suficiente.

  • Mantemento e mellora do programa de axudas de razas autóctonas.

  • Nas axudas, que non se exclúan as superficies que empregan as granxas en extensivo e que se teñan en conta as persoas en activo, e as zonas desfavorecidas.

  • Fomento do consumo da carne do país fronte á foránea.

  • Control das pesadas nos matadoiros.

  • Clasificar este sector como estratéxico para manter a poboación e vertebrar o rural galego.

  • Novo impulso da IXP Ternera Gallega, co obxectivo de que teña capacidade para comercializar toda a carne de calidade das explotacións familiares.

  • A nivel da Política Agraria Común (PAC), habería que defender a mantenza da intervención pública e do almacenamento privado para a carne de vacún en situacións de crise, tal como se fai noutros sectores; e compensar coas axudas directas os prezos cando non cubran os custes de produción, en vez de dar o meirande dos cartos a grandes corporacións e terratenentes.

3. VITIVINÍCOLA. A uva case nunca se cobra nos prazos que marca a Lei da Cadea Alimentaria, nun sector no que son frecuentes os impagos e os prezos adoitan estar por baixo dos custes de produción. Fronte a esta precariedade, o Goberno Galego debe:

  • Mesas de negociación estables para acordar os termos dos contratos de maneira colectiva entre as distintas partes da cadea de valor. Os prezos da uva non poden estar por baixo dos custes de produción, e a Administración deberá dotar de referencias ao sector para construír eses prezos.

  • Medidas de apoio ás nosas denominacións de orixe baseadas na calidade, na incorporación de xente moza e en aumentar a presenza no mercado dos viños galegos. Neste senso, é preciso apostar pola promoción e prestixio dos nosos viños na propia Galiza, especialmente os tintos, que se vén desprazados por caldos foráneos, especialmente en vilas e cidades.

  • Apoio decidido aos viticultores e viticultoras que queiran dar o paso para elaborar viño.

4. HORTOFROITEIRA (hortalizas, pataca, froita...). Nestes sectores é onde a balanza comercial é máis desfavorábel, polo que se debe impulsar a produción sostible e agroecolóxica, na parte produtora; e o consumo de alimentos de tempada e de proximidade. Entre as medidas defendidas polo SLG para as producións vexetais:

  • Dar prioridade ás producións galegas fronte á invasión de produtos foráneos. Cómpre promover o consumo de froitas, hortalizas e patacas producidas no noso país en primeira instancia e, nomeadamente, na restauración pública (colexios, hospitais, xeriátricos, etc...) e nos actos institucionais.

  • Fronte á volatilidade que impera nestes sectores, é necesaria unha mesa de prezos que fixe uns mínimos por debaixo dos cales haxa que intervir o mercado; e un mecanismo de apoio directo para as explotacións que presenten facturas de venda por debaixo dos mínimos de referencia.

  • Promoción das sementes e material vexetal adaptado ás nosas condicións edafoclimáticas en variedades comerciais, dándolle prioridade ás variedades locais e á diversificación da produción hortícola e froiteira.

  • Control público dos residuos de agrotóxicos nos mercados finais, con políticas propias de investigación e información sobre os límites máximos de residuos (LMR) permitidos, dos produtos fitosanitarios autorizados e das súas consecuencias na saúde e no medio ambiente. Nos lugares de venda de agrotóxicos debe ser obrigatorio ter información sobre a toxicidade dos produtos en letra grande, lexible e entendible. Isto completarase con programas de seguimento na aplicación de pesticidas para determinar os riscos reais aos que están sometidos os labregos e as labregas.

5. OVINO-CAPRINO. Sector esencial para a prevención de incendios, pola xestión que fai da biomasa nos montes e nas terras agrarias abandonadas. O franquismo expulsou este tipo de gandería dos montes privados e comunais para facer monocultivos forestais. Dende o SLG apostamos por un novo modelo de política forestal no que o silvopastoreo se xa un elemento vertebrador e dinamizador. E para iso cómpre:

  • Apoio a proxectos silvopastorís, especialmente aqueles que impliquen a explotación comunitaria dos montes veciñais en man común.

  • Que o silvopastoreo sexa incluído como elemento imprescindible para a obtención de axudas públicas ao sector forestal.

  • Modificar o coeficiente de admisibilidade de pastos para as axudas da PAC para que esta produción gandeira se beneficie delas.

  • Dotación orzamentaria suficiente para implantar pasteiros en montes comunais.

6. GANDERÍA INDUSTRIAL (PORCINO, CUNÍCOLA, AVIAR). Referímonos á produción gandeira das propias industrias, comercializadoras ou matadoiros, con explotacións propias, integradas ou en fase de integración nos sectores porcino, aviar e cunícola. O Goberno Galego debe defender as granxas en mans de produtores e produtoras autónomos, ameazadas por estas industrias que copa toda a cadea de valor e que queren substituílas por un modelo de gandería integrada no que os produtores e produtoras asumen todos os riscos e teñen unha dependencia absoluta da industria matriz para mercar os insumos e comercializar a produción. Para recuperar estas producións como sectores cun desenvolvemento sostible e cunha perspectiva de soberanía alimentaria, habería que comezar case de cero. Só no sector avícola está regulada a produción artesanal e existe un rexistro de granxas. Polo tanto, habería que facer algo semellante nos outros sectores, obrigando a:

  • Uso da base territorial, observando a cría de animais en liberdade e no seu medio natural.

  • Regulación dunha carga gandeira máxima en cada sistema produtivo.

  • Regulación da alimentación con base nas producións da propia granxa.

  • No caso concreto destas producións gandeiras, tamén habería que lexislar para que teñan acceso aos mercados tradicionais e de proximidade, hostalería, etc. Para iso, habería que regular o mercado finalista de animais vivos (agora en baleiro legal), o sacrificio caseiro, e a dotación de pequenos matadoiros comarcais ou salas de sacrifico nos mercados públicos.

7. MONTE.

  • Eliminación das axudas á forestación con especies pirófitas e promover as especies autóctonas, reducindo a superficie ocupada por Eucaliptus globulus e prohibindo a forestación con Eucaliptus nitens e outras especies invasoras; así como impedir os cultivos enerxéticos e o aproveitamento da biomasa forestal residual exclusivamente con fins enerxéticas.

  • Cancelación da prórroga a ENCE en Lourizán.

  • Condonación das falsas e inxustas débedas dos montes conveniados ou consorciados.

  • O reinvestimento obrigado na mellora dos montes veciñais debe facerse segundo os planos de ordenación, atendendo ás características do monte e da veciñanza comuneira. A administración competente en materia de montes ten que asumir o compromiso de realizar os deslindes.

  • Reformulación do Plano Forestal de Galiza, con criterios da posta en valor do monte e do seu aproveitamento multifuncional.

  • Eliminar a obriga de que as comunidades de montes veciñais teñan que presentar o Imposto de Sociedades, elaborando unha fiscalidade propia e axeitada á propiedade comunal.

CREACIÓN DUNHA AXUDA ESPECÍFICA PARA PEQUENAS EXPLOTACIÓNS

O documento presentado polo Sindicato Labrego Galego tamén incide na necesidade de revisar as axudas agroambientais, que actualmente están deseñadas para beneficiar grandes predios e explotacións, cando na Galiza predominan as pequenas parcelas e granxas, valorándose máis o número de hectáreas que o modo de produción ou o emprego.

Neste senso, o SLG ve necesario poñer en marcha axudas complementarias para o mantemento das pequenas explotacións. Para asegurar un emprego estable e remunerado é fundamental garantir un mínimo de ingresos por persoa activa. Para iso, propoñemos que as axudas se liguen á produción e ás persoas en activo, especialmente en sectores nos que as subvencións que priman a superficie en hectáreas son moi baixas, como a horta, a froita, o viño, ou a agricultura ecolóxica.

Ficheiro adxunto