A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outro rural é posible (2): Belén Fervenza

Outro rural é posible (2): Belén Fervenza

28 de Outubro do 2016

Belén Fervenza

Dende que se creou, a Rede Galega de Sementes afianzou un movemento de recuperación e intercambio de variedades autóctonas que, amais de resucitar o noso patrimonio hortícola e froiteiro, é un auténtico xeito de "desobediencia civil" diante de leis que pretenden servir en bandexa este tesouro natural ás industrias do sector. Así o mantén Belén Fervenza, actual responsábel do Sector de Horta, Froita e Flor do SLG, nunha entrevista que publicamos no Fouce 299, en decembro de 2013, e que agora rescatamos íntegra da hemeroteca para compartir con vós.

"Cando intercambiamos sementes, facemos un acto de desobediencia civil"  

O 2 de outubro de 2010 celebrouse o primeiro Encontro da Rede Galega de Sementes. A rede xa funcionaba antes desa data? Como xurdiu a idea de crear esta rede e por que?

A rede non funcionaba antes. Creouse no primeiro encontro. Foi nun encontro de Biocultura, en Zamora, onde coñecemos a xente da Rede de Sementes Estatal. De alí trouxemos a idea de facer algo en Galiza ao respecto. Despois, fixemos unha primeira convocatoria nas instalacións de Massó, en Cangas, onde invitamos a participar a persoas e colectivos, obtendo unha resposta incrible, cunha grande asistencia.

A partir de aí, comezamos a traballar para organizármonos coa cuestión das sementes até que todo callou no primeiro encontro da Rede Galega de Sementes, que foi en Redondela, en outubro de 2010. Este primeiro encontro tamén foi unha grande sorpresa. Non sabiamos moi ben como organizalo; só sabiamos que queriamos comezar a intercambiar sementes. Foi un encontro desbordante: intercambiáronse moitísimas sementes e veu moita xente, mesmo de bisbarras moi afastadas como A Mariña. Démonos unha enchenta de traballo porque non agardabamos tanta xente.

A raíz do primeiro encontro, fomos facendo xuntanzas e organizándonos mellor, pouco a pouco. Trátase dunha experiencia autoxestionada. Hai labregos e labregas, grupos de consumo, xente que cultiva para autoconsumo ou que se preocupa pola alimentación, persoas que fan xardinería... Somos un grupo moi heteroxéneo, e por iso chegamos a unha base social moi ampla. Somos persoas de diversa formación e que incorporamos distintas maneiras de pensar.

En que consiste a actividade da RGS?

Tiñamos claro que queriamos traballar coas variedades locais e facer un proceso de busca para recuperalas. Pero unha das necesidades máis urxentes que vimos que tiñamos que cubrir era recuperar a cultura de saber recoller as sementes. Moita xente que acode aos encontros é afeccionada que non vive da horta. Xa no primeiro encontro viamos que a semente que a xente traía non viña en boas condicións, ben limpa, etc., e pensamos que iso había que melloralo. A raíz disto, mantivemos unha xuntanza con Zecafonso. Fixemos con el un obradoiro de sementes onde aprendemos como recollelas, como conservar determinadas variedades, etc. Como xa levabamos catro anos de encontros, e xa tiñamos recompilado moitas sementes, agora nos centramos en facer un traballo interno para mellorar os procesos de selección das sementes, de recollida de información e, pouco a pouco, darnos a coñecer. O noso obxectivo a curto prazo foi ese: crear cultura labrega. Que a xente se achegue con tempo e se pare a aprender como recoller as sementes.

Outra fase coa que estamos comezando agora é a de mellorar na conservación e custodia das sementes. Hai moita xente maior que conserva variedades de sementes pero que non se achega aos encontros. Agora tamén temos interese en facer este traballo. En resume, promovemos o intercambio de sementes -non se mercan nin se venden- e a formación para facelo, como coa Mesa de Sabios que celebramos nos encontros, onde xente maior que conserva sementes nos explica como facelo.

Consideras que o patrimonio das sementes tradicionais está en perigo de extinción?

Penso que si. Vivía en perigo de extinción e en perigo de intereses. Houbo unha perda de biodiversidade tremenda en todo o agro. Variedades hortícolas aínda se conservan, pero en froiteiras está habendo unha grande perda. As catro persoas que facemos traballo de recompilación de sementes de froiteiras eramos conscientes de que moito patrimonio se estaba a perder. Por iso era urxente facer algo. Está en perigo de extinción toda a cultura labrega que existe en torno as variedades hortícolas, froiteiras e ás sementes. E iso é o que temos que recuperar. Hoxe en día, o meirande da xente traballa cunhas poucas variedades en horta. Nós temos que traballar para protexer o noso e recuperalo. Cando un empeza de cero a traballar a terra, elle moi difícil atopar sementes locais ou sen tratar. Moita xente maior non lle dá importancia ás variedades locais e limítase a conservar a semente e cultivala para autoconsumo, pero non as venden porque consideran que non teñen valor comercial. E esas sementes poden acabar perdéndose, polo que moitas variedades, en efecto, están en perigo de extinción.

Outro tema son todos os intereses que hai ao redor das sementes e do control da alimentación. Por iso consideramos esta loita como algo tamén fundamental a incorporar na xente que traballa con sementes. Que coñezan o perigo real que existe de que perdamos as nosas variedades locais de sementes e o control sobre a alimentación.

Cantos tipos de semente tedes catalogadas?

O certo é que eu non son a que levo o ficheiro de entradas e descoñezo a cifra exacta, pero son moitas. Como exemplo, só no último encontro rexistramos máis de 200 variedades que non tiñamos clasificadas. E cada vez máis. Unha das partes que máis nos interesa do noso traballo é coñecer e manter o contacto coa persoa que trouxo as sementes, porque sabemos que esa persoa vai seguir cultivando esas variedades e as vai seguir conservando. Cando unha persoa leva sementes dun encontro, sabemos que as vai cultivar, reproducir e conservar, e que regresará con esas sementes multiplicadas a novos encontros.

Entidades como o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo tamén ten traballado na recompilación de sementes autóctonas. Évos útil e accesible este tipo de labor institucional? A RGS desempeña tarefas ou cometidos que non cobre o CIAM?

No primeiro encontro que fixemos, participou un posto da Misión Biolóxica de Pontevedra. Nós non traballamos a ese nivel. Non somos científicos nin queremos crear un banco de sementes. Nós, se queremos, temos acceso ao banco de sementes de Mabegondo, pero non é doado achegarse aí para a xente de a pé. Para nós, o das sementes é máis un traballo de base. É importante o labor de investigación e conservación de Mabegondo, pero a nós non nos interesa gardar as sementes nunha neveira, senón que a xente as intercambie e as utilice.

Tivestes algún tipo de atranco burocrático ou legal para desenvolver o voso labor de conservación e intercambio de sementes?

Nesta cuestión vivimos nunha especie de limbo legal e, polo de agora, non tivemos ningún problema. Hai unha lexislación que nos prohibiría agora mesmo trocar sementes, pero ninguén nos dixo nada. Púxose en contacto con nós persoal do Ministerio de Agricultura que estaba a facer busca de variedades por Galicia, pero non quixemos colaborar, pois non temos a garantía de que as sementes que recompilen as institucións vaian seguir despois nas nosas mans e non acaben sendo propiedade de empresas privadas. Tamén a nivel institucional, intervimos nun proceso no a Xunta de Galicia lle pediu á sociedade pública Neiker-Tecnalia, (Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario) unha tonelada de semente de Pataca Fina de Carballo para darlla a Calizas de Calfensa. Como é algo público, nós tamén temos dereito a solicitar esa semente e fixémolo e nos deron a cada un de nós 5 quilos de pataca. O que nos quedou claro con isto é que, en cuestión de sementes, a administración está a traballar man con man coa empresa privada.

Que opinas do novo regulamento de sementes da Unión Europea? Pensas que pode interferir no labor da RGS?

A nosa principal reivindicación é que as sementes sigan en mans dos labregos e das labregas, e fagan o que fagan para prohibilo en Bruxelas, nós imos seguir traballando na mesma liña. En principio, o novo regulamento permítenos aos labregos e labregas trocar e vender sementes. Pero até aí o bo. En realidade, a nova lexislación de sementes da UE facilita que as empresas do sector poidan entrar tamén aí, pois nós para elas somos un nicho de mercado sen explotar. Seguimos sen ter a seguridade de que as sementes labregas non vaian rematar en mans das empresas privadas, polo que nós imos seguir loitando. O regulamento trae algunhas cousas boas, como vimos, pero falta por saber como se nos van aplicar algúns aspectos, como as normas fitosanitarias. Por exemplo, as sementes labregas non entrarían dentro das sementes ecolóxicas certificadas, e os produtores e produtoras de ecolóxico terán que pedilas fóra, mesmo a Alemaña, cando podiamos tela aquí. Ao final é o de sempre, os distintos gobernos, sexa na UE ou aquí, fan políticas para favorecer que as empresas se fagan con control da alimentación. Nós imos seguir traballando. A nosa idea é de resistencia e de xerar cultura sobre as sementes, de facer saber á xente que cando intercambia e traballa con sementes labregas está a facer un acto de desobediencia civil.

Hai pouco participaches en representación do SLG nun Encontro Europeo sobre Sementes Labregas en Gaillac (Francia). Están moi estendidas as redes de sementes polo Estado e pola UE? Que relación ten con elas a RGS?

As redes de sementes están moi estendidas. Nós temos contacto coa Rede de Sementes Estatal, que nos apoiaron dende o comezo con formación; tamén temos bastante contacto coa Rede de Portugal. Cada vez somos máis e cada vez vai a haber máis resposta. Cada vez achégase máis xente nova ao campo, politicamente moi consciente e coas ideas moi claras, e moi sensible á cuestión das sementes. E a xente nova ten unha grande capacidade de dinamización, de introducir estas cuestións nas redes sociais, en Internet, xerando moita información. Trátase dun labor moi importante para que a xente que se achega ao campo saiba desta problemática e a incorpore. Neste senso, a experiencia de Gaillac foi moi interesante. Interesoulles moito a Rede Galega de Sementes e lles chamou moito a atención porque a nosa experiencia é máis de base, desenvolvida por labregos e labregas directamente e non a través de estruturas como institucións ou sindicatos. Iso gustoulles porque chegas a outros niveis sociais non tan implicados politicamente aos que non das chegado doutro xeito, de maneira que tes unha incidencia social máis ampla. Isto interesou moito en Gaillac, xa que hai un grande interese en mellorar o traballo ao redor das sementes e lograr unha maior implicación social para que discursos como o da Vía Campesina ou o da loita polas sementes a nivel global involucre á maior cantidade de xente posible. Creo que este movemento se está a espallar coa mesma facilidade que o fan as sementes. 

Gaillac sementes

Intervención de Belén Fervenza no Encontro sobre Sementes de Gaillac (Franza), o 29 de outubro de 2013