A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Ponteareas acollerá unha nova edición da Feira de Outono

Ponteareas acollerá unha nova edición da Feira de Outono

2 de Novembro do 2016

Feira Outono Ponteareas

A Praza Maior de Ponteareas será escenario dunha nova edición da Feira de Outono na fin de semana do 4, 5 e 6 novembro. Así o anunciamos en rolda de prensa as entidades organizadoras desta Feira: Centro de Recuperación de Cultura Popular, Asociación Xuvenil Galiza Nova, Sindicato Labrego Galego e Concello de Ponteareas.

A Feira de Outono, que alcanza a novena edición, iniciarase o venres 4, dende as 17:30 horas con xogos tradicionais para nenas e nenos na carpa situada na Praza Maior. Ás 20:30 horas terá lugar na Biblioteca Municipal, unha charla co obxectivo de achegar á cidadanía o mundo dos fungos e cogomelos, impartida por Anxo Fernández.

Segundo indicou o seu coordinador, Miguel Bouzó, a Feira de Outono ten como obxectivo a promoción, potenciación e valorización dos produtos propios do outono, así como a aposta polo consumo consciente, local e de proximidade en base a sustentabilidade do medioambiente, da actividade empresarial e ao coidado do territorio. Neste sentido, o sábado 5 e domingo 6 terá lugar na propia carpa da Praza Maior a exposición e venda de produtos tradicionais e ecolóxicos, como mel, galletas, chocolate, queixo, viño, pan, requeixo, mirabeis, conservas, produtos de horta, doces, cervexa ou licores. Ademais, haberá un espazo de librería con guías do outono e de artesanía, así como diversas actividades e xogos infantís.

A micoloxía ocupará unha parte importante desta Feira de Outono. O sábado dende as 16:00 horas está programada unha saída micolóxica guiada dende a Praza Maior para efectuar a recollida de cogomelos, que formarán parte da exposición micolóxica da xornada do domingo. Para pechar a xornada do sábado, ás 20:00 horas, terá lugar un concerto do grupo Naiama.

Na tarde do domingo celebrarase un magosto popular dende as 17 horas, que estará amenizado polo grupo de musica “Os Monifates”. Para concluír a IX Feira de Outono, realizaranse varios sorteos con produtos tradicionais e ecolóxicos que conforman a feira.

Dende a organización agradecen ao Concello de Ponteareas a colaboración por segundo ano consecutivo, xa que “grazas a esta colaboración puidemos recuperar a feira e facer que medre ano a ano”, indican.

Pola súa parte, o Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, destacou que “é necesario que as administracións públicas apoiemos este tipo de iniciativas que promoven o consumo de produtos naturais, ecolóxicos, ou de artesanía, xa que eventos como a Feira de Outono facilitan a posta no mercado destas producións agrarias e artesanais, ao tempo que axudan a dinamizar a actividade comercial alí onde se celebran” 

Feira Outono Condado Feira Outono Condado 2