A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego Galego condena as accións represivas perpetradas pola policía contra os Sem Terra do Brasil

O Sindicato Labrego Galego condena as accións represivas perpetradas pola policía contra os Sem Terra do Brasil

5 de Novembro do 2016

Represión MST

O Sindicato Labrego Galego solidarízase cos irmáns e irmás do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST), pertencente a La Vía Campesina coma o SLG, pola escalada represiva que están a sufrir por parte da policía, do sistema xudicial e da clase política máis rancia do Brasil. Dende a Galiza, condenamos a invasión policial vivida onte mesmo, 4 de novembro, na Escola Nacional Florestan Fernandes (ENFF), en Guararema (São Paulo).

Nesta acción, axentes fortemente armados sen identificar e sen orde xudicial entraron no recinto educativo do MST utilizando munición real para amedrentar ás persoas alí presentes, realizando varios estragos no inmoble, detendo dúas persoas e agredindo ao profesor Ronaldo Valença, de 64 anos de idade e con Parkinson, cando lles esixiu a súa identificación. Valença acabou cunha costela rota, segundo a diagnose médica posterior.

Na mesma mañá, a Policía Civil do Paraná expediu catorce ordes de prisión e dez de busca e captura contra Sem Terra nunha operación que se levou a cabo, ademais de no estado de Paraná, en São Paulo e Mato Grosso do Sul.

As imaxes gravadas en vídeo son boa mostra da violencia sumaria e gratuíta empregada por comandos fortemente armados nun recinto educativo, máis propia dunha ditadura que dunha sociedade democrática; e dan fe da tentativa de intoxicar posteriormente con informacións falaces, como o comunicado da propia policía no que se afirma que preto de 200 Sem Terra tentaron desarmar aos axentes.

Vaia, pois, a nosa aperta solidaria dende Galiza para os irmáns e irmás do MST nestes momentos tan difíciles e a nosa máis firme e rotunda condena contra estas accións represivas e os poderes políticos, xudiciais e mediáticos que as fixeron posible e que as xustifican.

Represión MST